O
xoves 30 de setembro, ás 19:00 h., preséntase no Represalia e desagravio dun médico lucense republicano, de José Luis Díaz, publicado en Edicións do Castro, nun evento organizado polo Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces. O acto, presentado e moderado polo Catedrático de Historia Lourenzo Fernández Prieto, Investigador Principal do Proxecto, contará coa presenza do autor, que estará acompañado pola profesora María Jesús Souto Blanco, coordinadora do Proxecto Nomes e Voces, xunto a Isaac Díaz
Pardo e Xosé Ramón Fandiño.
Pontevedra: presentación de Repensar o mal, de Andrés Torres Queiruga
O
xoves 30 de setembro, ás 20:00 h., no Café Moderno (Fundación Caixa Galicia, Praza de San Xosé, 3) de Pontevedra, Andrés Torres Queiruga presenta o seu último ensaio Repensar o mal. Da poneroloxía á teodicea, publicado en Galaxia.
Ferrol: ciclo de As miñas lecturas favoritas e Clube de Lectura en Galego
A
Biblioteca
Municipal de Ferrol, sita na céntrica Praza de España, pon en marcha hoxe un novo ciclo de animación á lectura titulado: As miñas lecturas favoritas, destinado a lectores adultos. A actividade, que se desenvolverá ao longo de seis luns entre os meses de setembro e decembro, enmárcase dentro da programación posta en marcha pola Concellería de Cultura e do programa Letras Vivas, promovido pola Consellería de Cultura coa finalidade de promover os hábitos lectores, así como o libro e a lectura en galego. As sesións celebraranse ás 19.30 h., con entrada libre e gratuíta, e nelas preténdese tamén promover o diálogo naqueles lectores con inquedanzas culturais e ganas de ler. Para iso, contarase con prestixiosos nomes da literatura galega como Marilar Aleixandre (27 de setembro), Francisco Fernández Naval (4 de outubro), Santiago Jaureguizar (18 de outubro), Marina Mayoral (8 de novembro), Yolanda Castaño (22 de novembro) e Carmen Blanco (20 de decembro).
Por outra banda, desde o mércores 13 de outubro, e en mércores alternos entre as 19:00 e as 20:30 h., Henrique Dacosta coordinará o Clube de Lectura en Galego.
Lugo: presentación da revista oral O Pazo das Musas
O
xoves 30 de setembro, a partir das 20:00 h., preséntase no Refectorio do Museo Provincial de Lugo outra edición da revista oral de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial (Rede Museística da Deputación de Lugo), O Pazo das Musas. O sumario está formado por:
– Música: Arranxo musical sobre Chove en Santiago (Federico García Lorca) para a obra de teatro Km. 526 de Paloma Lugilde. Intérpretes: Carlos Díaz, Xabi Díaz e Paloma Lugilde (3’).
– O cruceiro do adro da igrexa de Trobo, Begonte (Lugo), por Fernando Arribas Arias (5’).
– Música: Meu Amor (Poema-correspondencia entre os pais de Luz Pozo Garza na guerra civil). Arranxo musical para a obra de teatro “Km 526” de Paloma Lugilde. Intérpretes: Carlos Díaz, Xabi Díaz e Paloma Lugilde (3’).
– Lectura: Fume (texto e imaxes), por Antón Fortes (5’).
– Presentación e proxección da curtametraxe Leo de Fernando Cortizo (15’), por María Hernanz, directora de arte de Artefacto Producciones.
– Música: Nanas de la Cebolla (Poema de Miguel Hernández). Música e interpretación: Carlos Díaz (3’).
– Lectura: Caderno de Animalista (texto e imaxes), por Antón Fortes (5’).
– Presentación do proxecto: Queres que cho conte?, por Paloma Lugilde (5’).
– Lectura: O rato do souto e o rato da casa (Proxecto: Queres que cho conte?). Voces: Paula Buján, Paloma Lugilde, Carlos Díaz e Sabela M. Eiriz. Ilustracións: Sabela M. Eiriz e Mar Eiriz. Música: Carlos Díaz. Comentario sobre os contos: Antonio Reigosa (10’).
– Música: Nana dos avós. Música e interpretación: Carlos Díaz (3’).
– Lectura: O piollo e a pulga (Proxecto: Queres que cho conte?). Voces: Paula Buján, Paloma Lugilde, Carlos Díaz e Sabela M. Eiriz. Ilustracións: Sabela M. Eiriz e Mar Eiriz. Música: Carlos Díaz. Comentario sobre os contos: Antonio Reigosa (10’).
– Música: Xulieta na auga. Música de Carlos Díaz para a obra de teatro O Público de Paloma Lugilde. Intérprete: Carlos Díaz (3’).
– Poesía: Espiñas (Lectura de poemas de Figuras masculinas de meio-corpo, Sexto Fetiche e Espiñas), por Antón Fortes (5’).
– Opinión: Intervención do público. Entrega de diplomas aos amigos/as da revista (3’).
– Epílogo, por Aurelia Balseiro, directora do MPL (3’).
– Contraportada musical: Durme neniña (Xosé María Álvarez Blázquez). Música e interpretación: Carlos Díaz (3’).
As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello, gaña proxección internacional para a literatura galega
As
rulas de Bakunin, novela de Antón Riveiro Coello publicada en Galaxia, e xa traducida para o portugués, o castelán e o italiano, foi seleccionada para o Panel Outono/Inverno 2010 do proxecto de Venda de Dereitos no Reino Unido do New Spanish Books, proxecto promovido polo ICEX (Instituto Español de Comercio Exterior) para fomentar a tradución da literatura publicada en España no Reino Unido. Dos 228 títulos propostos polas editoras para esta edición do panel, 11 obras foron as escollidas por un comité independente de expertos polo seu interese e atractivo para seren traducidas no Reino Unido. O Panel poderá ser consultado neste enlace.
Branca Novoneyra: “Fanme graza as etiquetas como a de ‘jóvenes poetas’, eu teño 34 anos e tardei en publicar”
(Entrevista en La Voz de Galicia)
A Real Academia Galega recolle o legado persoal de Xoán Vicente Viqueira
(Xornal, Galicia Hoxe, La Opinión).
Xornal: “Galicia tirou do prelo un 6,8% máis de obras en 2009”
(Xornal)
A Feira do Libro Liber acollerá a produción literaria de 23 editoras da AGE
Liber,
a Feira de libros máis importante do estado, celébrase este ano no recinto feiral Gran Vía da Fira de Barcelona do 29 de setembro ao 1 de outubro. Serán un total de 23 as editoras asociadas á AGE que amosen as súas novidades nos andeis do stand patrocinado pola Consellería de Cultura e Turismo e que está situado no Pavillón 1. Rúa D. Número 451. Son: El Patito Editorial, Alvarellos Editora, Editorial Netbiblo, Edicións Tambre, Edicións Xerais de Galicia, Rodeira, Editorial Toxosoutos, Edicións Laiovento, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Ediciones Linteo, Hércules de Ediciones, Edicións Embora, Andavira Editora, Baía Edicións, Nova Galicia Edicións, Ideaspropias Editorial, Rinoceronte Editora, Editorial Galaxia, Biblos Clube de Lectores, OQO Editora, Editorial Everest e Edicións Nigra Trea. Vía Asociación Galega de Editorais. Tamén se pode consultar esta reportaxe do Faro de Vigo.
Andrés Torres Queiruga: “A gran tarefa é unha Galicia soberana na nova configuración mundial”
Entrevista
a Andrés Torres Queiruga en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Lingua e relixión; nación e independencia, soños, utopías… Cal é a túa actitude…?
Andrés Torres Queiruga (ATQ): Buscar en cada un deses ámbitos unha comprensión da fe, coherente cos seus principios, sabendo que só resulta lexítima cando, en diálogo coa cultura, saca as consecuencias do seu fundamento no Evanxeo: a Boa Noticia dun “Deus humanísimo”, cuxo único e exclusivo interese ao nos crear consiste no ben e na felicidade posible de todo home e de toda muller. Todo o que non sexa iso é irremediablemente falso e perturbador, por moi “venerable” que se presente. (…)
GH: Como ves a literatura, en xeral, da nación galega?
Andrés Torres Queiruga (ATQ): Pensando no pequeno número dos que a habitamos, ten algo de milagre. Abonda con ir de Rosalía a Cunqueiro, para nos limitarmos aos xa non vivos. Os seus libros deberían figurar en calquera antoloxía universal. Hai pouco Gamoneda dicía cousas moi altas da nosa poesía actual.