A Coruña: Charla Un libro, unha película, unha canción, con Ánxel Vázquez de la Cruz

O xoves 24 de febreiro, a partir das 20:30 h., na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, e con entrada libre, prosegue o ciclo de charlas titulado Unha película, unha canción, un libro, no que se amosarán as vivencias de distintos persoeiros desde un punto de vista totalmente separado da súa profesión, contando cales son os seus libros, películas e cancións preferidas e como incluso marcaron momentos importantes das súas vidas. Nesta ocasión falará o médico e escritor Ánxel Vázquez de la Cruz.

X. H. Rivadulla Corcón: “Baixo a cunca do café”

Entrevista a X. H. Rivadulla Corcón en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Que relación tiveches con Uxío Novoneyra? Que recordos tes del e por que te marcou tanto?
– X. H. Rivadulla Corcón (XHRC): Tivemos unha amizade que eu me atrevo a cualificar de intensa. Foi na época dos seus primeiros anos en Compostela, pois eu daquela vivía nesa cidade. Ía moito á súa casa e sobre todo paseabamos moito polo Franco e a Alameda. Creo que aprendín con el moito máis do que podo imaxinar: aprendín que un ten que esforzarse por ser un home bo e fiel á súa idea da vida. Son totalmente debedor da súa poesía, non tanto da forma como do concepto que el tiña da poesía, ese concepto esencial de que a poesía ten que ser sempre verdadeira. Sempre levarei no meu corazón a miña gratitude á súa persoa por permitirme camiñar ao seu lado polas rúas de Compostela. Moitas veces sentíame como se fose o seu escudeiro.
– GH: Por que o libro Memorias dun neno labrego foi unha influencia tan importante para ti e para a túa obra?
– XHRC: Non só Memorias dun neno labrego, tamén No cadeixo de Paco Martín e Os dous de sempre de Castelao. Lin eses tres libros con 14 anos, e supuxeron a miña entrada na literatura galega. Na escola de finais dos sesenta e a principios dos setenta non nos facían ler en galego, pero en Muxía si, porque alí estaba de mestre o escritor Xoán Babarro, e os meus amigos muxiáns foron os que me pasaron eses libros. Eu espertei á realidade do meu pobo a través deses libros, e lembro perfectamente que despois de lelos quixen ser escritor.”

Bertamiráns: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O xoves 24 de febreiro, ás 20:00 h., no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participa, acompañando ao autor, Rafa Villar e Silvana Castro. Colabora a Mesa pola Normalización Lingüística.

Santiago: presentación de A agonía do león. Esperanza e traxedia dos escapados, de Carlos G. Reigosa

O xoves 24 de febreiro, ás 12:30 h., na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, Pazo de Raxoi. 2º andar, Praza do Obradoiro de Santiago, terá lugar a roda de prensa de presentación aos medios do libro A agonía do león. Esperanza e traxedia dos escapados de Carlos G. Reigosa, publicado en Xerais. No acto intervirán Ramón Villares, Carlos G. Reigosa e Manuel Bragado. Entrevista en La Voz de Galicia, a través de Xerais.

Santiago: presentación de A grafía dos mapas, de Lupe Gómez

O xoves 24 de febreiro, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A grafía dos mapas, de Lupe Gómez, publicado en Toxosoutos. No acto intervirán, acompañando á autora, Branca Novoneyra e David González Couso. Haberá unha actuación musical a cargo de Xabier Díaz e Guille Fernández. Entrevista en Galicia Hoxe coa autora.