Publicadas a Poesía completa de Lois Pereiro e unha biografía e antoloxía a cargo de Marcos Calveiro

Edicións Xerais publica a Poesía completa de Lois Pereiro, que se publica por primeira vez reunida e editada por Ana Acuña, e Lois Pereiro. Náufrago do paraíso. Biografía e antoloxía, a cargo de Marcos Calveiro.

Santiago: actividades sobre Fernando Pessoa en Galicia, ceo das letras

O sábado 26 de febreiro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade:

Fernando Pessoa: da nosa veciñanza, co seguinte programa:
12:00 | Relatorio: Carlos Quiroga. Profesor na Universidade de Santiago e escritor, foi premio extraordinario de doutoramento cunha tese sobre Pessoa.
13:00 | Dulce Pontes e Uxía Senlle (40 minutos). Dúas das máis grandes damas da música popular galega e portuguesa celebran a Fernando Pessoa cantando as súas letras, nun espectáculo inédito, creado especialmente para este ciclo literario.

Día de Rosalía (24 de febreiro): lectura simultánea de textos rosalianos

O xoves 24 de febreiro, Día de Rosalía, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza unha Lectura simultánea de textos rosalianos en varias cidades e vilas do país, como xa fixera o pasado 2010. Durante estes actos lerase tamén un manifesto que defina explicitamente o noso reclamo da actualidade da obra e pensamento rosaliano e a súa transmisión didáctica ás novas xeracións a través tamén da implicación da escola, así como a nosa demanda dun Panteón de Galegos Ilustres que de verdade sexa de titularidade pública e de uso laico, aberto a todas as persoas que a queiran honrar como unha das personalidades fundadoras da nosa nación, xunto aos demais ilustres que alí descansan, para reforzo e orgullo da nosa memoria colectiva.

Os lugares que temos confirmados até agora son:

1. Santiago de Compostela: Panteón de Galegos/as Ilustres, San Domingos de Bonaval, 19:00 horas.

2. A Coruña: Kiosko Alfonso, 19:00 horas.

3. Vigo: Casa Galega da Cultura, 20:00 horas.

4. Lugo: Museo provincial, 19:30 horas. No acto a desenvolver no refectorio do Museo, con entrada libre, participará profesorado e alumnado do CEIP Benigno Quiroga Ballesteros, CPR María Auxiliadora, IES Manuel Leiras Pulpeiro e IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, xunto con Pilocha que interpretará a capela poemas de Rosalía de Castro.

5. Betanzos: Salón azul do Edificio do Liceo, 20:00 horas. Colabora a A. C. Eira Vella.

6. Ferrol: Galería Sargadelos, 19:00 horas.

7. Ourense. Libraría Torga, 18.00 horas (en colaboración con Gremio LiterAuria).

8. Pontevedra. Libraría Michelena, 20:00 horas.

– Os actos están abertos a todo o público que queira asistir, ainda que solicitamos que envíen previamente un correo electrónico a oficina@aelg.org para confirmar que poema vai ler cada asistente, e evitar así eventuais repeticións.

A seguir expoñemos un resumo das ideas que se desenvolverán no manifesto a ler este día:
1. Demandar para San Domingos de Bonaval a permanencia do Panteón de Galegos Ilustres. Reafirmamos como irrenunciábel que sexa de titularidade pública e de uso laico.
2. Denunciar a regresión na política de investimentos en todos os sectores da cultura por parte do Goberno da Xunta de Galicia, que está a destruír o construído nos últimos trinta anos por varias xeracións de creadores e creadoras, e por toda a sociedade galega no seu conxunto.
3. Apoiar, máis unha vez, todo aquel profesorado que ten manifestado o seu compromiso para co mantemento da docencia en lingua galega e en contra da infravaloración e marxinalidade a que o goberno actual o ten sometido no ámbito do ensino.
4. Demandar, finalmente, que a Consellaría de Educación, máxima autoridade responsábel da xestión educativa, recolla no calendario escolar oficial anual a data do 24 de febreiro como o Día de Rosalía.

A nova recóllese en varios medios: Xornal, Galicia Hoxe, Fervenzas Literarias, o propio día 24 en Galicia Hoxe, El Progreso. O día 25 de febreiro aparecen estas mencións en Galicia Hoxe e Xornal.

Vigo: presentación de En defensa do poleiro

O xoves 24 de febreiro, ás 19:30 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro En defensa do Poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega e no que participaron máis de 60 escritores galegos. Intervirán: Alfonso Eiré, Anxo Angueira, Manuel Vidal Villaverde, Manuel Vilanova, Rafael Laso, Ramón Nicolás, Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo e Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinador).

Noia: presentación de Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes

O venres 25 de febreiro, ás 20:30 h., na Casa da Cultura “Avilés de Taramancos” de Noia, preséntase o libro Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participan, acompañando ao autor, Antón Riveiro Coello, Xerardo AgraFoxo, Encarna Pego, Isabel Santos, e o alcalde de Noia, Rafael G. Guerrero.

Moaña: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O venres 25 de febreiro, ás h., na Libraría O Pontillón (Rúa Concepción Arenal, 7, A Seara) de Moaña, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participa, acompañando ao autor, Benxamín Riobó. Colabora a Mesa pola Normalización Lingüística.

A Coruña: presentación de Rúa da Cancela, de Eli Ríos e Eduardo Estévez, e posterior recital poético

O xoves 24 de febreiro, a partir das 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, preséntase o libro Rúa da Cancela, de Eli Ríos e Eduardo Estévez, obra gañadora do IV Premio de poesía erótica Illas Sisargas, e publicada pola A. C. Caldeirón. Posteriormente, terá lugar un recital de poemas dos/das autores/as gañadores/as dos consecutivos premios de poesía erótica Illas Sisargas, coa participación de Eli Ríos, Alberte Momán, Lino Braxe, Emma Pedreira, Paco Souto e Paco de Tano.

Ferrol: presentación de Lidia Senra Rodríguez. A historia dun liderado entrañable, de Tareixa Ledo, tras o acto de lectura de textos de Rosalía

O xoves 24 de febreiro, ás 19:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María) de Ferrol, terá lugar o acto de Lectura simultánea da textos rosalianos organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, presentado por Rosa Méndez e no que lerán un poema de Rosalía: Elia Rico Lagarón, Xosé Leira e Rosa Martínez Dios.
Ás 20:00 h., preséntase o libro de Tareixa Ledo Regal, Lidia Senra Rodríguez. A Historia dun liderado entrañable, publicado en Laiovento. No acto acompañará a autora Teresa Martínez, da Asociación Cultural Fuco Buxán.