Poetas na Festa do libro da Coruña

Foi un éxito rotundo a iniciativa da Concellaría de Cultura da Coruña en colaboración coa AELG que tivo lugar o pasado sábado no Kiosco Alfonso, e que congregou abondoso público acarón de poetas e ilustradores. Un evento inédito que deixou moi satisfeitos tanto aos poetas como á organización.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/QAchyfQenBY" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

A despedida de Suso de Toro

Suso de Toro: «Hai deceséis anos que son escritor profesional, traballador autónomo, e deixearei de selo nos próximos meses. Fun escritor de oficio en lingua galega e vivindo na miña cidade, Santiago, non estivo nada mal, agora volverei a ocupar unha praza de profesor nun liceo ( o mesmo no que tiven a miña primeira praza hai vintetantos anos, unha curiosa viaxe no tempo cara atrás). Sinto que terei que facer unha reflexión sobre o que foi esta aventura e sobre por que remata. Esta madrugada imaxinei dous títulos para esa explicación que debo facer para min propio: “Adeus a todo iso” ou “A fin da escapada”. Hai títulos que xa veñen feitos. Mentres, estes meses, voume despedindo xa de cousas. […]»

Isto provoucou unha súbita reacción dos medios:

“A vida son máis cousas: a miña carreira literaria como tal remata aquí”
Suso de Toro: “Xa escribín o que quería escribir, cambio de oficio”
“Adeus a todo iso”

E o escritor tivo que saír ao paso do que se convertía en toda unha noticia no sistema literario: «Non imaxinaba que un apuntamento no blog desencadenase a noticia, pretendía irme despedindo da vida de escritor a modo. E unha decisión que ven xa de tempo. Ando aínda a promocionar o último libro, o que un faga haino que facer até a fin e o mellor que se poda, a que volva do Sant Jorsdi terei que sentarme a dar unha explicación de modo. Desculpas e grazas.» (Suso de Toro)

“Encontro poético” no Kiosko Alfonso da Coruña


Será o sábado 24 de 18:00 a 21:00, no Kiosko Alfonso: «Dentro do programa de actividades da Feira da poesía terá lugar un “Encontro poético” no Kiosko Alfonso. Trátase de propiciar o encontro dos lectores cos poetas para que podan conversar e se o desexan mercar poemas ou mesmo confeccionar a súa persoal antoloxía no momento. Contaremos coa presenza de Francisco Xosé Fernández Naval, Estíbaliz Espinosa, Lois Diéguez, Paloma Calvo, Eduardo Estévez, Antía Otero, Xavier Seoane, Eva Veiga, Alberte Suras, Ánxeles Penas, Olga Patiño, Chelo Suárez, Begoña Paz, Xosé Abeal, Eli Ríos, Diana Varela Puñal… Ademais, participarán ilustradores pertencentes a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), o que sen dúbida aumentará o valor do evento.» (Concellaría de Cultura da Coruña)

Folgoso do Courel: presentación do Dicionario Uxío Novoneyra, de Esperanza Mariño Davila

«3C3 Editores, coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel, comprácese en convidalo/a á presentación do libro Dicionario Uxío Novoneyra, de Esperanza Mariño Davila. No acto intervirán Dolores Castro Ochoa (alcaldesa de Folgoso do Courel), X. Amancio Liñares Giraut (director editorial de 3C3), Eugenio Pichel (editor) e a propia autora. Será no Local Cultural Municipal de Seoane do Courel (FOLGOSO DO COUREL – LUGO), o sábado 24 de abril, ás 13:00.»

Atenea solicita colaboracións de poesía galega

«O Ateneo Ferrolán, querendo acadar un mellor xeito de colaboración e apoio á difusión das letras, pon á vosa disposición a revista trimestral Atenea para que enviedes a vosa poesía en idioma galego e, de quedar seleccionada, a publicaremos en verán nun número extraordinario da nosa revista. De estar interesado/a, ponte en contacto con nós ou envíanos por correo electrónico o teu poema facendo constar o teu nome, enderezo e contacto antes do 10 de xuño de 2010.
Esta publicación sae catro veces no ano e desde 1999 con 1000 exemplares. Distribúese gratuitamente a Centros de Ensino, Culturais, Bibliotecas e Centros de especial interese de Galicia e España.»

Contacto:
E-mail: secretaria@ateneoferrolan.org
Telf.: +34 981 357 970
Fax: *981 354 098
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204, 1º.
CP.15402 – FERROL (Galiza)

Hoxe na Coruña: lectura dramatizada e textos de Gustavo Pernas Cora

Na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, terá lugar o xoves 22 de abril, ás 20:30 h., unha lectura dramatizada de textos do escritor Gustavo Pernas Cora que serán interpretados polo propio autor e por Ánxela G. Abalo. Abordan temas como a incomunicación, as relacións de parella, a identidade, os malos tratos, a violencia e a fronteira entre a realidade e a representeción, entre outros.

Maruja Mallo, de Ramón Gómez de la Serna, en galego

«Editorial Trifolium, dentro da súa colección Contextos, ven de sacar do prelo a tradución ao galego do texto Maruja Mallo, do que é autor Ramón Gómez de la Serna.

“Meiguiña nova”, chamaba Ramón Gómez de la Serna a Maruja Mallo (Viveiro, Lugo 1902; Madrid, 1995), porque, e así o escribe, “tiña algo de feiticeiro no que facía e era como unha meiga recente que baixaba do Norte despois de compor as cores nas olas de barro da súa misteriosa cociña da aldea…” Artista revolucionaria, ousada e xenial, Maruja Mallo formou parte dos movementos de vangarda, xunto aos grandes nomes do momento, como Federico García Lorca, Rafael Alberti, Luis Buñuel ou Salvador Dalí, á vez que mantivo fortes lazos con Ortega y Gasset, María Zambrano e Pablo Neruda. Cercana ao surrealismo, transgresora da Xeración do 27, foi Maruja Mallo inxustamente valorada, ensombrecida polo seu doloroso exilio e seguramente, tamén, por ser unha muller adiantada ao seu tempo.»

III Certame de Poesía Victoriano Taibo

«Convócase a terceira edición do Certame Literario Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns. O IEM enviou aos medios unha nota de prensa dando conta das características desta nova convocatoria cuxas bases podedes consultar aquí, así como o díptico e o cartel deseñados para esta ocasión por Pedro Telmo.» (Victoriano Taibo)