Ana Romaní: Estremas, “Un libro fóra da correción e da mesura”
Entrevista
a Ana Romaní na web de Galaxia:
“- Galaxia (G): Sen rodeos, hai neste mundo sitio para os poetas?
– Ana Romaní (AR): Hainos que atopan o seu sitio neste mundo, hainos que buscan outros mundos e hainos que máis que sitio procuran outro lugar. (…)
– G: Sei que é un tópico, pero existe a voz poética da muller?
– AR: A voz poética da muller non, as voces poéticas das mulleres si.
– G: Como ves o panorama?
– AR: Exhausto.”
Isidro Novo: “Gústanme os outsiders”
Entrevista
a Isidro Novo en Galicia Hoxe:
“(…) Unha das iniciativas nas que está a traballar na actualidade Isidro Novo é Palabras con memoria, un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) que ten como obxectivo recuperar palabras galegas que caeron en desuso e que se poden consultar na súa páxina web. “Xa levamos case 900 entradas deste glosario de palabras e expresións que non aparecen en ningún dicionario galego. E, ademais, teñen a particularidade que son case todas inéditas porque malia que son empregadas pola xente, non están recollidas en ningunha parte”, explica o escritor. Unha das partes importantes deste traballo de recolleita é a revitalización do agro galego, de aí que dediquen esforzos a recuperar o nome de produtos que se cultivaban tradicionalmente nas hortas do país. De aí que engadan, sinaladas en verde, unha serie de palabras que designan castes de froitas e verduras. “As novas xeracións coñecen o que son variedades en inglés ou francés como red winter ou golden que venden no supermercado pero non saben os nomes das froitas galegas que, malia non ter moi bo aspecto, si que tiña mellor sabor”. Unha das ideas do proxecto é chegar a editar unha obra en papel. “Iso decidirao a asociación pero unha vez que cheguemos ás mil palabras poderíase levar a papel, sería unha difusión fantástica porque agora que queren que desaparezamos, darémoslle á xente a posibilidade de coñecer moitas máis palabras das que xa sabía en galego”, apunta o autor lugués. Palabras con memoria é así unha estratexia contra o esquecemento do noso vocabulario. “Estámonos fundindo como país cunha placidez sórdida. A xente non reacciona e parece que está aparvada”, asegura o escritor.”
O percurso de Lois Pereiro
Santiago: presentación do libro Celebración de Uxío Novoneyra, II
O
mércores 12 de xaneiro, a partir das 20:00 h., no Salón de Actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal (Rúa Xoán XXIIII, s/n.) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Celebración de Uxío Novoneyra, II, publicado polo Centro Ramón Piñeiro. No acto participan Manuel González González, Luís Cochón e Luís Alonso Girgado.
Santiago: programa semestral de actividades de Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, da Fundación Cidade da Cultura
O
Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolverá na Cidade da Cultura, está composto polo seguinte programa de actividades:
– 15 de xaneiro. Rosalía, a voz dun pobo:
12:00 | Relatorio: María do Cebreiro Rábade Villar.
13:00 | Ao raso coas lebres (60’), da compañía CasaHamlet.
– 29 de xaneiro. Manuel Antonio: “venador” de horizontes:
12:00 | Relatorio: Xosé Luís Axeitos.
13:00 | Manuel Antonio e mais dispois (35’). Recital poético-musical de María Lado e o pianista Nacho Muñoz.
– 12 de febreiro. Cela e o seu teatro do mundo.
– 26 de febreiro. Fernando Pessoa: da nosa veciñanza:
12:00 | Relatorio: Carlos Quiroga.
13:00 | Dulce Pontes e Uxía Senlle (40’).
– 12 de marzo. Martín Códax: o son das ondas.
– 26 de marzo. Valle Inclán e a visión estelar.
– 02 de abril. Cunqueiro e a maxia da palabra:
12:00 | Relatorio: Quico Cadaval.
13:00 | Cunqueiradas (45’), por Cándido Pazó.
– 30 de abril. Valente ou a erótica do baleiro:
12:00 | Relatorio: Claudio Rodríguez Fer.
13:00 | Concerto de Mauricio Sotelo, Raquel Rivera e María Luz Rivera (25’).
– 14 de maio. Salvador Espriu: da nosa veciñanza.
– 28 de maio. Torrente e a creación sen límites:
12:00 | Relatorio: Jesús Ferrero.
13:00 | Lecturas musicadas (30’): Charo López, Luis Iglesias Feijoo e Alfredo Conde.
– 11 de xuño. Blanco Amor ou a paixón das marxes.:
12:00 | Relatorio: Bieito Iglesias.
13:00 | Proxección audiovisual (45’). Produción propia da Asociación de Escritores en Lingua Galega (A.E.L.G) que se estrea neste ciclo, como mostra da visión poliédrica dunha serie de escritores/as e estudosos/as sobre o universo literario de Blanco Amor.
Presentan: Cesáreo Sánchez Iglesias, poeta e presidente da A.E.L.G., xunto con Mercedes Queixas Zas, profesora, ensaísta e crítica literaria, así como secretaria xeral da A.E.L.G.
– 25 de xuño. Jorge Luis Borges: da nosa veciñanza.
Dolores Vilavedra: “A nosa literatura está viva”
Entrevista
a Dolores Vilavedra en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A busca do gran texto ou do grande autor é, segundo asegura, síntoma da febleza do sistema literario galego naquelas décadas. ¿Que provocou este tipo de debates?
– Dolores Vilavedra (DV): Creo que eran debates pendentes. A literatura e a narrativa galega viviron moito tempo cun exceso de proteccionismo, é dicir, que non se podía falar de determinados libros ou autores. Así non había maneira de medrar. Chegou o momento en que se impuña abordar todos eses temas e discutilos como unha sociedade madura e libre. Era unha necesaria crise de crecemento, era algo que non se podía adiar máis. En certa maneira preocúpame que poida suceder o contrario, é dicir, que en momentos como o actual onde a cultura galega se ve ameazada por unha serie de factores externos evidentes, caiamos na mesma tentación de non discutir, non debater, pechar filas e adoptar unha actitude defensiva. Botar o lixo baixo a alfombra en lugar de debater as cuestións. Era a crise de medrío imprescindible para poder seguir adiante. (…)
– GH: O libro galego pasou de ser considerado un obxecto de culto a un reclamo publicitario. Por que?
– DV: Niso afectou sobre todo os premios. De súpeto, hai unha serie de institucións que descobren o valor simbólico dos premios e a cultura galega e apostan por eles. Hai momentos nos que incluso se produce unha certa inflacción de premios convocados. A contrapartida é o momento actual no que a cultura galega está relativamente desvalorizada e empezamos a encontrarnos orfos dese apoio dos poderes públicos que o daban a cambio desa lexitimidade simbólica que a literatura e a cultura lle outorgaban. Era unha especie de pacto: eu douche diñeiro, convoco un premio ou publico un libro e ti, a cambio, dótasme dunha certa lexitimidade galeguista e cultural. Ese pacto está en suspenso.”
Ferrol: exposición-homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, organizada polo Concello
Cultura baixa un 35,3% as axudas para o sector editorial
(Xornal)
Galaxia publica 1Q84, a nova novela de Murakami
(Galaxia, La Opinión, Xornal)
