O Concello de Santiago organiza este ano a XXIX edición do Premio Blanco Amor de novela

Comunicado do Concello de Santiago, do 22 de xuño de 2011:
“O Premio Blanco Amor de novela é organizado cada ano por un dos concellos adheridos ao mesmo e o organizador nesta edición, a número vintenove, é o Concello de Santiago.
Durante estes meses pasados o Concello de Santiago estivo xestionando a confirmación de participación do resto de localidades adheridas ao premio e o retraso nestas confirmacións non permitiu convocar oficialmente o Concurso. Dende o Concello lamentan profundamente as molestias que puido causar este retraso no calendario do Premio e anuncian que a convocatoria, á espera da confirmación oficial de dous concellos, farase nos vindeiros días.
O Premio Blanco Amor de novela longa foi creado no ano 1981, por iniciativa do Concello de Redondela. Forman parte da súa organización os concellos galegos que ao longo da súa traxectoria se foron adherindo a el. Cada convocatoria corre a cargo dun concello elixido por sorteo na edición do ano anterior de entre os adheridos que aínda non foron organizadores. No acto de entrega da XXVIII edición do Premio Blanco Amor celebrada o 24 de abril de 2010, no Concello de Poio, tivo lugar o sorteo do organizador da seguinte edición que recaeu no Concello de Santiago de Compostela.
O Concello de Santiago, tal e como lle corresponde, convidou a participar a todas as demais localidades e os trámites necesarios para estas adhesións alongaron un pouco o proceso pero obviamente, dende o Concello mantense o compromiso. Por iso, tan pronto chegue a confirmación oficial das dúas localidades que faltan poñerase en marcha o procedemento de convocatoria do premio, que consistirá na aprobación das bases do premio en Xunta de Goberno Local para a continuación publicalas no DOG, así como nun xornal de ampla difusión.
A partir de aí marcaranse as datas de recepción dos orixinais e o nomeamento dos membros do xurado e, entre dous e tres meses despois do peche do prazo de recepción de orixinais, terá lugar o fallo e a entrega do premio nun acto no que tamén se realizará o sorteo do concello organizador da seguinte edición. A pesar de que o Premio aínda non foi convocado, hai autores que enviaron xa os seus orixinais. Estes orixinais están custodiados debidamente e seranlle entregados ao xurado a non ser que algún dos autores quixera retiralos e presentalos de novo dentro do prazo oficial.”

Xavier Rodríguez Barrio: ‘Os recitais son a forma máis directa de facer chegar a poesía ao receptor’

Entrevista a Xavier Rodríguez Barrio en Galiciaé:
“- Galiciaé (G): Fálenos deses outros proxectos…
– Xavier Rodríguez Barrio (XRB): Aparte de estar traballando na elaboración doutro poemario, que comecei dunha forma case paralela a este, e de desempeñar o cargo de coordinador de normalización lingüística na Deputación de Lugo; adiqueime á paixón que teño polo recitado, unha actividade que desempeñei xunto a Luciano Pérez. Xuntos fixemos unha montaxe musical moi moderna. Percorremos vilas e cidades de Galicia, Portugal; Madrid e Barcelona. Mesturábamos instrumentos como a zanfona recitando poesía moderna e contemporánea. Imaxínate o poema de Ferrín Magnolias recitado con instrumentación medieval. Tamén recitabamos outros autores como Manuel Cuña Novás, Tovar ou Manuel María, e mesmo os trovadores que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas de 1998. Durante os anos 96, 97, e 98 recitamos unhas montaxes musicais cos clásicos e moitos dos contemporáneos; desde os precursores Curros, Rosalía… ata García-Bodaño e Manuel María. Son un grande amante dos recitais, é unha forma directa de facer chegar a mensaxe ao receptor. Prefiro que a xente escoite os meus poemas a que os lean. Baixo a miña opinión é a mellor maneira de divulgar a poesía, ademais cando publiquei o meu primeiro libro tiven a sorte coincidir dous grandes mestres nisto de recitar: Uxío Novoneyra e Carlos Oroza. (…)
– G: Como lingüísta, ¿como ve a saúde do galego na actualidade?
– XRB: A saúde do galego é boa comparandoa a cando eu comecei a escribir. Daquelas non había máis gramática que a de Ricardo Carvalho Calero e estaba en castelán: Gramática elemental del gallego común. E o único diccionario que había era o de Xose Luís Franco Grande, un tocho vermello publicado por Galaxia. Desde logo o avance é abismal a nivel de implantacion e saúde, o avance é infinitamente grandioso. Outra cousa e que a estas alturas, uns 30 anos despois da normalización lingüística debería haber un tipo de implantación máis avanzada da que hai. E desde logo o que o idioma estea baixo un constante sometemento aos vaivéns das lexislaturas dunha ou outra cor, facendo que unhas veces suba, outras baixe, outras oscile, outras quédase aí… É como o poema de Xosé María Díaz Castro, Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. Eu creo que o idioma ten que ser respeitado politicamente con independencia da cor que teña. É un apoio indispensable para a saúde perfecta, ideal e plena do idioma.”

Miro Villar: ‘O naufraxio dos afectos’

Entrevista a Miro Villar en Galicia Hoxe:
‘(…) Ao seu ver, a “mercantilización do mundo literario está a chegar, ao meu pesar, ao mundo da poesía”. Exemplifícao con dous escritores que veñen de participar no Litvi, o encontro de literatura de viaxes que se está a celebrar en Compostela. “Que un autor como Antonio Gala teña unha lexión de seguidores máis grande que Julio Llamazares é algo que sorprende. A mercantilización do mundo literario acaba por desvirtuar o feito literario”, asegura. (…)
Mais logo de baixar aos infernos dos recordos e das perdas, o poeta reúne esas crebas para volver cunha mensaxe positiva: “cómpre volver á vida”. “Todo flúe no libro. Pero logo dunha primeira lectura pensei que podería quedar un pouso melancólico. Por iso quixen facer unha chamada á esperanza, para tratar de combater a derrota da nostalxia. Coma se as crebas cobrasen nova vida. Do mesmo xeito que aqueles que as recollen á beira do mar as utilizan como combustible. Toda creba, ao final, é un refugallo que se reutiliza”, explica Villar.
Aínda que a primeira vista, o poemario de Miro Villar está escrito en verso libre, en realidade, son un conxunto de sonetos. “O libro ten un truco: son 31 sonetos brancos en alexandrinos pero dispostos como prosa poética por unha razón estética: quería experimentar co que visualmente é o poema en prosa e demostrar que o soneto ten moita vixencia”, explica o autor.
Villar está convencido de que o soneto “está desprestixiado” hoxe en día. De feito, na súa opinión, “se este libro aparecese nas mans do xurado do premio na súa forma orixinaria, seguro que habería algunha razón para non ser premiado”, asegura.
Para o escritor de Cee, a clave está en “dotar o soneto de contidos máis acordes coa contemporaneidade, modernizalo porque ten un ritmo propio que neste libro, pola súa disposición, está disimulado pero moita xente xa o observou despois de lelo”, apunta o autor de Gameleiros.’

Manuel Portas: ‘O extraordinario do cotián’

Entrevista a Manuel Portas en Galicia Hoxe:
‘En canto ó estilo, respecto á lingua, [Un dedo manchado de tinta] non é moi diferente de Denso recendo a salgado. “É unha lingua moderna, urbana, desruralizada. Temos que ter un estándar de lingua urbana. E creo que este é un esforzo que se está levar á práctica na literatura actual”, indicou. Acompaña ó libro un CD do grupo Loaira, cun tema composto para cada un dos personaxes principais da novela.
“Creo que o futuro pasa pola multidisciplinariedade. Xuntar distintas expresións artísticas: literatura, danza, música… Clara Pino fixo as letras a partir da novela, e compuxo tamén a música con Rubén Abel”, comentou, por último. (…)
“Creo que a xente non é consciente do mal que se lle está a facer á lingua, indo contra elementos do pacto social básico sobre a lingua, como a lei de normalización ou a toponimia. É lamentable o que está a pasar, e non só pola repercusión directa das medidas que están a supor un retroceso, senón por como van afectar ó prestixio social da lingua”, opina.
O actual alcalde da Coruña desafía a lei de toponimia, a Xunta aplica un decreto sobre o uso do galego no ensino “feito en alianza coa ultradereita….”.
“A lingua é de todos, e é de todos a obriga de defendela. E mentres no se decaten disto, non imos avanzar. Non vale nin atacala, nin apropiarse dela”, reflexionou Portas.’

A Coruña: VIII edición dos Encontros Milpedras, recital conxunto de poesía, música e artes plásticas

O venres VIII Encontro Milpedras24 de xuño, ás 21:00 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, nº 3, baixo) da Coruña, terá lugar a VIII edición dos Encontros Milpedras, coa participación poética de Celso Álvarez Cáccamo, Estíbaliz Espinosa e Branca Novoneyra, en paralelo á música de Karlos Barral e Alberto Laso, e a intervención dos artistas plásticos Carlos Botana e Nando Lestón.

Convocados os Premios da Cultura Galega

“O Diario Oficial de Galicia publicou o 21 de xuño a orde da Consellería de Cultura e Turismo pola que se convocan os Premios da Cultura Galega para 2011, co obxecto de apoiar o labor creativo na Comunidade e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade. A Consellería de Cultura e Turismo premiará o traballo creativo da nosa comunidade e a súa expansión no exterior a través de sete modalidades: Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, Promoción Cultural de Galicia, Música e Creación Audiovisual. O prazo de presentación de candidaturas amplíase este ano a dous meses, contados a partir do mércores 22 de xuño.

Premio Cultura Galega das Letras.
Dirixido a persoas ou entidades con traxectoria vencellada á escrita galega, que se consideren con méritos especiais no que atinxe a recursos literarios, investigación de linguaxes propias, innovación no plano expresivo, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a fortalecer o sistema literario galego e a súa imaxe pública interna ou externa.

Concédese un único premio en cada unha das modalidades descritas e non poderá recaer máis dun premio na mesma persoa. O premio consistirá nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.
O xurado para o ano 2011 estará formado por un máximo de 12 membros. O presidente será o conselleiro de Cultura e Turismo e serán vogais o presidente do Consello da Cultura Galega ou persoa designada por el, os tres reitores das universidades galegas ou persoas designadas por eles, o presidente da Real Academia Galega ou persoa designada por el, a presidenta da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario ou persoa designada por ela, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos e catro profesionais de recoñecido prestixio, designados pola Consellería de Cultura e Turismo. A decisión do xurado resolvendo o outorgamento dos premios farase pública a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Cultura e Turismo.

Xosé Neira Vilas doa á Real Academia Galega 304 documentos epistolares

“O escritor e académico Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928) entregoulle onte á Real Academia Galega, 304 cartas orixinais, algunhas manuscritas, outras mecanografiadas, que lle remitiron máis de 30 galeguistas desde 1956. Fíxoo onte nun sinxelo acto ante o presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o secretario, Xosé Luís Axeitos. Entre as persoas coas que mantivo correspondencia, e que se reflicte na documentación entregada, figuran Xosé María Álvarez Blázquez, Avilés de Taramancos, Eduardo Blanco Amor, Xesús Canabal, Ricardo Carvalho Calero, Manuel Colmeiro, Carmen e Rafael Dieste, Salvador Espriu, Celestino Fernández de la Vega, Ben-Cho-Shey, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Filgueira Valverde, Antonio Fraguas, Domingo García Sabell, Nicolás Guillén, Manuel María, Sebastián Martínez Risco, Xoán Naya, Xosé Núñez Búa, Laxeiro, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Xaime Quesada, Manuel Rey Ponte, Maruxa e Luís Seoane, Agostinho da Silva, Luis Soto, Luis Tobío, Carlos Velo ou Mariví e Ramón de Valenzuela.” Vía Galicia Hoxe.

A Pobra do Caramiñal: presentación de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz

O venres 24 de xuño, ás 20:30 horas, na Librería Ler (Rúa Paz, 8) da Pobra do Caramiñal, preséntase o libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado por Xerais. No acto, organizado pola editora, a librería e a Asociación Cultural Barbantia, acompañarán ao autor Xosé Luís Axeitos, Fidel Vidal, Xosé Ricardo Losada e Xesús Laíño.