Camilo Nogueira obtén o Premio Moncho Valcarce de Defensa da Terra

Camilo Nogueira, un dos nomes clave na evolución do nacionalismo galego, recibirá o Premio Moncho Valcarce á Defensa da Terra, galardón creado pola Irmandade que leva o nome do activista antifranquista, coñecido como O crego das Encrobas. O premio á Promoción da Terra recaeu, desta volta, na Asociación Socio-Pedagóxica de Galiza (AS-PG), movemento de renovación pedagóxica pioneiro no país con máis de trinta anos de actividade na súa traxectoria. Os galardoados recibirán os seus premios nunha gala organizada pola Irmandade Moncho Valcarce o sábado 26 de marzo na Coruña. Durante a entrega dos premios presentarase o libro Moncho Valcarce un símbolo para Galiza. Diarios inéditos e outros textos, que recupera textos escritos por Valcarce entre 1961 e 1968, ano no que foi expulsado do Seminario por ser demasiado idealista. Tamén se recupera un Diario de Exercicios Espirituais que corresponde cunha estancia en Pontedeume que data de 1983. No mesmo explica as razóns que o levaron ao sacerdocio e ao seu compromiso coa esquerda nacionalista. A nova provén de Galicia Hoxe. Tamén recollida en Galaxia.

VIII Curso de Formación Continua: O álbum infantil

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora, mediante o patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa Universidade de Santiago neste curso de postgrao.
O VIII Curso de Formación Continua: O álbum infantil ten como finalidade formar e informar o alumnado participante dunha temática, as Literaturas Infantís e Xuvenís dos ámbitos lingüísticos ibéricos, xeralmente excluída dos planos de estudo das licenciaturas e diplomaturas e, con todo, dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación lectora e a expresión escrita no mundo das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC). Tenta analizar estas literaturas dende un enfoque comparativo para dar a coñecer que axentes literarios se presentan máis débiles en cada ámbito lingüístico. Nesta edición, o tema específico a tratar é O álbum infantil.

INFORMACIÓN

Directora: Blanca-Ana Roig Rechou (Universidade de Santiago de Compostela).
Coordinación e Secretaría: Marta Neira Rodríguez (Universidade de Vigo) e Isabel Soto López (Universidade de Santiago de Compostela).
Carga lectiva: 60 horas (2 créditos de libre configuración, non acumulativos).
Datas de realización
* Parte virtual: Do 1 ao 30 de xullo de 2011.
*Parte presencial: Do 5 ao 8 de setembro de 2011.
Lugar
* Parte virtual: Inauguración: 30 de xuño de 2011 ás 17:00 horas. Facultade de Filoloxía (Campus Norte). Salón de Graos.
* Parte presencial: Biblioteca Novacaixagalicia. Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16. 15701. Santiago de Compostela.
Requisitos de acceso: Profesionais do ensino, alumnado das facultades de Ciencias da Educación, da Comunicación (Xornalismo, Audiovisual, Publicidade), Maxisterio, Xeografía e Historia, Humanidades, Filoloxías, Tradución e Interpretación, profesionais de bibliotecas e calquera interesado.
Matrícula
* Preinscrición: Do 1 de febreiro ao 1 de maio de 2011.
* Formalización: Do 15 de maio ao 15 de xuño de 2011.
Prezo: 90 euros.
Prazo de pagamento: Un único prazo para matrícula.
Número de prazas: 135.
Máis información en:
* Biblioteca Novacaixagalicia. Telf. 981 59 34 67, bibliofundacion@caixagalicia.es.
* Universidade de Vigo. Marta Neira Rodríguez, marta.neirarodriguez@ceu.es.
* Universidade de Santiago. Blanca Ana Roig, blanca.roig@usc.es, www.usc.es/cptf.
* Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, oficina@aelg.org.
Organizan:
* Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega.
* Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Colaboran
* Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
* Biblioteca Novacaixagalicia.
* Editoriais: Kalandraka, Faktoría K e OQO.
* Rede temática As literaturas infantís e xuvenís do marco marco ibérico e iberoamericano.
* Asociacións: ANILIJ e ELOS.
* Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes.

PROGRAMA PARTE VIRTUAL

1. As literaturas infantís e xuvenís no marco ibérico. Bibliografía básica.
2. O álbum infantil.
2.1. Estudo teórico sobre o álbum.
2.2. Selección de obras para o mediador.
2.3. Comentarios sobre álbums de todos os ámbitos lingüísticos do marco ibérico e iberoamericano e Os inolvidábeis.
3. Ferramentas de comunicación: foros, charlas e correo electrónico co alumnado e profesorado.
4. AVALIACIÓN a partir dun comentario sobre o material proporcionado (entregarase ao recoller o material do curso presencial).

PROGRAMA PARTE PRESENCIAL

Luns 5 de setembro
9:30-10:00. Recollida de material.
10:00-10:30. Inauguración: Directora do curso e Director da Biblioteca Novacaixagalicia.
10:30-11:30. Informe sobre docencia e investigación 2011 na LIX a partir dos Informes de Literatura (CRPIH). Eulalia Agrelo e Isabel Mociño (AELG/USC). Presenta: Pilar Bendoiro Mariño (AELG/USC).
11:30-12:00. Pausa.
12:00-13:30. Avós, de Chema Heras Varela e Rosa Osuna. Comentario e conversa con Blanca-Ana Roig (AELG/USC).
16:30-18:30. Editorial Kalandraka e Faktoría K. A modernización do álbum. Carmen Ferreira Boo (AELG/USC).
Presenta: Mar Fernández Vázquez (AELG/USC).
18:30-19:00. Pausa.
19:00-20:30. Encontro con Gémeo Luís e João Pedro Mésseder. Ilustrador e escritor portugueses. Presenta: Sara Reis da Silva (Universidade do Minho).

Martes 6 de setembro
10:00-11:30. Fóra dos programas universitarios, pero tan dentro das aulas: o álbum ilustrado en Infantil, Primaria e Secundaria. Tipos e usos. Alexia Dotras (Universidade de Coimbra). Presenta: Pedro Lucas (Biblioteca Novacaixagalicia).
11:30-12:00. Pausa.
12:00-13:30. Editorial OQO e o álbum. Representante da Editorial. Presenta: Isabel Soto (AELG/USC).
16:30-18:30. Entre texto, imaxe e soporte: elementos de análise dun álbum. Carina Rodrigues (Universidade de Aveiro). Presenta: Beatriz Prado (Biblioteca Novacaixagalicia).
18:30-19:00. Pausa.
19:00-20:30. E ti de quen vés sendo? Taller creativo de tipofotos. José Mª Mesías e Xana Morales (Universidade da Coruña). Presenta: Álvaro Álvarez (Biblioteca Novacaixagalicia).

Mércores 7 de setembro
10:00-12:00. Informes dos investigadores da Rede. Presenta: Blanca-Ana Roig (AELG/USC).
Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Ramón Llorens (Universitat d’Alacant).
Centros e grupos de investigación no ámbito castelán. Jesús Díaz (Universidad de La Laguna).
Etxepare Euskal Institutua (Etxepare Instituto Vasco). Mari Jose Olaziregi (Euskal Erriko Unibertsitatea e Directora do Instituto).
12:00-12:30. Pausa.
12:30-13:30. Informes dos investigadores da Rede. Presenta: Blanca-Ana Roig (AELG/USC).
A Casa da Leitura. Ana Margarida Ramos (Universidade de Aveiro).
Associació Rosa Sensat e Consell català del Llibre Infantil i Juvenil. Caterina Valriu (Universitat de les Illes Balears).
– Asociacións de investigadores en LIX. Veljka Ruzicka Kenfel (Universidade de Vigo).
– Institucións e LIX en Iberoamérica. João Ceccantini (Universidade Estadual Paulista) e Laura Guerrero (Universidad Iberoamericana Ciudad de México).
16:30-18:00. A imaxe do texto. Códigos e observacións. Miguel Calatayud. Presenta: María Jesús Agra (USC).
18:00-18:30. Pausa.
18:30-20:30. Libros para soñar: os contos de Kalandraka. Grupo da Editora.

Xoves 8 de setembro
10:00-11:00. Presentación do libro O álbum infantil. Século XXI. Interveñen: Manuel Bragado, Pedro Lucas Domínguez, Blanca-Ana Roig e Mónica Álvarez.
11:00-13:00. Mateo e Paula Carballeira. Como contar un álbum propio. Presenta: Marta Neira.
13:00-13:30. Clausura e entrega de Certificacións de participación. Reitor ou representante do Reitor, Director do Departamento de Filoloxía, Presidente da AELG, Director da Biblioteca Novacaixagalicia.

Toda a información pode ser consultada aquí.

Moncho Paz gaña o premio de xornalismo Johán Carballeira

O xornalista Moncho Paz (Vilalba, 1970) foi distinguido co VIII premio de xornalismo Xohán Carballeira, organizado polo concello de Bueu (Pontevedra) polo traballo Entrei en Radio France porque falaba galego. O xurado, constituído por Carmen Novas Ferradás, Manuel Antón Mosteiro García e Óscar Iglesias Arauxo, reuniuse o sábado 19 de marzo de 2011 para resolver o dito premio, actuando como secretario e en representación do Concello de Bueu Xabier Framil Barreiro. O traballo gañador é unha entrevista ao xornalista e escritor Ramón Chao, que se caracteriza por fuxir dos tópicos e que demostra unha boa documentación previa por parte do autor, segundo a resolución do xurado, que se reuniu onte. Segundo esta resolución, o autor da entrevista logra, a partir dun tema de actualidade, a presentación da obra Prisciliano en Compostela, intercalar momentos do pasado e do presente de Ramón Chao e consegue conxugar a necesaria distancia xornalística e o achegamento ao personaxe.

Isidro Novo: “A palabra normalización está obsoleta, agora só temos o SOS”

Entrevista a Isidro Novo en Xornal:
“- Xornal (X): Na AELG leva a sección de Palabras con memoria, que trata de recuperar os temos que non se recollen nos dicionarios. Hai unha gran riqueza léxica a piques de se perder?
– Isidro Novo (IN): É unha sección que lle propuxen a Cesáreo Sánchez hai dous anos ou dous anos e pico. Queríamos recoller palabras que non están recollidas. A nós chégannos propostas de palabras, comprobamos que non están reflectidas nos manuais e incluímolas nun glosario na web da AELG. Poñemos o nome da fonte, onde se escoita e o seu significado. Xa superamos as 1.020 palabras. Se recollemos as palabras será difícil perdelas. Se non se recollen, moitas se perderán porque quen as emprega están a desaparecer. As novas xeracións, urbanizadas e invadidas polo castelán, xa non as usa.
– X: Pode chegar un momento en que palabras como normalización se acaben introducindo en Palabras con memoria?
– IN: A palabra normalización está en desuso. É unha palabra obsoleta, xa non se usa para nada. Agora só temos a palabra SOS, a ver se podemos salvar a lingua e dende logo se este goberno segue gobernando terémolo moi cru para que a lingua permaneza. A lingua vai sufrir moito cos gobernantes que teñen dentro o autoodio. Aspiran a ser madrileños de rexional preferente. Pero tamén hai que botarlle a culpa á impasibilidade da xente que lle quitan o seu e se deixa ir. A culpa non é só do goberno, senón tamén desa actitude da xente.”

Santiago: presentación de Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionísio Pereira

O martes 22 de marzo, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionísio Pereira, publicado en Xerais. O acto contará coa participación de Lourenzo Fernández Prieto, Manuel Bragado e o autor.