Santiago: presentación de Obediencia, de Antón Lopo

O mércores 22 de decembro, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, presentación da novela gañadora do Premio García Barros 2010, Obediencia, de Antón Lopo, publicada en Galaxia. No acto participan, co autor, Carlos Lema e Anxos Sumai. Comentado en Galicia Hoxe, e con crónica posterior tamén en Galicia Hoxe e Xornal de Galicia.

Santiago: presentación de Abelcebú, de Carlos Negro

O martes 21 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Abelcebú, de Carlos Negro, publicado por Edicións Positivas. O acto, segundo comentan, consiste na aparición “Por segunda vez en Compostela, en vivo e en directo, baixo apariencia carnal, o Demo en persoa, o noso adorado e pecadento Abelcebú. Exercerán de acólitos, nesta extravagante cerimonia, os seguintes elementos: Paco Macías (proveedor de surtidos Cuétara, Carlos Negro (amanuense trapalleiro) e Inacio Vilariño (mestre en augardentes). Haberá exorcismos literarios, tómbola malévola e, por suposto, gran queimada”, e advirten que a “Libraría Couceiro non se fai responsábel dos danos morais que poida padecer o público asistente a este evento. Rógase leven extintores, por se ascaso.”

Pontevedra: presentación de Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes

O martes 21 de decembro, ás 20:00 h, no Auditorio do Café Moderno (Fundación Caixa Galicia. Praza de San Xosé, 3) de Pontevedra, preséntase Cabalo de ouros, o novo libro de Víctor Freixanes, publicado en Galaxia. No acto participan, co autor, Carlos Lema, Lola Dopico e Miguel Barros.

Emma Pedreira gaña o Premio Novacaixagalicia, con Antítese da ruína

Emma Pedreira (A Coruña, 1978) gañou o Premio Novacaixagalicia coa súa obra Antítese da ruína, convocado por esta entidade e o Pen Clube, e dotado con 12000 euros. A súa obra foi escollida entre os 49 orixinais presentados polo xurado, que estivo presidido por Luís González Tosar, e integrado por Jonathan Dunne, tradutor e editor; Modesto Hermida, poeta, crítico literario e profesor de Lingua e Literatura; Xavier Rodríguez Baixeras, poeta e tradutor (gañador da edición anterior); Rexina Vega, escritora e profesora da Universidade de Vigo, e Xabier Castro Martínez, que actuou como secretario con voz e sen voto. O xurado, que elixiu o poemario de Emma Pedreira por unanimidade, quixo destacar o valor poético da obra, así como as sorprendentes imaxes e o espazo vital que presenta. Segundo indicou González Tosar, “é un poemario singular que pertence a unha poetisa cunha traxectoria notable que consolida con este premio a intensidade da súa voz”. Nova recollida tamén en Galicia Hoxe, A Nosa Terra, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, La Opinión, Cultura Galega e Fervenzas Literarias.

Santiago: presentación de Quero Saber Onde Se Agacham As Cores, de Carlos Figueiras

O martes 21 de decembro, a partir das 19:30 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Rúa Xoán XXIII), de Santiago de Compostela, preséntase Três tristes sonhos de princesa. Quero saber onde se agacham as cores, de Carlos Figueiras, con deseños de Leandro Lamas. O libro foi galardoado co Iº Prémio Internacional ‘Galescola’ de Criação de Material Didáctico Infantil, convocado por VOGAL (Viveiro e Observatório das Galescolas) e vai dirixido a rapaces e raparigas de entre 7 e 12 anos de idade. No acto participa, acompañando ao autor, Carlos Quiroga. Entrevista en Galicia Hoxe.

Xosé Alfredo Naz gaña o XXXVI Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo

Xosé Alfredo Naz gañou o premio XXXVI Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo, que outorga a Fundación Pedrón de Ouro en colaboración co Concello de Vilagarcía de Arousa, coa obra O Mal, e tamén obtivo o primeiro accésit con A sombra da curuxa. O segundo accésit foi para Clara Isabel Rodríguez con Retallos da memoria perdida. O xurado do premio, que tivo escoller entre as máis de 60 obras presentadas, estivo formado nesta edición polo presidente do Pedrón de Ouro, Manuel Caamaño, os membros do Padroado David Otero e Xesús Santos Suárez, os escritores Ramón Caride Ogando, Marcos Calveiro e Miro Villar e o responsable de Normalización Lingüística do concello de Vilagarcía, Manuel Campos Sanmartín. A nova foi recollida en La Voz de Galicia e Faro de Vigo.

Fallados os premios do certame literario Terras de Chamoso

A Asociación Cultural Arumes do Corgo entregou este sábado 17 de decembro os premios aos gañadores do IV Certame Literario Terras do Chamoso nun acto celebrado no Centro Sociocultural do Corgo. Deixamos aquí un extracto da acta da reunión do xurado, que se pode consultar completa neste enlace:
“Sendo as 19:00 h do día 14 de decembro de 2010, na localidade do Corgo, reúnense os membros do xurado para fallaren os premios da IV edición do Certame Literario “Terras de Chamoso”, convocado pola Asociación Cultural Arumes do Corgo, do que forman parte: D. Xurxo Xosé Rodríguez Lozano, D. Xosé Manuel Castro Castedo, D. Xabier P. Docampo, D. Isidro Novo e Dna. Pilar García Negro, exercendo de secretario do xurado, sen voto, o secretario da A.C. Arumes, D. Mario Outeiro Iglesias.
Logo das deliberacións pertinentes e das votacións oportunas, os membros do xurado conclúen declarar premiados na IV edición do Certame Literario “Terras de Chamoso” como segue:
CATEGORÍA: INFANTIL
Modalidade: poesía
1º premio: Ana Celeiro Sal, de Espasande (Castroverde), pola obra O outono.
2º premio: María López Pérez, de Cela (O Corgo), pola obra Á beira do Neira.
1º accésit: Ángela Rincón Rodríguez, de Sarria, pola obra A lúa.
Modalidade: relato
1º premio: Judit Lourido Villa, de Nadela (Lugo), pola obra Lobezno e a lúa.
2º premio: Silvia López López, de Mirandela (Castroverde), pola obra Cousas da vida, xa sabes….
1º accésit: Andrea Varela Díaz, de Barredo (Castroverde), pola obra O trasno do Monte Patuco.”
2º accésit: Rubén Manuel Torrón Vázquez, de Manán San Cosme (O Corgo), pola obra A fábula de Wall Street.
CATEGORÍA: XUVENIL
Modalidade: poesía
1º premio: Elisabet Rey González, de Noia, pola obra O que eramos e agora xa non somos.
2º premio: Cristina Pernas Pereiro, de Paradela (O Corgo), pola obra O Corgo.
Modalidade: relato
1º premio: Sandra López López, da Veiga de Anzós (Láncara), pola obra Carta a unha amiga maltratada.
2º premio: Antía Tacón García, de Lugo, pola obra A viaxe de Karima.
CATEGORÍA: ADULTOS
Modalidade: poesía
1º premio: Xosé Otero Canto, de Lugo, pola obra Chuchas acaroadas das vagas.
2º premio: Natalia Alonso Ramos, de Vilaronte (Foz), pola obra A equilibrista e o circo.
Modalidade: relato
1º premio: Pedro Naveira Pedreira, da Coruña, pola obra Unha viaxe desacougante.
2º premio: Xosé Luís Vázquez Somoza, de Zolle (Guntín), pola obra Conta xusta.”