Ponteceso: conferencia de Anxo Angueira no Outono Pondaliano

O martes 23 de novembro, a partir das 16:00 h., na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, proseguen as actividades do Outono Pondaliano, coa conferencia de Anxo Angueira sobre Rosalía, a musa dos poetas. Posteriormente, a partir das 19:45 desenvolverase un recital cívico rosaliano en conmemoración do 125 aniverrsario do pasamento da poeta. O programa completo pódese consultar aquí. Vía Fervenzas Literarias.

Carmen Blanco: “Urxe potenciar o vitalismo fronte ao prestixio da morte e a dor”

Entrevista a Carmen Blanco en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que escolleu a autoedición dixital a demanda a través de Meubook para os seus ensaios Feministas e libertarias?
Carmen Blanco (CB): Meubook pediume un libro desta temática. Aceptei encantada pola necesidade do combate libre e pacífico contra a pandemia do poder sexual e por apoiar unha iniciativa innovadora.
LVG: Xa no limiar da obra pula pola mellora da vida a través do coñecemento, o amor e o abandono de prexuízos. ¿Vostede é deste mundo?
CB: Non son do mundo da ignorancia, dos odios e das guerras. Estou coas boas persoas que propagan a sabedoría e a solidariedade, con liberdade e valentía, sen complexos.
LVG: As guerras civil e mundial supuxeron, como vostede di, retrocesos para a muller e o colectivo homosexual. ¿Hoxe hai perigo de que políticas a favor destes sectores impoñan privilexios tan criticables como os patriarcais?
CB: Progresar consiste en ampliar as liberdades e non os privilexios. Debemos buscar a resolución dos problemas en aras da dignidade humana (integral) combinando, con intelixencia e flexibilidade, os principios da igualdade e o respecto ás diferenzas. Haberá que recoller todas as potencialidades positivas dos bens que nos deu a diversidade cultural.”

María Lado: “Impúxose a idea de que os nacionalistas galegos son auténticos terroristas”

Entrevista a María Lado en Galicia Hoxe:
“María Lado: Para min a poesía, e por extensión a literatura, é algo necesario para unha vida plena. Non concibo vivir sen ler e moito menos sen escribir, polo que adoito dicir que o impulso da escrita é algo animal, que nace do mesmo sitio de onde nacen as forzas para se erguer cada día. O amor, o desexo, o sexo, o medo, a reflexión sobre a morte… son sentimentos e necesidades que todo o mundo ten, que todos compartimos e, polo tanto, nos que todos nos podemos sentir reflexados se os atopamos nun poema ou nunha novela. A relación entre o amor e a morte é case un tópico, un tema literario en si, que no meu caso me resultou moi atraente cando, en plena adolescencia, escribía os poemas de A primeira visión. Esa conxunción de ambos extremos da vida (a orixe e a fin) resultábame interesante e cadraba coas lecturas que eu facía naquel momento e co que pretendía provocar no lector. Digamos que era parte da imaxe que pretendía o “eu poético” daquel libro. Co tempo esa idea desapareceu dos meus textos. Comecei a falar dun amor máis sosegado, máis intenso en sentimento, que se personificaba nun personaxe concreto, como ocorre no caso de Berlín. Creo que abandonei esa idea, que me resultaba case unha abstracción imposible de tocar, en favor dunha poesía máis “mundana”, baseada en imaxes máis cercanas e tanxibles. (…)
Galicia Hoxe: Vive a literatura galega en xeral un intre de esplendor, ou hai luces opacas que a ensombrizan?
María Lado: Os escritores adoitan contestar esta pregunta en función de como lles vaia nese momento, é innegable. Daquela, eu teño que dicir que vexo un momento de moita creatividade e acción. Vexo recitais, encontros entre artistas, libros incribles, poetas que comezan con moita forza, e propostas que van máis alá da poesía en papel, moita experimentación… Aínda que todo isto é por debaixo da superficie, na súa maior parte, porque o apoio externo é moi escaso. Doutra banda asisto con preocupación á escaseza de premios, que son unha fonte de ingresos importante para os escritores, ao recorte de presupostos para actos de cultura … á eliminación de posibilidades de vivir do feito literario. Iso é lamentable. A cultura toda a vida existirá, haxa diñeiro ou non, pero que os artistas poidan vivir do seu é tamén preciso na sociedade.”

Santiago: presentación de Bater de sombras, de Francisco Fernández Naval

O martes 23 de novembro, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago, preséntase Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval, gañador do X Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, publicado en Espiral Maior. No acto, acompañando ao autor, participan Miguel Anxo Fernán-Vello e Cesáreo Sánchez Iglesias, ambos os dous membros do xuri.