O
sábado 26 de marzo, ás 12:00 h., na Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro, terá lugar un encontro intelectual entre Xosé Luís Méndez Ferrín, escritor e presidente da Real Academia Galega, e Juan José Moralejo Álvarez, profesor e catedrático de grego na Universidade de Santiago, baixo o título Á luz das palabras, con este guión:
1. O mundo clásico na poesía de Ferrín.
2. Gallaecia e as súas etimoloxías.
O acto está organizado pola Asociación Cultural Barbantia, a Deputación da Coruña e o Concello de Boiro.
Ramón Villares: “Manifesto do Teatro Galego”
A película A casa da luz bota a andar con pases privados por toda Galicia
Calo (Teo): presentación de Rianxo na súa historia. Consecuencias da Guerra Civil (1936-1939)
O
sábado 26 de marzo, ás 20:30 h., nos locais da escola da Igrexa de Calo, rehabilitada para actividades culturais, preséntase o libro Rianxo na súa historia. Consecuencias da Guerra Civil (1936-1939), de Xesús Santos e Xosé Comoxo, editado pola Deputación da Coruña.
Dionísio Pereira: “O mundo do mar foi totalmente laminado tras a Guerra Civil”
IV Encontros Cidade da Coruña: Ser Escritor, Ser Escritora
Do mércores
30 de marzo ao venres 29 de abril, os Encontros Cidade da Coruña chegan á sua cuarta edición co lema Ser Escritor, Ser Escritora, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración da Real Academia Galega.
Teremos oportunidade de asistir a catro conferencias, todas no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) ás 20:00 h.:
– Mércores 30 de marzo: Ser Escritora e Africana, Ana Paula Tavares
– Mércores 6 de abril: Creación, Lingua e Identidade, Mariasun Landa.
– Mércores 13 de abril: Vagar nos lindes. Tirar da pel, Ana Romaní.
– Venres 29 de abril: Da natureza e a xeración do pensamento. Linguaxe poética, Antonio Gamoneda.
Ser escritor/escritora significa un determinado xeito de se realizar na escrita.
Ser escritor/escritora significa unha forma de asumir publicamente unha voz que pregunta, cuestiona, compromete e ofrece á sociedade aquela perspectiva alternativa ou mesmo oculta.
O ser do escritor/escritora non obedece ás convencións ou imposicións alleas ás súas conviccións -coas que busca no inexplorado do ser humano-, co que se comunica co ser dos outros, co que coñece o propio ser.
Ser escritor/escritora é ser voz e dar a coñecer o seu consciente ou subconsciente persoal ou colectivo.
Ser escritor é ser dun idioma e dun tempo.
Vigo: inauguración da Biblioteca Xosé Neira Vilas
O
xoves 24 de marzo, ás 18:00 h., na Avenida Martínez Garrido, 21, de Vigo, a Concellaría de Cultura do Concello de Vigo inaugura a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas. Neste acto participan o autor que dá nome á Biblioteca e Cándido Pazó, que representará un extracto do seu monólogo Memorias dun neno labrego.
O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro, seleccionado nos White Ravens 2011
O
pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro, publicado en Xerais, foi seleccionado para a exposición The White Ravens 2011. Dende 1996 a Internationale Jugend Bibliothek de München selecciona, de entre os milleiros de libros publicados cada ano, 250 libros infantís e xuvenís en máis de 30 idiomas e de uns 50 países para organizar a exposición The White Ravens que cada ano se inaugura na Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna. Esta exposición acompáñase coa edición dun catálogo, en lingua inglesa, que contén as informacións bibliográficas e reseñas dos libros seleccionados. Na certificación enviada a Edicións Xerais a Internationale Jugend Bibliothek manifesta: “Pola calidade literaria de O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro foi seleccionado para a exposición The Withe Ravens, 2011 que se organiza anualmente no marco da Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna”. A través de Xerais.
Entrevista a Fran Alonso, autor de O meu gato é un poeta, en Radiofusión
(Xerais)
Ourense: presentación de Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez
O
mércores 23 de marzo, ás 20:15 h., no Auditorio Municipal de Ourense, terá lugar a presentación da novela gañadora do Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2010, Deus xogando aos dados, do xornalista e escritor Fernando Méndez, publicada en Sotelo Blanco.
