A Estrada: conmemoración dos 50 anos de publicación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas

O mércores 5 de xaneiro, a partir das 11:00 h., no Museo da Madeira e do Moble da Estrada, terá lugar o acto de conmemoración dos 50 anos da publicación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, en Buenos Aires, que contará coa participación do propio autor, de representantes da editorial Galaxia e da Xunta de Galicia, e de persoeiros do mundo das letras e da cultura de Galicia. Nova recollida tamén en Galicia Hoxe e Galiciaé. Crónica posterior en Xornal, Galicia Hoxe e La Opinión.

Santiago: Implícate, noite de música e palabra solidaria 2011

O domingo 9 de xaneiro, ás 20:30 h., no Teatro Principal de Santiago de Compostela, terá lugar o especial Implícate, noite de música e palabra solidaria 2011, que contará coa actuación musical de Leilía, Som do galpom e Wöyza, a danza do Centro Coreográfico Galego, o teatro con Life is a paripé, con Iolanda Muíños, César Goldi e Mos, e Quico Cadaval, e a presenza literaria de Ánxela Gracián, Lino Braxe, Marica Campo e Séchu Sende. Todo isto conducido co saber facer de Yolanda Castaño e Luís Tosar. Organizado por Implicadas no desenvolvemento. Máis información aquí.

Isidro Novo: “É indecente que a Xunta trate de facerlle unha eutanasia ao galego”

Entrevista a Isidro Novo en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH):O idioma galego está a vivir o peor momento da súa xa longa historia?
– Isidro Novo (IN): O idioma galego está nos peores momentos dende os Reis Católicos, que eran uns protoglobalizadores de moito pendello, e así e todo, cuxilitranqueando, a nosa fala chegou ata aquí e ata tivo momentos de esplendor. Pensando na época franquista, eu teño dito, a maneira de arroutada, que o mellor que lle podería pasar ao noso idioma auténtico e natural era que o prohibisen, a ver se desa maneira a xente reaccionaba, emerxía dos mares impávidos, porque o que si está claro é que se un país deixa que lle arrinquen a lingua, que é a súa esencia, quizais é que non merece ser considerado como tal.
– GH: De todos os libros publicados, con tal te sentes máis a gusto, que non identificado?
– IN: Non sabería quedar con un. Sigo tendo boas sensacións cos meus libros de poemas Dende unha nada núa e Esteiro de noites falecidas. E tamén con Carne de can e con estoutro pequeno libro de relatos que acaba de saír, Cabalos do demo e outros invertebrados, mais aproveito a pregunta para declarar un grande sentimento de frustración pola invisibilidade que tivo unha novela miña, Rosa lenta, sen dúbida por tratar o tema erótico, xa que no que toca ao asunto literario eu coido que está nun nivel digno e incluso diría que innovador. A beatería progresista tamén é un problema para resolver neste país.
– GH: Con respecto aos soportes do libro, algún día a “virtualidade” substituirá a beleza real?
– IN: Quizais si, pero visto dende agora o libro de papel aínda deixa un pouso que o outro ten que ganar co tempo. De todas as maneiras eu coido que aínda que a tecnoloxía avance moito no virtual, o formato tradicional vai coexistir cos que veñan durante moitas décadas. Supoño que máis adiante se imporá o audio-libro, que irá moi ben para os lectores vagos e servirá para sacar do paro a actores e rapsodos en paro. (…)”

Bernardino Graña: “Hai que berrar como fixo Castelao, segue a haber motivos”

Entrevista a Bernardino Graña no Xornal de Galicia, con motivo da publicación da súa antoloxía Ser auga:
“- Xornal de Galicia (X): Ingresou na Academia o pasado xuño. Foi un recoñecemento tardío?
– Bernardino Graña (BG): Eu non me queixo, ingresar foi algo moi positivo. Tiven que esperar e tiven que ver como ían entrando outros. Todos eles tiñan que entrar. Ingresaron homes e ingresaron mulleres e era moi bo que todos eles foran entrando. Eu non tiña présa por entrar. Se ingresaba, pois ben. Que non ingresaba? Pois tamén ben. Non tiña grande ansia.
– X: Vostede formou parte do Brais Pinto. É unha gran responsabilidade que chega a pesar formar parte dese grupo que segue a ser un referente?
– BG: Eu estou sorprendido co que fixemos co Brais Pinto. Nós non eramos máis que estudantes sen cartos e nós, daquela, só buscábamos saír adiante. E si, foi unha gran responsabilidade a que tivemos. O Brais Pinto foi un grupo que tivo a valentía para berrar por Galicia dende Madrid. Facer un berro noso e axudar a berrar e a protestar. Había que dicir ben alto “aquí estamos”.
– X: Hai motivo hoxe en día para berrar dende Galicia co que pasa coa lingua?
– BG: Mira [colle un exemplar de Sempre en Galiza que está enriba da súa mesa], isto hai que lelo e volver lelo unha e outra vez. Hai que asimilar o que aquí pon porque está de plena actualidade, por desgraza. Hai que seguir a berrar, temos a obriga de seguir a berrar como fixo Castelao porque segue a haber motivos. Temos que formar un coro grande e xuntar a nosa voz a Castelao para que nos escoiten.
– X: E escoitará quen teña que escoitar?
– BG: Teñen que escoitarnos, pero para iso temos que berrar. Nós temos que berrar, tanto se nos queren escoitar como se non queren.”