Bonito pra chover 2025. Festival de arte e cultura brasileira en Santiago de Compostela. Recital poético-musical, o 23 de outubro

A AELG colabora co Bonito pra chover, contando co apoio de CEDRO.

Bonito pra chover é un Festival de arte e cultura brasileira en Santiago de Compostela, con diversas actividades que terán lugar durante o mes de outubro de 2025.

Do 20 ao 26 de outubro de 2025 Santiago acollerá a fusión de culturas galega e brasileira: o II Festival Bonito Pra Chover. O festival é unha homenaxe a Galiza, adoptada como casa propia. O presente a compartir será a arte que desborda o Brasil chegando á Galicia. Como na primeira edición no 2024, en outubro Compostela vai ter chuvia de poesía, música, cine, imaxes diversas, sabores e encontros que o Bonito Pra Chover traerá á cidade. O festival rende homenaxe á riqueza cultural que entrelaza acentos e historias das dúas bandas do océano. Bonito Pra Chover reflicte esta pluralidade. En 2024 estiveron presentes distintos estados do Brasil: Ceará, Roraima, Rio de Janeiro e Tocantins. Nesa segunda edición, ampliamos e a maiores recibimos representantes de Bahia e Minas Gerais. O Bonito Pra Chover trae a Galicia un Brasil que non se ve nos titulares, senón que pulsa en cada recuncho, coas súas cores, voces e sabores. Serán distintas expresións e ámbitos culturais, dende a música á poesía ou o cinema, nesa semana iremos cantar, bailar, recitar e ver o cinema brasileiro. Tamén provaremos a súa gastronomía, compartindo coa Galicia un Brasil diverso. Así que agardamos encher Santiago de arte para mergullalo nos matices culturais do Brasil. Máis que un evento, Bonito Pra Chover é unha oportunidade para coñecer. Unha invitación ao intercambio entre culturas irmás, un abrazo cálido que estende as mans de Galiza ao Brasil e viceversa. O programa variado e atractivo trae unha axenda inescusable para quen queira sentir, escoitar e degustar esta unión cultural. Estamos seguros de que cada evento ha ser unha celebración dese encontro feito de artistas, pobos e desexos.

Para máis detalles sobre o evento, horario completo e información adicional sobre os artistas, visite a web e siga o Instagram.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) colabora no recital poético-musical que terá lugar o 23 de outubro de 2025, ás 18:00 horas, na Casa do Taberneiro (Rúa San Pedro, 15), en Santiago de Compostela, con entrada libre até completar capacidade.

O programa previsto é o seguinte:

Leituras de textos do poeta brasileiro Eliakin Rufino: Cesáreo Sánchez Iglesias Diana Kurich Luiza Fernandes

– Música ao vivo con: Bartira Fortes Léo Pinheiro Viny Brasil

O resto de actividades do Festival poden consultarse nesta ligazón.

A Coruña: VIII Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria, o 24 de outubro

A AELG organiza as VIII Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria, en colaboración coa Universidade da Coruña, ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua, que nesta nova edición ten o título de A creación de Monstr3s. Un percorrido pola cadea do libro.

Terá lugar o venres 24 de outubro, ás 19:30 horas, no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André 36, 1º, A Coruña). A entrada é libre e gratuíta.

O obradoiro-coloquio contará coa presenza de:
Laura Parrula.
Óscar Villán.

Desde a Universidade da Coruña colaboran con esta actividade as profesoras Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire, Patricia Carballal Miñán e Andrea Maceiras Lafuente.

Homenaxe a Florencio Vaamonde Lores en Bergondo, o 19 de outubro

A AELG súmase á Homenaxe a Florencio Vaamonde Lores en Bergondo, que terá lugar o 19 de outubro, no centenario do seu pasamento.

Florencio Vaamonde Lores (Ouces, 1860 – A Coruña, 1925), escritor, tradutor e activista cultural ponte entre o Rexurdimento literario e as Irmandades da Fala.
Cultivou o xénero lírico (Os Calaicos, Mágoas, Follas ao vento), publicou novelas e relatos de costumes (Anxélica, Bestas Bravas), destacou polos seus estudos históricos, ensaísticos, e foi precursor na tradución ao galego dos clásicos grecolatinos (Odas de Anacreonte).
Foi membro fundador da Real Academia Galega, participou na creación de entidades como as Irmandades da Fala e tomou parte en diversos faladoiros literarios como os da Cova Céltica da Coruña, onde compartía espazo con Eduardo Pondal e Manuel Murguía, entre outros.
Aínda que viviu a maior parte da súa vida adulta na Coruña, nunca perdeu o vencello coa súa terra natal: a parroquia de Ouces. Bergondo non só foi o lugar de nacemento, senón tamén o seu berce espiritual, onde se alimentou da cultura popular, da lingua e da memoria histórica que inspiraron a súa traxectoria vital, literaria e galeguista. Hoxe, lembramos a Florencio Vaamonde Lores como un símbolo de identidade de Bergondo e como un elo vivo entre o seu pasado e o seu futuro.

PROGRAMA

Para as persoas que queiran asistir á Misa na memoria de Florencio, o lugar de encontro será a Fragachán de Ouces ás 9:30, onde deixarán os coches para irens camiñando ata a Capela de San Gregorio (tamén haberá un autobús para as persoas que o precisen).

Como chegar á Capela de San Gregorio

– 10:00 Na Capela de San Gregorio: a Misa na honra de Don Florencio Vaamonde Lores.

– 10:30 Desde a Capela de San Gregorio, roteiro literario pola parroquia de Ouces, lugar de nacemento de Don Florencio Vaamonde Lores.
– Aldarete
– Casa Grande dos Vaamonde
– Casa de José Mª Vaamonde Malvido (tío)
– Fonte do Picho,
– Centro Social Antonia Pato Pardo (antiga escola)
– Fonte da Curuxa
– Casa do Río
– Castro de Bergondo e castro de Reboredo
– O Roibal
– Igrexa de San Xoán de Ouces

Descargar o roteiro

– 12:15 Homenaxe, acto institucional e ofrenda floral na igrexa de San Xoán de Ouces.

– 13:00 Na Senra:
– Faladoiro con Isabel Seoane e Teresa Amado, estudosas da obra e do legado de Florencio Vaamonde Lores.
– Actuación musical de Manoele de Felisa.
– Petiscos na honra de Florencio Vaamonde Lores.

Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2025: Do cantar ao contar: a tradición oral na sociedade multicultural. Paula Carballeira: “Contar a vida. A identidade e a memoria”, o 23 de outubro

A edición de 2025 do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil ten lugar baixo o título xeral de Do cantar ao contar: a tradición oral na sociedade multicultural. A AELG colabora con esta actividade ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño, Carla Míguez e María González Cerdeira (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

Desenvolverase os días  2, 9, 16 e 23 de outubro de 2025, ás 18:00 horas, na sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense.

A inscrición é de balde e pode facerse aquí.

Está en proceso o recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección.

O programa é o seguinte:

23 de outubro
Paula Carballeira
Contar a vida. A identidade e a memoria

30 de outubro
Luís Prego
Prende no colo. Recitados e cantigas de tradición oral para a cativada