Ferrol: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O mércores 14 de xullo ás 20:00, nas instalacións da Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32), preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Edicións Xerais. O acto contará coa participación de Carlos Outeiro, Francisco Rodríguez, Manuel Bragado e o propio autor.

Alexandre Nerium: O rumbo do océano

Entrevista a Alexandre Nerium en Galicia Hoxe:

Galicia Hoxe (GH): Fálame da Antoloxía Poética sobre as Fisterras que estás preparando? Qué título vai levar?
Alexandre Nerium (AN): Fai preto de dez anos comecei unha colectánea de poemas onde aparecese a palabra Fisterra, Finisterra, Finisterre… e foron moitos escritores os que me axudaron a conseguir eses textos. Porén é unha antoloxía compartida. Textos éditos, inéditos, traducións de autores de todo o mundo como Geoffrey Chaucer, Sylvia Plath, Eugenio Montale, Benedetti, Pablo Armando Fernández, Lêdo Ivo, Machado, Gerardo Diego, Alberti, Cabanillas, Luís Seoane, Manuel María, Valente, António Salvado, Ferrín, Bodaño, Cáccamo, César Antonio Molina, Manolo Rivas… máis de 190 autores conforman hoxe esta antoloxía que será intitulada Aradomar… ecos cara ó confín do mundo.

GH: Francisco Fernández Rei dicía no prólogo ao teu libro Vogar de couse que era “unha singradura da existencia humana”.
AN: Tres longos invernos, cando os tombos de mar gabeaban polo dique de abrigo e me impedían ir á procura do longueirón, fun armando con agullas de barbas de balea as entoradas trallas de Vogar de couse. De complexa estrutura pois pretendía compoñer unha estrofa que nunca se dera na Literatura Universal. Despois dun estudo profundo observei que só se podían construír cinco tipos de quintetos distintos (libros de quintetos hai moitos máis ningún con cinco rimas diferentes) e logo encadeei as rimas. Son unha única estrofa: Quintetos encadeados. O poemario está dividido en cinco partes e introducinas nas catro estacións do ano: a primavera referente á nenez; o estío á adolescencia; o outono-inverno a madurez (en dúas partes) e o inverno na senectude. Singraduras nas que hai que arrostrar cara á barlovento os temporais da vida.

GH: A poesía é como unha illa na que aínda hai verdade, emoción e esperanza?
AN: A poesía faite libre coma un mascato voando na inmensidade do océano, mais cando sentes a crueldade do embate cobizoso e o sórdido axirido das gaivotas faite ser rebelde e resistente. Hai moita inxustiza que combater e moita fame que saciar. A poesía pode cambiar o rumbo.

A entrevista completa pódese ver aquí.

Arzúa: presentación de Nunca te vin chorar, de Miguel Suárez Abel

O luns 12 de xullo, ás 20:30 h, na Capela da Madalena, en Arzúa, preséntase o libro Nunca te vin chorar, de Miguel Suárez Abel, publicado por Galaxia. No acto participan o autor acompañado polo concelleiro de cultura do Concello de Arzúa, Xosé Luís García.

Vigo: sinatura de libros de Moncho Iglesias e presentación de Mulleres da emigración, de Lois Pérez Leira

No último día da Feira do Libro de Vigo, 11 de xullo, ás 19:00 Moncho Iglesias asinará exemplares da súa obra Tres cores azul, publicado por Estaleiro Editora.
Ese mesmo día ás 20:30 h., Lois Pérez Leira presenta o seu libro Mulleres da emigración, editado polo Servizo de Publicacións de Galicia en el Mundo.

Vigo: recital “Poesía Alimentaria”, con poesía, música e pintura

O sábado 10 de xullo, ás 21:30 h., en La Galería Jazz (Ronda de Don Bosco, 21) de Vigo, celébrase un recital poético acompañado de música e pintura en directo baixo o nome de Poesía Alimentaria, con Lucía Aldao, Ledicia Costas e María Lado, entre os participantes. Máis información aquí.

Cangas: presentación de Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha, de Mónica Bar Cendón

O sábado 10 de xullo, ás 18:00 h., no Auditorio Municipal de Cangas e dentro da programación das VII Xornadas da Muller, terá lugar a presentación do libro de Mónica Bar Cendón Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha, publicado en Xerais. No acto acompañará á autora o editor Manuel Bragado.

Vigo: presentación de Cores do Atlántico e Zampadanzas

Dentro das actividades da Feira do Libro de Vigo, este sábado 10 de xullo ás 19:30 h. preséntase o libro-disco Cores do Atlántico, publicado por Pai-Música, con textos de Ria Lemaire, músicas de Socorro Lira e ilustracións de Quique Bordell. No acto participarán Camiño Noia, profesora da Universidade de Vigo, a cantante Uxía e Santi Vázquez, presidente de Asociación Ponte nas Ondas.
Ese mesmo día ás 20:30 h., Edicións do Cumio presenta o libro Zampadanzas, do colectivo de baile portugués Pédechumbo. Participarán no acto as autoras do libro, Mercedes Prieto, Marta Pereira e Serxio Cobos e o representante da editorial, Cándido Meixide.

O Irixo: homenaxe a Arturo Baltar na Insua dos Poetas

O sábado 10 de xullo ás 12:30 h. celébrase a II Festa da Palabra, en homenaxe a Arturo Baltar, na Insua dos Poetas (estrada de Carballiño a Lalín (OU-902) Km. 4,5). Entre outros escritores e artistas participan:  Manuel Rivas, Luis González Tosar, Víctor Campio, Antón Lamazares e Acisclo Manzano. Ao remate do acto compartirase un xantar de irmandade. Pódese descargar o convite aquí.

Carlos Callón: “O que nós non fagamos pola nosa lingua agora, ninguén o vai facer por nós”

“Vieiros: En castellano no hay problema é ante todo un título provocador. Como xorde?
Carlos Callón: O título final, que é retranqueiro, sae dunha votación no meu blog e vese que a xente optou polo máis irónico. É un encabezamento que funciona coa capa, na que se ve unha imaxe do Pórtico da Gloria na que aparece un monstro turrándolle da lingua a un condenado: parece que é o monstro o que está dicindo iso de En castellano no hay problema. É un convite un pouco falso que nos leva á reflexión: non hai problema para vivir en castelán en Galiza e ademais ninguén defende que se creen obstáculos ou que se recorten dereitos individuais aos castelanfalantes. É que ás veces véndesenos iso: que os que participamos de organizacións como a Mesa somos seres diabólicos, como se quixésemos que os que falan castelán tivesen algún tipo de sanción, algo que nunca ninguén que defendese o galego propuxo. Para vivir en castelán en Galiza non hai problema, porén para vivir en galego, na lingua propia, si que o hai. Polo tanto reflexionemos todas e todos se esta situación pode continuar.
Vieiros: Este libro conta con esta dobre vertente: dunha banda a análise e doutra a reivindicación. Reparando no primeiro apartado, cres que hai algún motivo para sermos optimistas?
Carlos Callón: Todos os estudos indican que a situación do galego é moi preocupante; mesmo xa o indicaban antes de que Alberto Núñez Feijoo fose nomeado presidente da Xunta. Realmente os estudos alertan de que o galego está a piques de entrar nun punto de non retorno. Eu creo que malia esa situación preocupante, sabemos que hai vimbios para facer o cesto da súa recuperación e da súa revitalización. Se ben esta situación crítica do galego é anterior ao actual Goberno, o PPdeG tende a acelerar esa caída: quere que ese case-punto de non retorno sexa un punto de non retorno real; que o galego sexa realmente unha lingua residual e, polo tanto, inútil en Galiza; unha sociedade que non estea cohesionada a través da súa lingua e da súa cultura, unha sociedade sen memoria histórica de seu. Eles atacan a lingua porque o que queren é que a sociedade galega, que Galiza, deixe de existir como tal.”

A entrevista completa pódese consultar aquí: Vieiros.