Víctor Freixanes: “A literatura é unha cousa moi seria, non fago concesións”

Entrevista a Víctor Freixanes en La Opinión:
“La Opinión (LO): En Galiza temos moi bos escritores, pero temos lectores dabondo?
Víctor Freixanes (VF): Esa é seguramente a parte máis dura. Temos unha enorme capacidade de creación pero temos un público escaso ou polo menos insuficiente. A riqueza do catálogo do libro é enorme, pero nos lectores, aí seguimos a ter dificultades. Que se miramos cara atrás con perspectiva, avanzouse moitísimo, nunca se leu tanto como se le agora, pero somos poucos. Somos 2.700.000 persoas, e tendo en conta que nas sociedades desenvolvidas os lectores veñen sendo o 35% da poboación. E a iso hai que sumar que nesta sociedade temos un problema, que é o da lingua, que segue a estar en peligro grave.
LO: Cales son os pasos que se deben dar, dende o mundo editorial pola parte que lle toca, para ampliar eses lectores e lograr que a lingua deixe de estar en perigo?
VF: Unha editorial, que é unha empresa, ten que facer o mellor posible os seus produtos, o mellor posible a selección dos seus autores e dos seus textos, pensando na diversidade de públicos que hai. Ten que editar en condicións, para poder competir con calquera outra edición do mundo. Nestes mesmos días vimos de publicar O soldadiño de chumbo cun libro-cine en colaboración coa productora coruñesa Continental, unha obra que pode competir con calquera libro do mundo, tanrto na Feira de Boloña, como na Feira de Fráncfort… onde sexa. Pero temos que facelo ben, temos que publicar con pulcritude, e logo temos que saber lanzar, apoiar, promocionar, estimular, animar. Somos uns axitadores culturais tamén. É dicir, os editores galegos non somos máquinas de facer libros sen máis; estamos comprometidos cunha causa moi definida e así o sentimos todos, mesmo aqueles que semella que van máis ao seu.”

Estevo Creus: “Esperando os cans”

Entrevista a Estevo Creus en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Ao comezo, define O libro dos cans como unha “tarefa inconclusa”. Terá continuidade, logo?
Estevo Creus (EC): Creo que se trata dun proxecto incompleto porque xa naceu así. Non sei se se completará a si mesmo. No terreo da linguaxe escrita, quizais xa non sobreviviría dentro duns anos e ao mellor, si noutros formatos. Encantaríame que sobrevivise e se transformase, por exemplo, nun pousavasos.
GH: A concepción do intranscendente, de que forma inflúe na súa forma de entender a poesía? A concepción da poesía varía segundo as épocas. O peor que nos pasa é pensar que as cousas son inamovibles. Existe a dimensión do tempo, os ciclos vitais, ou os contactos con outras persoas. A poesía pode ser todo ou nada.
EC: Pode ser ideas ou posturas persoais. Ás veces, os autores poñémonos supertranscendentais pero tamén entramos en ciclos para nada transcendentes. Unha das cousas que teño pendentes é un libro de poesía, humor e absurdo. O humor é unha fonte de coñecemento. Intento reivindicar unha alternativa á tiranía do serio.”

A Coruña: recital de Olga Novo e Andrés Neuman no Ciclo Poetas di(n)versos

O luns 20 de decembro, a partir das 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, retoma a súa actividade o ciclo Poetas Di(n)versos, dirixido por Yolanda Castaño, cun recital de Andrés Neuman, poeta arxentino-granadino, tamén autor de contos e microensaios, xa foi sinalado como un dos nomes clave da literatura do s. XXI por mestres como Bolaño, e Olga Novo, autora de culto das últimas xeracións galegas e unha das poéticas máis desacougantes do panorama contemporáneo, o seu traballo como profesora na Universidade da Bretaña Sur fainos escasas as ocasións de escoitar a forza vivencial e o erotismo. Máis información neste arquivo: Programa Ciclo DinVersos Decembro 2010.

A Coruña: Homenaxe da Real Academia Galega a Luís Seoane no seu centenario

O sábado Cartaz_Seoane_Cemiterio_0118 de decembro, no Cemiterio de Santo Amaro da Coruña, a partir das 12:30 h., e con acceso libre, levarase a cabo unha homenaxe pública da Real Academia Galega a Luís Seoane no seu centenario e a todos os galegos ilustres soterrados neste cemiterio. Toda a información neste arquivo .pdf: Homenaxe da RAG a Seoane e galegos ilustres en San Amaro. O acto está organizado en colaboración coa Concellaría de Cultura e a Fundación Caixa Galicia.
Pola tarde, ás 19:30 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da mesma cidade, desenvolverase unha mesa redonda sobre “Cen anos de Luís Seoane”, coa participación de José Luis Méndez López, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Luís Axeitos.
Nova recollida en Galicia Hoxe, Xornal, El País e La Voz de Galicia.