Marica Campo: “O problema da lingua non está na literatura, está nas escolas”

Entrevista a Marica Campo en Xornal:
“Xornal (X): Que mensaxe pretende transmitir con Onde houbo lume?
Marica Campo (MC): O libro pretende recuperar a intrahistoria da vida de moitas mulleres no século XX. Son todas vidas que transcorren dende finais do XIX até todo o seculo XX. A fonte que recolle todas esas historias é un secretario de xulgado, xa maior, que coñece unha xornalista que quere cubrir a información dunha caravana de mulleres. Entón, con ese pretexto, establecen unha amizade e el cóntalle todas esas historias á rapaza. Ao mesmo tempo, tamén se mesturan a propia historia do narrador e máis a da xornalista. (…)
X: Ao respecto da literatura infantil, vén de celebrarse en Santiago o congreso International Board on Books for Young People (IBBY), no que os conferenciantes coincidiron unanimemente en reivindicar a dignidade da literatura infantil como “unha literatura de primeira”, está vostede de acordo?
MC: A literatura para rapaces ten que ser moito mellor que a destinada aos adultos. Eu diría que ten que estar escrita directamente pensada nos rapaces, pero tendo en conta que un libro para nenos que non lle guste a un adulto crítico non debe valer para os pequenos. Hai unha serie de cousas fundamentais que non se deben esquecer nunca cando se escribe para os rapaces: hai que coidar moitísimo máis a lingua, buscar moitísima máis claridade á hora da exposición, e todo iso tratando de ensinar, pero sen que se note, sen que aparente que hai un propósito moralizador ou didáctico. Non hai que pensar que os nenos son parvos, nin que son adultos pequeniños… son outro mundo, pois son lectores moi plásticos, moito máis receptivos que os adultos, e hai que ter moito coidado co que se lles dá de comer.
X: Como escritora en lingua galega, considera que o idioma do país goza de boa saúde, ou pola contra, que se atopa ameazado polas actuais políticas que se están a levar a cabo dende a Xunta de Galicia?
MC: Na literatura non hai problema, o problema está no uso cotián da nosa lingua, está nas escolas. É dicir, se medisemos a vigorosidade da lingua pola situación literaria, pois estupendo, sería unha situación máis que óptima. Pero á parte hai que ter en conta outros moitos aspectos, como canta xente le en total e canta xente le en galego. Pero ben sabemos todos o que hai agora… a verdade, na miña opinión, é que a cousa está moi mal, realmente mal.

Manuel Rivas: “Este país necesita un calendario de vitorias”

Entrevista de Iago Martínez a Manuel Rivas no Xornal:
“Xornal (X): Os protagonistas de Todo é silencio andan por aí, están tirados do real. Por que escribir unha novela e non un relato xornalístico?
Manuel Rivas (MR): Hai libros documentais moi bos sobre o narcotráfico, sobre todo os de Perfecto Conde e Felipe Suárez, e xornalistas que saben moito, como Julio Fariñas ou Elisa Lois. En ningún momento pensei en facer algo semellante. Todo isto que conto, esa herba da memoria que foi traballando na cabeza durante anos, levábame dereito á ficción. Pretendía contar unha boa historia, o que non implica un desapego ou unha falta de compromiso, e quería situalo nunha especie de intemporalidade, aínda que estea contextualizada entre o 68 e os oitenta. Conto o que pasou doutro xeito. É o Mariscal, o capo, un cínico que me ten enfeitizado, quen conta a novela. É o lado escuro o que fala en Todo é silencio. E dinos moito máis, desvenda moito máis a realidade que as fontes oficiais. (…)
X: Non é certo que a intelixencia, no canto de procurar alternativas ou construír unha historia das conquistas, desbalde o tempo en certificar ciclicamente iso que chaman o fracaso colectivo?
MR: Estou de acordo. Cabréame moito, cando falamos de loitas, cando fago repaso ás verdadeiras mobilizacións… Aquí tiñamos todas as cartas para que puxesen unha central nuclear en Xove. Aquí, en fronte de Fisterra, tiñamos o maior vertedoiro de lixos radiactivos do mundo. Íase facer unha celulosa en cada ría. Por que non pensamos en que todo iso se evitou? Por que non pensamos en como se evitou? Moi fácil: con moitísima xente na rúa. Moitísima xente aguantando alcumes, desprestixio. Eramos anarquistas, comunistas, nacionalistas, radicais… Mayor Oreja dixo que eramos batasunos. Gustaríame que o proceso xurídico do Prestige non acabase sendo un desastre, pero iso xa non depende de nós. No que dependeu da xente cambiáronse as regras do xogo. A ver que goberno volve facer o mesmo. Cambiouse a lexislación europea. Mesmo diría que os poderes da Coruña deberían ser honestos e recoñecer que iso que se está a facer aí, o porto exterior, por moi discutíbel que sexa, foi posíbel pola reacción popular. Gábanse de non sei que cando foi grazas a que a xente, cando a expulsaron de María Pita, ocupou o resto da cidade mentres se celebraba o Consello de Ministros. Se fosen honestos, recoñeceríano. É un mínimo moral. As confrarías, unhas honestas e outras que calan como petos, saben que o que se cobrou foi porque a xente saiu á rúa. Aí é onde está a diferenza entre a Galicia que loita polo ben común e pola liberdade e esoutra Galicia deshonesta que o único que fai é chuchar como unha sambesuga a outra Galicia. Hai que loitar sen esperar ningunha medalla. Loitar para gañar, para conseguir as cousas. Reganosa non debería estar onde está, aí perdemos, pero hai que recordar que en Xove non hai unha central nuclear. Este país necesita un calendario de vitorias. Semella que o reparto da terra en Galicia veu dado ou foi unha concesión romana, cando foi unha loita tremenda que non acabou até a redención total de foros nos anos trinta do século XX. É tremendo pensar que moita xente pensa que os roxos lle van vir quitar a terra cando foron os roxos os que lla deron. E moita xente morreu nesa loita. En Galicia o que se fai é borrar continuamente a causalidade das cousas. A relación entre os movementos sociais e a realidade. As conquistas. Coma se todo fose unha dádiva. Se hai unha autonomía é en boa parte pola lingua, é lamentábel que agora se use para desarmar esa lingua. É un esperpento. En Galicia hai razóns abondo para estar todo o día na rúa. Se cadra haille que dar tempo á xente. Ao mellor está rumiando, como o escritor.”

A Coruña: conferencia sobre Ricardo Carvalho Calero, por Xosé Luís Rodríguez Fernández

O martes 5 de outubro, ás 20:00 h., celébrase na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, unha conferencia do profesor e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Luís Rodríguez Fernández, sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero, dentro do ciclo Lingua, Literatura e Nación organizado pola Agrupaçom Cultural O Facho.

Andrea Maceiras gaña o Meiga Moira de literatura infantoxuvenil

A coruñesa Andrea Maceiras Lafuente vén de gañar o cuarto Premio Meiga Moira 2010 de literatura infantoxuvenil convocado por Baía Edicións. O xurado, formado polas escritoras Marica Campo e Conchi Regueiro, o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro, que actuou de presidente, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu hoxe conceder por unanimidade o galardón á obra presentada baixo o lema Arquipélago. Abertas as plicas, a gañadora resultou ser unha obra da escritora coruñesa que leva como título Violeta tamurana e proposta para o tramo de idade de 12 a 16 anos. O xurado valorou a excelente historia, contada cunha narración limpa e enriquecida por un estilo poético, que desenvolve a novela nunha trepidante mestura de trama amorosa e aventura no ámbito do fantástico e na que consegue crear un clima convincente entre as dúas realidades en que habitan os seus protagonistas. A obra propón unha mensaxe non racista, poñendo en valor a tolerancia, sabedoría ancestral e a fusión coa natureza, ao tempo que significa a importancia relativa da verdade e o coñecemento para loitar contra a tiranía e o imperialismo, quen sustentan o seu dominio sobre os pobos a través do mantemento da ignorancia e do temor ao descoñecido e ao diferente.A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio. Vía Xornal.

Manuel Rivas: “Todo é ficción, mais todo é verdade”

Entrevista de Daniel Salgado a Manuel Rivas en El País:
Todo é silencio, na rúa da man de Edicións Xerais o 14 de outubro, traza a historia da economía ilegal na Galicia da segunda metade do século XX. Pero faino suspendendo a trama no aire. “Gustaríame dicir, con John Ford”, argúe o escritor, “que todo é ficción mais todo é verdade”. A metamorfose que levou do estraperlo de rubio de batea ao narcotráfico conectado, internacionalmente, a varias bandas acontece nun lugar imaxinado, Brétema. “Non é un libro documental, como os grandes grandes traballos de Perfecto Conde ou Felipe Suárez sobre o tema, ou o traballo xornalístico de Elisa Lois ou Julio Fariñas”, argúe, “pero eu quería escribir unha boa historia, e iso implica verosimilitude”. Non hai referentes concretos en Todo é silencio e, porén, nada é mentira: “O mesmo escenario está prendido da realidade”.”

Actividades do derradeiro trimestre do 2010 organizadas pola AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega remata estes días os derradeiros preparativos dun trimestre cheo de actividades, das que cómpre salientar:
– O V Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, a celebrar entre o 7 de outubro e o 4 de novembro no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, con participación de Estíbaliz Espinosa, Dores Tembrás, Xosé Monteagudo, Begoña Caamaño, Lara Bacelo e María Lado.
– En colaboración co Consello da Cultura Galega organizase a II Xornada da Crítica baixo o epígrafe A crítica e a Literatura Infantil e Xuvenil, que acollerá a cidade de Compostela o 22 de outubro. Participarán nas ponencias e nas mesas redondas destacados especialistas no tema, como Isabel Mociño González, Xosé Manuel Eyré, Caterina Valriu, Mª Jose Olaziregui, Mª Victoria Sotomayor e José António Gomes.
– Co patrocinio de CEDRO, Deputación Provincial da Coruña e Concellaría de Cultura da Coruña, o V Encontro de Escritores/as novos/novas celebrará o 6 de novembro tres mesas redondas sobre o estado da poesía, a importancia dos premios literarios e a literatura galega hoxe ante o seu idioma, moderadas, respectivamente, por Antía Otero, Francisco Castro e Marta Dacosta.
– Lugo acollerá, o 5 e o 6 de novembro, co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial e a coordinación de Antonio Reigosa e Isidro Novo, as III Xornadas de Literatura de Tradición Oral, centradas na Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e fantasmas, con participación de Marcial Gondar, Joan Soler, Camiño Noia e Xoán Ramiro Cuba.
– Tocante as Polafías, coordinadas por Antonio Reigosa, o calendario das programadas é como sigue: Moaña, 30 de outubro; Chantada, 6 de novembro; Maceda, 13 de novembro, e A Fonsagrada, 20 de novembro.
– A XXVII edición do Galeusca, baixo título xenérico Literatura en galego, éuscaro e catalán: unha viaxe con futuro, ocupará a actividade cultural da cidade da Coruña entre o 29 de outubro e o 1 de novembro. Temas como as viaxes na Literatura, ou a Literatura como fornecedor de contidos da industria cultural centrarán as mesas redondas nas que participarán escritores e escritoras galegos, vascos e cataláns.

Por outra banda, en decembro de 2005 a AELG e a Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información (DXPISI), asinaron un protocolo de intencións cuxo principal interese era a creación dun novo espazo virtual de divulgación do sistema literario galego, aproveitando os fondos documentais da Aelg. Este marco de colaboración deu lugar a un convenio que permitiu a creación dentro da web da AELG, do Centro de Documentación da AELG, un lugar referencial na rede para coñecer os nosos escritores/as e a súa obra, e que arrancaba coa dixitalización de documentos e a creación do software necesario para a súa publicación na web. Da necesidade da súa creación dá conta o grande aumento de visitas que tivo o portal durante os últimos cinco anos, en que pasou das 200.000 iniciais a exactamente 5.124.815 visitas a día de hoxe, debido á aquela iniciativa, que posteriormente foi incorporando máis contidos en seccións desenvolvidas a medida, que reflicten a actividade da Asociación e a dos seus socios e socias e que permiten que o público coñeza máis de preto os escritores e escritoras aos que len.