(Xornal)
Convocado o XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
Co
fin de honrar a memoria de Vicente Risco e asemade axudar á consolidación da nosa cultura e á normalización lingüística do galego, os concellos de Allariz e Castro Caldelas e mais as Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco convocan o XVI Premio Vicente Risco de ciencias sociais, dotado con 6.000 euros (1.500 euros por cada un dos organizadores) e que se ha rexer polas seguintes
BASES
Primeira.- Poderá concorrer ao premio calquera persoa, sen distinción de idade ou nacionalidade, que presente os seus textos en lingua galega, conforme ás Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego elaboradas polo ILG e a RAG e aprobadas polo Parlamento de Galicia. Os textos presentados, amais de seren inéditos, totalmente orixinais e sen poderen estar publicados nin traducidos en ningún dos formatos dixitais que ofrece internet, han tratar do estudo do ámbito galego sempre desde o punto de vista das ciencias sociais (antropoloxía, historia, sociolingüística, economía, socioloxía, etc.), tendo unha extensión mínima de cento cincuenta páxinas e unha extensión máxima de trescentas páxinas, tamaño folio e mecanografadas a dobre espazo. Valorarase especialmente que o estilo expositivo se adecúe aos usos habituais do xénero ensaístico.
Segunda.- De cada texto presentaranse cinco copias antes do día 31 de decembro do 2010, remitíndoas á Fundación Sotelo Blanco, San Marcos, 77, 15820 Santiago de Compostela.
Terceira.- Cos orixinais, que irán precedidos polo título ou lema escollidos polo autor, axuntarase un sobre pechado no que figure por fóra o lema e que conteña o nome completo, DNI, enderezo e teléfono do autor, así como o título do libro; indicando no sobre XVI premio vicente risco de ciencias sociais.
Cuarta.- O xurado estará composto por cinco membros que, relacionados co mundo da cultura, serán nomeados polas catro entidades convocantes. Un deles actuará de secretario. O premio outorgarase por maioría de votos.
Quinta.- A composición do xurado darase a coñecer na primeira quincena do mes de decembro.
Sexta.- A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer na segunda quincena de febreiro e a entrega do premio realizarase no decurso dun acto que se celebrará en Castro Caldelas en data que se comunicará oportunamente.
Sétima.- O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable.
Oitava.- Os gañadores do premio nalgunha das súas edicións anteriores non poderán concorrer nesta convocatoria.
Novena.- Sotelo Blanco Edicións, segundo acordo coas entidades organizadoras, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición da mesma en todas as linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considerarase en concepto de adianto polos dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada.
Décima.- Os orixinais non premiados poderanse retirar logo de pasados quince días da data do fallo. Os orixinais que non se retiraren destruiranse.
A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.
Santiago de Compostela, outubro do 2010.
Pódense descargar as bases en formato .pdf pinchando aquí: Premio Vicente Risco 2010. En decembro do 2010 fíxose pública a composición do xurado, que se pode consultar neste enlace.
Vigo: Poesía de muller. Poesía feminista, con Estíbaliz Espinosa e Dores Tembrás, no V Ciclo Escritores/as na Universidade
O
V
Ciclo de mesas redondas Escritores/as na Universidade, organizado pola AELG, comeza este xoves 7 de outubro a partir das 12:00 h. no Salón de Actos da Facultade Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, coa participación de Estíbaliz Espinosa e Dores Tembrás na mesa redonda Poesía de muller. Poesía feminista, unha lectura fresca de poemas propios, con comentarios ilustrativos inclinados a aspectos que teñan que ver coa peculiar concepción das autoras sobre a relación entre literatura e loita feminista, entre poesía e muller, etc. Un encontro con escritoras nunha versión lúdica e persoal. O acto será presentado por Anxo Angueira.
Tui: presentación de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz
O xoves
7 de outubro preséntase no Museo de San Domingos en Tui, a partir das 20:00 h., o libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado por Xerais. No acto acompañarán ao autor Manuel Vázquez de la Cruz e Fran Alonso.
O premio de poesía Fermín Bouza-Brey queda deserto en 2010
O
xurado do premio Fermín Bouza Brey do 2010, formado por Fermín Bouza Álvarez, Xosé María Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé María Dobarro e o historiador Gonzalo Bouza-Brey, considerou que as obras presentadas non ofrecen o nivel de calidade esixida para un premio desta traxectoria e prestixio, polo que declarou deserto o gañador da súa quinta edición. Tras coñecerse o fallo, o concelleiro de Cultura do concello de Vilagarcía, entidade organizadora do certame, Xosé Castro Ratón, anunciou que os 3.000 euros cos que estaba dotado este premio engadiríanse á vindeira convocatoria do certame, polo que a sexta edición do premio de poesía Fermín Bouza-Brey contará cun galardón en metálico de 6.000 euros. Os membros do xurado subliñaron que o feito de declarar deserto o premio representa unha excepcionalidade pero que, por outra parte, supón tamén un índice de normalidade cultural. Ao mesmo tempo consideran que a baixa participación acadada non é reflexo da situación que vive a poesía galega, da que, aseguran, nunca estivo tan fornecida de discursos tan plurais, senón que tivo máis que ver con cuestións relacionadas coa publicidade da convocatoria.Ao certame presentáronse doce obras, dúas das cales incumprían as bases, polo que tan só dez foron tidas en conta. A cifra é sensiblemente inferior á de edicións anteriores. Cabe lembrar que en 2005 foron 52 as obras que concurriron a este premio e máis de setenta na edición de 2003.
Tui: presentación de Randea do alento, de Herta Müller, traducida ao galego por Marga do Val
O martes 5 de outubro, a partir das 20:00 h., preséntase na Biblioteca Municipal de Tui a tradución ao galego da última novela da Premio Nobel alemana Herta Müller, Randea do alento, obra de Marga do Val, publicada recentemente en Xerais. No acto participará a propia tradutora, María Xosé Queizán, e Montserrat Bascoy Lamelas, doutora en Filoloxía xermánica.
Andrea Maceiras: “Unha alegoría contra o racismo”
Entrevista a Andrea Maceiras, recente gañadora do Premio Meiga Moira , en Galicia Hoxe.
Ignacio Vilar levará de novo á gran pantalla A Esmorga
Vinte editoras galegas presentarán as súas novidades na Feira do Libro de Frankfurt
Fene: Obradoiro literario coordinado por Eduardo Estévez
O
15 de outubro comeza a 10ª edición do obradoiro literario de Fene, na Biblioteca Municipal, coordinado por Eduardo Estévez. Todos os venres de 17:30 a 19:30 ábrese un espazo para a creación, o debate e o intercambio arredor da literatura. Durante o curso haberá visitas de escritores, actividades públicas e, ao final, unha publicación cos textos das persoas participantes. Nesta primeira parte do curso está prevista a visita de Yolanda Castaño e Xavier Alcalá. A final de ano, farase unha pequena publicación na que se recollen colaboracións dos participantes do obradoiro como unha mostra do traballo desenvolvido. Do obradoiro literario de Fene saíron xa, nestes anos, até catro libros individuais (dous xa publicados, dous no prelo) e diversos premios tanto de narrativa canto de poesía. A matriculación realizarase do venres 1 ao xoves 7 de outubro nas dependencias administrativas do Pavillón A Xunqueira (os días 1, 4 e 5 de outubro poderán anotarse as persoas residentes en Fene e o 6 e 7 de outubro, a poboación en xeral). O horario de atención ao público será de 9:00h a 13:30 h. (todos os días) e de 16:00 a 19:00 h. (o mércores 6 de outubro). Máis información aquí.