Santiago: Obradoiro literario impartido por Francisco Castro

No Centro Social Caixanova de Santiago de Compostela, e impartido por Francisco Castro, o luns 4 de outubro, comeza un obradoiro literario que continuará os días 18 e 25 de outubro; 8, 15, 22 e 29 de novembro e 13 de decembro, en horario de 18:00 a 20.00 horas. Partindo da pregunta ¿Gústache escribir? plantéxase este curso co obxectivo de ofrecer unha actividade centrada no desenvolvemento da creatividade, a experimentación literaria e o pracer de escribir. Desde o primeiro día, todos os asistentes terán a ocasión de escribir textos propios utilizando as distintas técnicas que se irán poñendo en práctica nas clases, creando unha dinámica na que os participantes e, sobre todo, os seus escritos, serán os verdadeiros protagonistas. O taller, que dispón de 15 plazas, estará dividido en oito sesións cos siguientes temas: Obradoiro de escrita creativa; A práctica do relato breve; A arte da novela; Crear personaxes; Obradoiro de poesía; Técnicas básicas de narración literaria; A corrección do estilo e Algunhas reflexións sobre o mundo editorial. Cada participante recibirá un informe arredor dos seus logros con recomendacións referentes a como continuar a súa aprendizaxe literaria unha vez terminado o curso. O prezo da matrícula é de 80 euros. Os interesados en asistir a esta actividade poderán facer efectiva a inscripción a través da páxina web www.caixanova.es e na taquilla telefónica 902 504 500.

A Coruña: conferencia de Victorino Pérez Prieto: Prisciliano como símbolo do povo galego

O martes 28 de setembro, a partir das 20:00 h., na sala de exposicións de Caixa Galicia na Coruña (rúa Médico Rodríguez), terá lugar unha charla-conferencia de Victorino Pérez Prieto que versará sobre Prisciliano como símbolo do povo galego, dentro do ciclo Economia, História e C. Sociais da Agrupación Cultural O Facho.

Xabier López: “Un Goberno non acaba cunha literatura, pero todo incide”

Entrevista de Xosé Manuel Pereiro a Xabier López en El País:
“Xosé Manuel Pereiro (XMP): Do que fala Os libros prestados é da influencia dos libros nos lectores. Mesmo considerou que As vidas prestadas non sería mal título.
Xabier López (XL): A idea era, e a foto da portada refórzaa, que suxerise un ensaio. Cítanse uns noventa autores, pero a xeito de comodíns, para falar de xente relacionada cos libros. Os libros non deixan de ser aínda parámetros de conduta, non coa intensidade de Madame Bovary ou o Quixote, pero teñen unha influencia na xente bastante notable.
XMP: En xente da súa xeración, non inflúen máis o cine ou a televisión?
XL: E os videoxogos, pero a literatura é anterior aos libros. E falar de literatura é máis interesante que falar de DVDs. No fondo, todo é narrativa.
XMP: Como ve a literatura galega?
XL: Hai dous anos, diría que habería que deixar a resistencia e a militancia cultural. Que unha literatura normalizada non debe ter ningún condicionante, e que o feito de optar por un idioma xa é abondo. Pero as estruturas culturais resultaron ser máis fráxiles do que pensabamos. A literatura non se acaba por un goberno, pero outra cousa é a incidencia que poden ter determinadas medidas á hora de transmitir a creación á xente. Iso de que a verdade se abre paso á luz polos seus propios medios é moi relativo. Se non se venden libros de texto en galego, as editoriais non poden publicar, nin en galego nin en nada.”

Falece Dora Vázquez aos 97 anos, socia de honra da AELG

O mundo da cultura galega está de loito polo pasamento de Dora Vázquez (1913-2010) o pasado xoves aos 97 anos de idade, e será enterrada este sábado, no cemiterio de San Francisco de Ourense. É autora de varios libros de poesía xunto á súa irmá, a tamén falecida Pura Vázquez, como As Pontes do Amor e de numerosos libros de literatura infantil. Así mesmo, a escritora comezou a súa actividade literaria moi nova con La Noche, no ano 1948 e Vida Gallega. De feito, durante a súa traxectoria profesional recibiu varios premios en certames de xogos florais, de vilancicos e sobre todo, de poesía, e algúns deles de carácter estatal. De feito, a Deputación Provincial de Ourense chegou a crear un Premio de Narrativa e Ilustración Infantil e Xuvenil co nome de Pura e Dora Vázquez ,en honor ás irmás, co obxectivo de renderlles homenaxe e recoñecer a súa traxectoria no mundo da cultura ourensana. Entre as obras de Dora Vázquez máis coñecidas destaca Viaxe ó país dos contos e da poesía, do ano 1985 ou Soñando con Ourense (1995).
Vía Xornal. Recollido tamén en A Nosa Terra.

Lugo: paseo-presentación de Lu e Go pola muralla, de Antonio Reigosa

O luns 27 de setembro, ás 18:00 horas, na Porta Miñá de Lugo, terá lugar un paseo-presentación do libro Lu e Go pola muralla, de Antonio Reigosa, editado por Alfaguara-Obradoiro. Xunto coa editora e o autor varios dos personaxes de carne e óso desta novela farán un breve percorrido polo adarve da Muralla entre a Porta Miñá e a Porta de Santiago.

Ourense: presentación de Represalia e desagravio dun médico lucense republicano, de José Luis Díaz

O venres 24 de setembro, ás 20:15, preséntase na Liceo de Ourense o libro Represalia e desagravio dun médico lucense republicano, de José Luis Díaz Gómez, publicado en Edicións do Castro. Participan no acto, ademais do propio autor, Pedro Trillo (presidente do Colexio de Médicos de Ourense) e David Simón (médico e investigador da historia social da medicina ourensá).

Francisco Antonio Vidal: “Escribir é unha forma de manifestar as preocupacións”

Entrevista a Francisco Antonio Vidal en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia: Esta novela saíu á luz pouco despois da presentación dun ensaio sobre os ritos e a fe, ¿que é máis complicado, escribir novelas ou obras de investigación?
Francisco Antonio Vidal: Os libros de investigación están dirixidos a un público moi concreto e teñen que servir para achegarlle información nova ao lector, senón é mellor non facelos. Isto implica un traballo intenso de mirar bibliografías, percorrer lugares, falar con xente… Pero a novela tamén implica moito esforzo. No caso de As deusas do calvario, eu decido poñerme con ela despois de ler dous libros e movo moita información e publicacións diversas para ir creando os personaxes. Cada obra, independentemente do xénero, require o seu traballo.”

Illa de San Simón: acto literario-musical Os libros arden mal

O sábado 25 de setembro a partir das 18:00 h. celébrase na Illa de San Simón unha performance literaria e musical sobre Os libros arden mal, onde Manuel Rivas estará acompañado polo cantante de tangos Marcos Meléndrez, o guitarrista Gastón Rodríguez e o gaiteiro, cantante e serruchista Pulpinho Viascón. Neste concerto escénico, palabras, música e imaxes van construíndo un espazo de re-existencia e de memoria sensorial sobre as cinzas da desolación. O punto de partida do relato e do espectáculo é un episodio real: a queima de libros das bibliotecas populares na dársena da Coruña, en agosto de 1936, e vai seguindo o rastro do fume que desprenden as fogueiras, ata que nas esquinas da historia escóitase o clamor de tangos, a melancolía indómita do mar, o serrucho que sona como un violín… As persoas interesadas en asistir deberán formalizar previamente a súa reserva para facer uso do transposte marítimo que AGADIC se habilitará para a ocasión. O barco partirá, tanto o sábado coma o domingo, ás 17:00 horas do porto de Vigo. As reservas haberán de realizarse tanto por teléfono (902 022 537) como por mail (loa@viaxesloa.com) ata cubrir a capacidade da embarcación.

Riotorto: recital de poetas da xeración dos 80 na Festa da Cultura

Este sábado 25 de setembro, a partir das 22:00 h., dentro da Festa da Cultura que se celebra en Riotorto, desenvolverase un recital poético de autores da chamada Xeración dos 80, no que intervirán Xavier Rodríguez Baixeras, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Forcadela, Xulio Varcárcel, Xavier Seoane, Luísa Castro e Cesáreo Sánchez.
Ese mesmo día celebrarase a Feira do libro e do disco galego, no marco da cal se realizarán as seguintes presentacións:
17:00 h. Xosé Chao Rego, por Bernardo García Cendán e Marcos Maceira.
18:00 h. Rosalía, o clamor da rebeldía, por Pilar García Negro.
19:00 h. Noente paradise, con Ugia Pedreira e Raquel Miragaia.

O programa completo da Festa da Cultura, desde o venres 24 até o domingo 26, pódese consultar aquí.