O sábado 17, ás 21.30, preséntase na Aula de Cultura de Caixa Galicia de Viveiro o libro Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), do escritor Emílio Xosé Ínsua, publicado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro. No acto, de entrada libre, participarán, ademais do autor do libro, os intelectuais viveireses Carlos Nuevo Cal e Fausto Galdo Fernández.
O volume, impreso en Gráficas Neira, está dividido en tres grandes apartados. No primeiro, o autor repasa a historia do porto sancibrense, con abundantes referencias novidosas, e comenta a bibliografía existente sobre ese particular. No segundo apartado entra de cheo na cuestión polémica do nome da localidade, explicando a súa orixe, a súa motivación, etc. e achegando numerosos documentos e elementos que proban a historicidade, corrección e pertinencia da forma San Cibrao, tan cuestionada ultimamente por algún sectores. Finalmente, no terceiro e derradeiro apartado, como Apéndice, ofrécese o ensaio “San Cibrao por volta de 1908”.
AELG: acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) vai celebrar mañá xoves 15 de xullo un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro -que tivo lugar o 25 de maio de 1891-, e para que se garanta o acceso público ao Panteón dos Galegos Ilustres.
O acto conta co apoio e colaboración de máis de 200 entidades e colectivos, entre asociacións e fundacións de todo o país.
Un tren, identificado como Follas Novas, partirá da estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, o xoves día 15 de xullo ás 17,45 horas, para facer o traxecto Padrón-Compostela. Unha hora antes, ás 16,45, haberá unha concentración na colexiata de Santa María de Iria, no cemiterio de Adina, onde o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, informará do sentido dos actos, á vez que se lerá un poema de Rosalía de Castro.
Na estación de Compostela agardará a comitiva restante, actuando a banda municipal. Xa en Santiago, o cortexo sairá pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural, primeira parada da comitiva, onde haberá unha lectura de tres poemas de Cantares Gallegos, para continuar pola Praza da Universidade e pola Praza de Cervantes, onde se lerán outros poemas de Rosalía.
Finalmente, en San Domingos de Bonaval celebrarase unha audición do Ángelus, de Massenet, e unha lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións de diversos grupos musicais e artistas, para rematar o acto coa lectura dun comunicado reivindicativo da figura de Rosalía de Castro, cando se cumpren 125 anos da súa morte, e para que se garanta o acceso público ao Panteón dos Galegos Ilustres, unha vez coñecida a intención do Arcebispado de Santiago de Compostela de pechar as súas portas, despois dun litixio que lle outorga a titularidade do panteón á Igrexa.
PROGRAMA DO ACTO CÍVICO E REIVINDICATIVO
16.45 Concentración na colexiata de Santa María de Iria, cemiterio de Adina:
Lectura dun poema de Rosalía e marcha a pé até a estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, para tomar o tren deica Compostela.
17.45 Saída do tren cara a Santiago
18.00 Recepción do tren “Follas Novas” na estación de Santiago de Compostela
Onde estará agardando a comitiva restante que non acudiu ao cemiterio e que se sumará neste momento ao cortexo a pé polas rúas compostelás, con actuación da banda municipal. Saída pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural.
18.45 Praza do Toural, primeira parada da comitiva.
Lectura de 3 poemas de Cantares Gallegos.
19.15 Praza da Universidade
Audición do Pietat Signore, de Stradella; lectura doutros tres poemas de Cantares Gallegos.
19.30 Praza de Cervantes
Escaparates da Libraría Couceiro dedicados ás obras de Rosalía. Lectura doutros tres poemas.
19.45 San Domingos de Bonaval
Audición do Ángelus, de Massenet, lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións dos grupos musicais ou artistas participantes, lectura do comunicado/manifesto sobre os 125 anos de Rosalía e a reivindicación de apertura ao público do Panteón.
Canto do Himno Galego.
Máis información (coa listaxe das entidades que apoian o cortexto cívico) pódese consultar aquí.
Allariz: inauguración da Librería Aira das Letras
Este venres 16 de xullo. ás 20:00 h., inaugúrase unha nova librería, Aira das Letras, en Allariz, que será rexida por Marga Fernández e Carlos Cota, acto ao que, explicitamente, convidan a todos os socios e socias da AELG.
A Coruña: presentación de Con acuse de recibo, de Alberto Ramos
O 12 de xullo celebrouse no Club do Mar de San Amaro a presentación de Con acuse de recibo, de Alberto Ramos, publicado en Biblos. No acto participaron Tucho Calvo, Iago Martínez e o propio autor. Máis información pode verse aquí.
Santiago: Ao raso coas lebres, homenaxe de Casahamlet a Rosalía de Castro
Hoxe, 12 de xullo, a partir das 21:00 h., no Teatro Principal de Santiago, Casahamlet realizará unha homenaxe a Rosalía de Castro polo 125 aniversario do seu falecemento.
Foi un empeño de Casahamlet, desde os seus inicios en 1998, o facer unha triloxía escénica sobre os tres grandes poetas do Rexurdimento. E así estreou Escuro enigma eu son (Pondal, 2002), Quen pudera convosco voar (Curros, 2008) e agora presenta Ao raso coas lebres (Rosalía, 2010), un recital-concerto que tenta mostrar a lucidez e a rebeldía dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvela a situación do pobo e da cultura galega, comezando pola lingua, que ten nela a primeira usuaria con forza suficiente para inaugurar un tempo novo marcado pola consciencia e polo orgullo, así como pola contundencia fronte ás agresións. Con esta homenaxe ábrese a semana do 125 aniversario da morte de Rosalía, que se celebra este xoves 15 de xullo.
Barcelos (Portugal): tertulia sobre Letras da Galiza na Feira do Livro
O luns 12 de xullo ás 21:30 h. (hora local), no marco da Feira do Livro de Barcelos (Avenida da Liberdade), desenvolverase unha tertulia sobre Letras da Galiza, onde participarán Francisco Castro, Marta Dacosta, Antía Otero, Xavier Queipo e Carlos Quiroga. O moderador será Vergílio Alberto Vieira.
Manuel Portas: “Ninguén contara o drama da Arousa desde dentro”
Entrevista en A Nosa Terra.
Luís González Tosar: “Son un poeta maldito”
Entrevista en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe: Os escritores galegos actuais non coidan a palabra?
Luís González Tosar: Hai moitísima xente que traballa coas palabras, que vive delas, e que as descoida. É como se un artesán traballase cunha ferramenta enferruxada. Calquera artesán sabe que unha ferramenta é sagrada. Pero, por desgraza, hoxe en Galicia hai escritores que non coidan a palabra, que son chafalleiros. Hai tantos modelos de escritores como escritores. O escritor pode ser o que queira, progresista, reaccionario, crente, ateo, vaidoso, mala persoa… Todo iso está moi ben, pero o que non se lle pode consentir a un escritor é que sexa chafalleiro. Esta festa é tamén unha reflexión para que as palabras volvan brillar como sempre brillaron.”
Pódese ver a entrevista completa aquí.
Miguel Suárez Abel: “A situación da lingua non se mellora con galiciasbilingües nin con mesas dogmáticas”
Entrevista en Galicia Hoxe.
San Cibrao: presentación de Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), de Emílio Xosé Ínsua
O mércores 14 de xullo, ás 20:30, preséntase na Casa da Cultura de San Cibrao o libro Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), do escritor Emílio Xosé Ínsua, publicado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro. No acto, de entrada libre, participarán, ademais do autor do libro, os intelectuais viveireses Carlos Nuevo Cal e Fausto Galdo Fernández.
O volume, impreso en Gráficas Neira, está dividido en tres grandes apartados. No primeiro, o autor repasa a historia do porto sancibrense, con abundantes referencias novidosas, e comenta a bibliografía existente sobre ese particular. No segundo apartado entra de cheo na cuestión polémica do nome da localidade, explicando a súa orixe, a súa motivación, etc. e achegando numerosos documentos e elementos que proban a historicidade, corrección e pertinencia da forma San Cibrao, tan cuestionada ultimamente por algún sectores. Finalmente, no terceiro e derradeiro apartado, como Apéndice, ofrécese o ensaio “San Cibrao por volta de 1908”.