Gondomar: nova edición de A hostia en verso, recital de poesía e música

O sábado 30 de abril, ás 22:00 h., na Casa da Lectura (Nogueira, 8, Donas) de Gondomar terá lugar unha nova edición do singular e itinerante enfrontamento de poetas A hostia en verso. Desta volta concorrerán aos comicios poéticos Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Lara do Ar, Elvira Riveiro, Eduardo Estévez e Miguel Valverde ou o que é o mesmo: Poetas corruptos versus Poetas mafiosos!. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xa sacaron da súa mente enferma un número sorpresa. Contará tamén coa intervención musical do dúo electrónico IgMig.

Lugo: presentación de Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo, de Rafael Quintía

O venres 29 de abril, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo (Unha proposta interpretativa en clave céltica) de Rafael Quintía, publicado en Serpe Bichoca. No acto proxectarase tamén unha versión reducida do documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica, coa presenza de João Bieites, realizador e codirector —xunto a Rafael Quintía e Calros Solla— deste traballo audiovisual, considerado o primeiro documental de longa duración sobre mitoloxía galega.

Ourense: conferencia de Xesús Alonso Montero sobre Álvaro Cunqueiro xornalista

O venres 29 de abril, a partir das 20:15 h., na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, comeza o IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, organizada pola Sección de Literatura desa entidade, con Álvaro Cunqueiro xornalista, antes e despois de 1936, a cargo de Xesús Alonso Montero. Deixamos aquí este .pdf coa programación completa: Ciclo Visións de Galicia Liceo de Ourense.

Lugo: Xornadas Cultura e Territorio, organizadas por ADEGA

O sábado 30 de abril desenvolveranse no Salón de Actos da Deputación de Lugo as Xornadas Cultura e Territorio, organizadas pola Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo e ADEGA. O programa, que pode ser descargado neste arquivo .pdf: Xornadas Cultura e Territorio ADEGA 2011, está composto por:
09:00 h. Recepción dos participantes no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo
09:30 h. Inauguración das Xornadas a cargo dos representantes da organización do evento (ADEGA) e representantes da Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo.
10:00 h. Mesa Redonda: A Tradición Oral e o Territorio:
Ponte nas Ondas. Experiencia educativa entre escolas de Galiza e o norte de Portugal. Xerardo Feijoo Rapela, mestre e Secretario da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas.
Antonio Reigosa. Escritor, conferenciante e investigador da mitoloxía popular de tradición oral.
• Proxecto Montaña Máxica (Monte do Seixo) e Proxecto dos Sete Camiños. Exemplos
de espazos degradados e proxectos de recuperación e posta en valor dos mesmos. Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca: Rafael Quintía; Antropólogo e economista. João Bieites: Licenciado en Belas Artes e mestre de Artes Plásticas. Modera: Branca Villares. Mestra de música tradicional galega e socia de ADEGA.
11:30 h. Coloquio-Debate.
12:30 h. Conferencia Carlos Taibo: Teoría do decrecemento. Politólogo galego, profesor titular de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid. Presenta: Adela Figueroa Panisse. Bióloga, escritora e mebro da Directiva Nacional de ADEGA.
13:30 h. Coloquio-debate.
– 16:00 h. Mesa Redonda: Cultura e Territorio:
• Ricardo Polín: Profesor de Língua e Literatura galega, experto no Camiño Primitivo.
• Xosé Manoel Rosales: Arquitecto galego e coordenador do Proxecto Terra.
• María López Sandez: Doutora en Teoría da Literatura e autora de Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio.
Modera: Carlota Eirós, arquitecta e socia de ADEGA.
17:15 h. Coloquio-debate.
18:00 h. Mesa Redonda: Arquitectura e Territorio:
• Manuel Gallego Jorreto: Arquitecto, Catedrático de Proxectos na ETSAC.
• Pascuala Campos Michelena: Arquitecta e catedrática de proxectos na ETSAC.
A Cidade dos Barrios: Plataforma de difusión e reflexión sobre A Coruña coordinada por Luciano G. Alfaya e Patricia Muñiz e organizada polo COAG desde a súa delegación de A Coruña.
Modera: Alberte González Rodriguez. Presidente da Delegación COAG de Lugo.
19:15 h. Coloquio-debate.
19:45 h. Clausura das Xornadas.

Fisterra: presentación de Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez

O venres 29 de abril, a partir das 19:30 h., no Salón de Actos (Rúa Santa Catalina, 1) do Concello de Fisterra, preséntase o libro Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez, publicado en Ir Indo. No acto terá lugar un recital poético a cargo da propia autora, acompañada á guitarra por Estela Martínez Martínez e Alejandro Lorenzo Díaz.

Freixanes: “A grande épica dos galegos sodes vós” (anuncia Mar Maior, o selo de Galaxia no exterior)

“(…) Antes de lle deixar paso á presentación multimedia, o editor [Víctor Freixanes] anunciou a creación dun selo co que Galaxia vai capitalizar a presenza mundial dos galegos e galegas da emigración: “Mar Maior é un proxecto no que dende a editorial vimos traballando dende hai tempo. Trátase dun selo editorial que proxectará a cultura galega e Galicia a través da rede social dos galegos no mundo”, explicou.
Freixanes lembrou que “a Galicia exterior existe” e engadiu que “debemos saber aproveitala para construír as nosas plataformas de difusión. Unha cultura que non é quen de estar presente no mundo da globalización, en diálogo coas outras culturas desenvolvidas, é unha cultura con problemas, e a cultura galega ten cartas para xogar nesta partida (…)”.
A nova completa pode verse aquí.

Boiro: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O venres 29 de abril, ás 20:30 h., no Centro Social de Boiro, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Boiro e a Asociación Cultural Barbantia, estarán presentes, ademais do autor, Antón Riveiro Coello, Xesús Laíño, Gerardo Piñeiro e Xosé Deira.