O
xoves 24 de marzo, ás 20:30 h., no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, representarase a peza que a Compañía Inversa Teatro preparou a partir do libro A illa das mulleres loucas de Alfonso Pexegueiro. A obra é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura. Vanesa Sotelo dirixe esta montaxe, con escenografía de Inversa Teatro, deseño de son de Berrogüetto e música de Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (harpa) e coreografía de Vanesa Sotelo e María Caparrini.
Santiago: estrea de Aneis, de Branca Novoneyra
O
xoves 24 de marzo, ás 20:00 h., na Galería SCQ (Rúa Pérez Costanti, 12) de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra presenta Aneis, unha proposta na que a intertextualidade entre a danza e a poesía guía a creación escénica. A peza percorre O aire das acacias, derradeiro poema de Dentro do labirinto, publicado en Espiral Maior en 2009, coa que a autora pecha unha serie de traballos arredor do libro. Aneis é unha curta sobre os amuletos da memoria, sobre a repetición continua dos recordos en fotogramas de películas antigas.
Novo libro de Lois Pereiro: Modesta proposición e outros ensaios
(Xerais)
Pontevedra: presentación de As palabras que move o mar, de Xaime Toxo
O
xoves 24 de marzo, ás 20:00 h., no Auditorio do Café Moderno (Centro de Maiores Novacaixagalicia) de Pontevedra, preséntase o libro de relatos As palabras que move o mar, de Xaime Toxo. O acto contará coa participación de Ramón Rozas (xornalsta e crítico de arte), Antón Sobral (artista plástico), Marta Quinta (intérprete de harpa celta e cantante) e o director de Xerais, Manuel Bragado.
A Coruña: presentación de Galeguismo e liberdade, de Carlos Vázquez Padín
O
xoves 24 de marzo ás 20:00 h., na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase o libro Galeguismo e liberdade. Propostas para o século XXI, de Carlos Vázquez Padín, publicado en 2.0 Editora. O acto contará coa presenza de Fernando del Río, Marcos Lema e o propio autor.
ProTexta nº 17: entrevistas a Antonio Gamoneda, Ana Romaní e Antón Figueroa
O
sábado 19 de marzo chegou aos quioscos galegos o último número de ProTexta, a revista de libros de maior difusión de Galicia. A publicación distribuiuse gratuitamente cos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. A partir do martes 22 de marzo, tamén se poderá conseguir coa revista Tempos.
ProTexta contará nas súas páxinas con Antonio Gamoneda, Premio Cervantes e Nacional de Poesía, nunha conversa de poeta a poeta con María do Cebreiro na que manifesta o seu aprecio pola literatura galega: “Se sacásemos a media cualitativa da literatura de Galicia e a doutras rexións de España, ou do resto de España na súa totalidade, sería máis alta en Galicia. E isto ten que ver coa vontade de vivificar a lingua”.
A poeta e xornalista Ana Romaní, responsábel do Diario Cultural da Radio Galega, afonda nas razóns de ser da súa última obra, Estremas, que supón un xiro consciente nas marcas da súa poética. “A poesía escrita por mulleres nos anos 90 tivo un efecto moi importante en canto a visibilización. Pero ao mesmo tempo foi excesivamente uniformizador, negou subxectividades e imposibilitou lecturas específicas e máis en profundidade”, manifesta. Ao longo dunha ampla entrevista, Romaní dialoga sobre a súa escrita e as súas influencias, racha coas etiquetas coas que foi catalogada, e aborda tamén o seu labor xornalístico e o seu compromiso feminista.
“Un grande escritor non o é só por razóns literarias”, sentencia para ProTexta Antón Figueroa. O filólogo, que adaptou para o caso galego a teoría dos campos literarios de Pierre Bourdieu, conversa ao redor do seu último estudo, Ideoloxía e autonomía no campo literario galego (Laiovento, 2010), que afonda nos mecanismos de poder ao redor da escrita.
Ademais, o amplo abano de colaboradoras e colaboradores de ProTexta, entre os que encontran destacados nomes da literatura e da crítica galega, analiza as novidades máis relevantes dos últimos meses en narrativa, poesía, ensaio, tradución, literatura infantil e xuvenil e banda deseñada.
A Coruña: presentación de A poutada do Oso, de Lois Diéguez
O mércores
23 de marzo, ás 20:00 h., na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, a Asociación de Amigos dos Museos de Galicia e Edicións Laiovento presentan a novela de Lois Diéguez A poutada do Oso. Esta actividade iniciarase coa proxección do dvd De Albre de espranza á Poutada do Oso. Deseguido intervirán: Felipe Castro (axente facultativo medioambiental), Francisco Pillado (director da editorial Laiovento), Felipe-Senén López (arqueólogo e museólogo), e o autor. Desde as 19:00 h., o autor asinará exemplares dos seus libros, na compaña de Felipe Senén.
Convocado o XVI Premio de investigación Xesús Ferro Couselo
O
Concello de Valga convoca XVI Premio de investigación Xesús Ferro Couselo para traballos de investigación de ámbito galego, dentro da especialidade da etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. O prazo de entrega remata o 15 de xuño do 2011. Aquí están as bases íntegras.
XII Certame literario de relatos curtos Os viadutos
O Concello de Redondela convoca o XII Certame literario de relatos curtos Os viadutos. O prazo para a admisión dos traballos péchase o 26 de abril de 2011. As bases completas poden consultarse aquí.
Fallo do I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse
Deuse a coñecer o fallo do xurado do I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse, organizado polo Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa:
“O Xurado composto por:
– José Juan Durán Hermida (en representación da Deputación Provincial)
– Alfonso Saavedra Lourido (en representación do Liceo Casino)
– Soledad Rey Fernández (xornalista do Faro de Vigo, en representación da prensa local)
– José Álvarez Domínguez (en representación dos grupos de teatro local e comarcal)
– Germán Manuel Torres de Aboal (en representación do profesorado e do Liceo Casino)
– Óscar Rodríguez Carballo (Xerente do Liceo Casino, Secretario do Xurado)
Celebrou xuntanza deliberativa o día de hoxe [luns 21 de marzo] de 13:30 h. a 16:45 h., e emitiu o seguinte fallo do I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse:
* 1º) Premio, dotado con 600 euros, do que resultou gañador: Alejandro Gustavo Guanella, residente en Vilagarcía de Arousa, coa obra: Polos opostos (Traxicomedia).
* 2º) Premio, dotado con 300 euros, que foi outorgado a: Ana María Galego Gen, con domicilio en Ferrol, coa obra: Don Matute e a árbore que falaba.
* 3º) Premio, dotado con 150 euros, para María Martínez Barcala, de Vilagarcía de Arousa, coa obra: Todo no seu tempo.
O fallo do xurado é inapelable e os concursantes aceptaron coa súa participación a totalidade das bases polas que se convocou este I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse. A entrega de premios terá lugar o venres 25 de marzo ao final da obra de teatro dese día, dentro da I Semana de Teatro, que se vai celebrar no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa. A Semana de Teatro é dirixida, en primeiro lugar, aos socios do Liceo Casino, pero, tamén nunhas xornadas de portas abertas, para todo o público de Vilagarcía e a súa comarca aos que lles guste o teatro, o noso teatro.
Atte.- Xermán Torres – Vcpte. e Secretario de Actividades Culturais do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa.”