O colectivo Tender a man levará a Múnich e Tokio a poesía galega actual
Baldomero Iglesias, Mero: “Sobre a lingua”
Artigo
de Baldomero Iglesias, Mero, nas Redes Escarlata e Galicia Hoxe:
“(…) Por certo esa outra lingua, mirade ben, …esa si que ten algo –moito- xa de imposta e non me remito á miña opinión ou memoria, na que habitan moreas de prexuízos e datos opresivos ao longo da miña vida e da dos meus, senón que así o di a mesma Constitución aínda hoxe. Lean senón, busquen datos. É lingua de obrigado coñecemento e hai o deber de coñecela, … non quede dúbida algunha (art. 3.1). Aínda que non é a nosa lingua propia, coidado, non nola vaian meter dobrada como pretenden “aparvados que nos queren facer parvos” ou políticos de turno. De Galicia deriva o galego como consecuencia lóxica, e non o castelán, …que eses son outros lópeces, ou non? E xa ven que aquela obriga igualitaria, coa que se lles enchen sempre a boca, non é medianamente xusta –de novo queren trocar ouro por lilailas e “baratijas”, …como se mpre fixeron- e non fan o mesmo raseiro, obrigando e recorrendo ao deber de coñecer a Nosa Lingua, a propia, e poñela no seu sitio con honra e xenerosa consideración, como sería o propio dun estado digno, responsable e considerado, sequera nos seus dominios lingüísticos, …e despois de tanto tempo de miserias e esquecementos, de débedas e de non saber estar onde lle corresponde, nese lugar onde non existan subordinacións xurídicas para as interpretacións reaccionarias, ese lugar que garantira os deberes análogos ao castelán. Que me permita acceder a min, galego, ao coñecemento do catalán, do éuscaro, do portugués. iso non pasa, aínda hoxe, coa esta lingua na que escribo e coa Carta Magna da que presumen moitos. Igualdade, …quen te vira!”
Un premio literario por cada 22.000 galegos
Xurxo Sierra Veloso: “O pobo galego decidiu suicidarse e empezou por prescindir da lingua”
Entrevista
a Xurxo Sierra Veloso en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Unha pregunta máis breve; para salvar o catalán, éuscaro e galego é necesaria unha inmersión lingüística ad hoc, como propón o nada sospeitoso profesor Blecua, hoxe presidente da RAE?
– Xurxo Sierra Veloso (XSV): Voume limitar ao galego, porque creo que as semellanzas cos casos éuscaro e catalán son ben poucas. Para salvar o idioma galego debería haber un pobo galego que quixese sobrevivir. Desafortunadamente, creo que non se dá esta premisa imprescindible. O pobo galego, se é que existiu algún día, decidiu suicidarse como tal, e para iso empezou por prescindir do seu maior sinal de identidade, a lingua. Nestas condicións, calquera política sociolingüística está condenada ao fracaso, veña de quen veña. (…)
– GH: Acabas de publicar Os fíos, a túa terceira ou cuarta novela, coa cal obtiveches o Premio Narrativa breve Repsol 2010. Vas á procura dunha obra de maior calado?
– XSV: Xa é a quinta novela, o cal debería entusiasmarme e ao mesmo tempo angustiarme. Supoño que aínda non atopei as respostas que levo procurando máis de vinte anos; por iso me vexo na obriga de seguir escribindo. Non sei se algunha vez construirei unha obra maior, pero, se non che parece mal, vasme permitir que utilice a ironía e acuda ás ensinanzas dun santo polo que sinto ben pouca devoción. Refírome a Escrivá de Balaguer, quen gababa moito o que el chamaba a clase de tropa, é dicir, aqueles que non están chamados para comandar exércitos e realizar grandes heroicidades, pero tamén teñen o seu pequeno oco na batalla cotiá. Eu, mentres siga escribindo, sentireime membro deste cativo gran batallón de resistentes que aínda cremos na grandeza da lingua galega, e que por iso a empregamos no noso labor literario.
– GH: Cos demais xéneros literarios que tal te levas en xeral?
– XSV: De cando en vez escribo poesía, pero nunca quedei especialmente satisfeito co resultado. Os meus versos sóanme falsos e afastados, como se estivesen escritos para ser declamados nunha cea de nadal ou un banquete de voda. Algunha vez tentei someter os meus personaxes aos rigores do teatro, pero confeso que non fun quen de pasar da primeira escena. Para ben ou para mal, o eido no que me sinto máis cómodo é a novela.”
Francisco Pillado: “A Feijóo Galicia interésalle como lugar de devastación, só pretende facer méritos”
Entrevista
a Francisco Pillado no Xornal:
“- Xornal (X): Para darlles acubillo ás heterografías do galego e para que máis se bota Laiovento a editar libros nos anos noventa?
– Francisco Pillado (FP): Fundamentalmente por iso. Unha vez, na revista do Facho, fixemos un número dedicado a Armando Cotarelo, para que lle dedicasen o Día das Letras. Pedímoslle un traballo a Carvalho Calero e escribiuno na súa normativa. Logo fomos á Xunta pedir unha subvención: todo ía ben até que o que tiña que asinar soubo que tamén colaboraba o profesor. De alí a un tempo cruceime por Compostela con Ramón Piñeiro e díxenllo. Expliqueille que me parecía un esperpento que, logo de corenta anos de ditadura, chegasemos á democracia e Calero estivese censurado. Sabe o que me contestou? “É que vós queredes un código de circulación que diga que todo o mundo ten que circular pola dereita agás Carvalho Calero”. Non era iso, como se demostrou. Cando se acadou unha normativa de consenso, acatámola.
– X: De publicar a Badiou e a Bourdieu en galego a loitar polo evidente: a normalización lingüística. Non é algo amargo?
– FP: Nós publicabamos ensaio porque era necesario publicar ensaio. O nome da editorial obríganos: Laiovento está tirado de Vento nouturnio, unha obra dramática de Otero Pedrayo. Non tiña sentido crear unha editorial para reproducir os esquemas que xa existían en Galicia. Como dicía Jacinto Benavente, “bienaventurados mis imitadores porque de ellos serán mis defectos”. Publicando ensaio demostrabamos que o galego era unha lingua válida para calquera uso. A primeira tradución de Zizek no estado español foi nosa, e non nos custou nada. Chomsky, Bourdieu e Badiou tamén renunciaron aos seus dereitos de autor para que os publicase Laiovento. (…)
– X: Que lle parece a achega de Henrique Monteagudo á renovación do discurso galeguizador, o “bilingüismo restitutivo“?
– FP: Non son partidario de abrir guerras civís entre nós. O IGEA ese que preside Anxo Quintana non me parece serio. O seu paso pola Xunta foi nefasto, permitiu entre outras cousas que outra ignota, Ánxela Bugallo, fose conselleira de Cultura. Non quero entrar nesa polémica, os puntos sobre os is xa os puxo Pilar García Negro en Xornal. Esta mala conciencia dos galego falantes, isto de que se cadra nos pasamos, non a teñen os castelán falantes. É puro masoquismo.”
A editorial Laiovento cumpre vinte anos de resistencia numantina
(Xornal)
A Coruña: conferencia de Xoán Bernárdez Vilar sobre Hermerico, o primeiro rei da Galiza
O martes
11 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, o escritor e historiador Xoán Bernárdez Vilar falará dentro do ciclo “Economía, Historia e Ciencias Sociais” da A. C. O Facho, sobre “Hermerico, o primeiro rei da Galiza”.