IV Encontro de Pintura e Poesía de Culleredo

O venres 6 de maio, de 10:00 a 20:00 horas, na Aula de Natureza do Xardín Botánico do Burgo (Culleredo), celébrase o IV Encontro de Pintura e Poesía de Culleredo, organizado pola Concelleria de Cultura do Concello de Culleredo, no que participan 50 artistas, poetas, pintores, escultores, acuarelistas e fotógrafos que traballarán sobre pintura e poesía. A xornada está dedicada á Pintura e poesía diante da situación social (cambio climático, revoltas sociais, guerras, abusos, desigualdades, maltrato, fame, etc.). De xeito individual e colectivo os artistas traballarán sobre un poema inedito coa temática anterior, feito para a ocasión polos recoñecidos poetas galegos: Miguel Anxo Fernán-Vello, Yolanda Castaño, Xulio L. Valcárcel, Eva Veiga, Dores Tembrás, Luz Campelo, Pablo Bouza, Diana Varela, Carlos Pereira, Olga Patiño e Lino Braxe. Os artistas plásticos participantes son: Alfonso Costa, Ali Ali, Antón Sobral, Pedro Bueno, Alfredo Erias, Emilio Celeiro, Luísa Valdés, Ramón Astray, Gosia Trebacz, Manuel Gandullo, Isabel Pintado, Manuel Suárez, Lola Beade, Óscar Cabana, Marta Pardo de Vera, Raúl Álvarez, Victoriano Fernández, María Martínez, Nito da Vila, Miguel Melero, Laureano Vidal, José Juncosa, Teresa Faginas, Begoña Tojo e Paco Ascón; os escultores Manuel Patinha, Francisco Escudero, Iria Rodríguez e Enrique Tenreiro; e os fotógrafos Luis Gabu e Fran Torrecilla.

Ismael Ramos, Concepció Rubert e Lucía Laíño gañan o XVI Premio Literario Ánxel Casal nas modalidades de poesía, teatro e conto

Os membros do xurado, formado por Mercedes Rosón Ferreiro, Marcos Calveiro, Dores Tembrás, Manuel Bragado, Rosa López Gato e Xosé M. Rodríguez-Abella Gómez como secretario, do XVI Premio Literario Ánxel Casal, deron a coñecer os gañadores desta edición, que neste caso recaeron en alumnos de colexios e institutos de Santiago, Noia e Boiro. En total presentáronse case 40 traballos chegados de toda Galicia.
– Na modalidade de Poesía, o primeiro premio recaeu en Ismael Ramos Castelo, do I.E.S Virxe do Mar, de Noia, polo traballo Casa Tomada. Segundo o xurado, “hai que destacar o traballo na arquitectura do poemario constituído por catro partes e un post scriptum. É interesante o diálogo entre as citas, dunha estirpe de escritoras moi concreta, e a aportación do autor. Ademais debe salientarse a tensión reservada para o derradeiro verso, na súa precisión e no coidado da palabra”.
O traballo presentado por Helena Salgueiro Golán, do IES Antón Fraguas, de Santiago de Compostela, co título O transitorio das palabras foi merecente segundo o xurado do segundo premio xa que “quere chamar a atención sobre o traballo desenvolvido coa linguaxe, e a utilización do espacio do poema poñendo a proba a sintaxe. É interesante, así mesmo, o tratamento da palabra en relación ao silencio e a contención como fórmula que resolve o desencontro no acto poético”.
– No apartado de Teatro, a gañadora foi Concepció Rubert Castro, do Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, polo traballo Eros & Psique. O comentario dos expertos destaca a singularidade do tema abordado que actualiza o mito clásico de Eros e Afrodita levando o conflito ao tempo actual. Salienta así mesmo a fluidez da escrita e a estrutura dramática moi coidada, tanto nas acoutacións como no desenvolvemento dunha peza concibida para ser representada. O segundo premio declarouse deserto.
– En canto aos traballos presentados na modalidade de Conto, Lucía Laíño Lojo, do IES A Cachada., de Boiro, acadou o primeiro premio coa obra SMP15. Para o xurado, estamos ante un conto que é unha novela, que engaiola pola ambición da narradora de contalo todo, cunha estructura orixinal, actual e cun elemento fantástico moi ben introducido no mundo real. En segundo posto quedou Alba Sofía Naseiro Lamas, do IES Basanta Silva., de Vilalba, co título Os ollos da pantasma, un relato de pautas, de estilo clásico, con clara inspiración gótica e vitoriana, apuntando unha linguaxe imitadora da novela do XIX.
Máis información e a acta orixinal do xurado poden ser consultadas aquí.

Santiago: actividades do xoves 5 na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) até o vindeiro domingo 8 de maio, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que estará aberta de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
As actividades do xoves 5 son as seguintes:
– 18:00 h. Obradoiro de ilustración: Como nace un personaxe. Realización a cargo do ilustrador Xosé Tomás. Actividade realizada coa colaboración de Gálix.
– 19:00 h. O escritor Xabier P. DoCampo presenta o seu libro O misterio das badaladas, publicado por Edicións Xerais. Manuel Bragado, director da editorial, manterá unha conversa con Xosé Cobas (ilustrador do libro) e co autor.
– 20:00 h. Presentación do libro As palabras que move o mar, de Xaime Toxo, publicada por Edicións Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.

– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.

Santiago: presentación de Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), de Emílio Xosé Ínsua

O xoves 5 de maio, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), de Emílio Xosé Ínsua, publicado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro. No acto o autor estará acompañado por Francisco Fernández Rei, Luís Rei e Manuel Portas.

Ourense: conferencia de César Cunqueiro sobre Álvaro Cunqueiro ou a literatura do paraíso

O xoves 5 de maio, a partir das 20:15 h., na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, remata o IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, organizada pola Sección de Literatura desa entidade, con Álvaro Cunqueiro ou a literatura do paraíso, a cargo de César Cunqueiro. Deixamos aquí este .pdf coa programación completa: Ciclo Visións de Galicia Liceo de Ourense.