A Estrada: presentación de Malas cartas, de Manuel Pereira Valcárcel

O martes 4 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, na Estrada, preséntase a segunda novela de Manuel Pereira Valcárcel, Malas cartas, publicada pola editorial Biblos, dentro da súa colección Mandaio. No acto participarán, co autor, o escritor Miguel Lousazo, e o director de Biblos, Tucho Calvo.

Raxó, Poio: presentación de Un soño na bandexa, de Mariné Lorenzo

O martes 4 de xaneiro, ás 18:00 h., en Raxó, no Concello de Poio, preséntase Un soño na bandexa, de Mariné Lorenzo Corcoba. No acto participan Francisco Castro, coordinador de novos proxectos de Galaxia, Fina Casalderrey acompañando á autora.

Francisco X. Fernández Naval: “Nos límites da luz habita a sombra”

Entrevista a Francisco X. Fernández Naval en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Gañar o X Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño foi para ti como unha aventura? Os premios son xogos, loterías?
Francisco X. Fernández Naval (FFN): Supoño que son loterías, aínda que me gusta velos como xogos que traen aparellada, cando ganas, a aventura de todo o que supoñen, dende a sorpresa inicial ata a xente nova que coñeces, dende o acto da entrega ata as presentacións nun ámbito diferente ao procurado por ti cando publicas un libro novo. Neste caso a aventura é maior. Xa fixemos o percorrido polo roteiro do Fiz, con María Casar e Xerardo, percorrido emocional e poético que recomendo, xa escribín sobre iso, e sei que fixen amizade con xente da que antes nada sabía e ademais síntome contento de formar parte dese grupo de ganadores do premio, entre os que hai escritoras e escritores que admiro. (…)
GH: Bater de sombras é un libro ferido, fermoso, delicado… Como lembras o proceso de escrita deste poemario?
FFN: Como xa dixen, todos sentimos ás veces o poder da sombra dentro de nós. Un día do outono do 2008 eu sentín que algo loitaba por asentar en min, algo que afectaba a unha parte do meu ser que eu consideraba libre de perigo e si, sentinme ferido. Podería ter rexeitado ese alento escuro como fago outras veces, pero decidín perseguilo, buscalo e mirarme nos seus ollos. Así naceu o libro. En principio eu fun consciente do que estaba a escribir, pero logo foron xurdindo liñas transversais das que só me decatei ao final. Nesa segunda fase, que me levou por territorios desacougantes, eu fun unha sorte de médium.”

Convocado o XIV Concurso de Poesía Concello de Carral

XIV CONCURSO DE POESÍA CONCELLO DE CARRAL

BASES

1.‐ Poderán optar ao premio todos os autores/as maiores de idade e de calquera nacionalidade, sempre que o seu traballo se presente escrito en lingua galega. Non poden participar anteriores gañadores/as deste concurso.
2.‐ Fíxase un premio único de 2.000 euros. O xurado pode declarar deserto o premio. Sobre a contía do premio aplicaranse as retencións fiscais oportunas.
3.‐ Os traballos serán orixinais, inéditos e non premiados noutros concursos no momento das deliberacións do xurado (os autores dos traballos premiados deberán comunicarllo de xeito inmediato á organización), e cunha extensión non inferior aos 400 versos. Os traballos presentaranse por triplicado, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara, e debidamente grampados ou encadernados; achegados de sobre pechado no que conste no seu exterior o título da obra e o lema ou alcume do autor, contendo no interior o seu nome e apelidos, NIF, enderezo, número de teléfono e correo electrónico.
4.‐ As obras presentaranse na Biblioteca Pública Municipal de Carral (Casa da Cultura, Rúa de Paleo, 17, 15175, Carral, A Coruña).
5.‐ O prazo de admisión de orixinais rematará o 31 de marzo de 2011.
6.‐ As deliberacións do xurado son secretas, e delas estenderase a acta correspondente. A decisión do xurado farase pública na segunda quincena do mes de abril.
7.‐ O xurado estará presidido polo Alcalde do Concello de Carral ou concelleiro ou concelleira no que delegue, e formarán parte do mesmo persoas de recoñecido prestixio no eido da poesía galega e o autor gañador da edición anterior deste concurso; e actuará como secretario o técnico municipal de Cultura do Concello de Carral.
8.‐ O título do traballo gañador e o nome e apelidos do seu autor/a daranse a coñecer mediante comunicación persoal (chamada telefónica) ao autor/a premiado/a, na web municipal, así como no taboleiro de anuncios da Casa da Cultura do Concello de Carral (Rúa de Paleo 17, Carral).
9.‐ Establécese un período de dez (10) días desde a decisión do xurado para presentar alegacións á citada decisión. As reclamacións, que se tramitarán ante o Rexistro municipal de Carral, serán valoradas polo xurado.
10.‐ O Concello de Carral reservarase o dereito de publicar a obra gañadora.
11.‐ As obras non premiadas poderán ser retiradas polos seus autores ou polas persoas nas que deleguen, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao fallo do xurado. Non se devolverán traballos por correo nin por empresas de mensaxes. As obras que non sexan retiradas no prazo indicado, destruiranse.
12.‐ Corresponde ao xurado a interpretación das presentes bases.
13.‐ A participación nesta convocatoria supón a total aceptación das presentes bases.

Vanesa Sotelo recibe o premio Josep Robrenyo de experimentación teatral coa obra Memoria do incendio

“O premio de teatro Josep Robrenyo é un dos máis destacados da escena catalá e este ano foi parar a mans dunha galega. Vanesa Sotelo (Cangas do Morrazo, 1981) fíxose con este premio de experimentación teatral dotado con 3.000 euros pola obra Memoria do incendio escrita en galego. A obra xorde dunha viaxe a Praga, na que a autora descubriu a historia de Jan Palach e Jan Zajíc, dous estudantes que se inmolaron a finais do setenta para protestar contra a invasión de Checoslovaquia. A autora, que é membro do consello de redacción da Revista Galega de Teatro, xa ten no seu haber o Premio de xurado do IV Certame Diario Cultural de Teatro Radiofónico convocado pola Radio Galega con Indoor.” Vía Cultura Galega. A nova aparece recollida tamén en Faro de Vigo e La Voz de Galicia.