A Real Academia Galega recibiu o legado póstumo de Xohán Casal

«A doazón á Academia prodúcese logo de que Manuel Rivas -que foi amigo e veciño de Xohán Casal- lembrou ao que cualificou como o “Kafka coruñés” no seu discurso de ingreso na institución, pero a familia de Raimundo Patiño “levabamos anos teimando nesta idea”.» (GaliciaHoxe.com)

VIII Xornadas literarias Día do Libro 2010 dedicadas a Fernando Pessoa

Casa da Cultura de Neda – Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña

PROGRAMA (Provisional)
Mércores 21 de abril, ás 20 horas, Facultade de Humanidades.
Inauguración das Xornadas.
-Intervencións do Decano Manuel Recuero e do Alcalde de Neda Ignacio Cabezón.
-Conferencia do profesor Fernando Manuel Cabral Martins, da Universidade Nova de Lisboa, co título: “Pessoa sem máscaras”.

Xoves 22 de abril, ás 19 horas, Casa da Cultura de Neda.
-Mesa-coloquio:
Alumnos/as do IES “Fernando Esquío”, baixo a dirección da profesora Mª Dolores París Fraga, “Vida e obra de Pessoa”, e intervención do Clube de Lectura da Biblioteca do IES; Profesor Fernando Cabral Martíns; profesor Elías Torres, da USC: “Pessoa: vale a pena viver!”(A paixao pola vida na obra do poeta, a ànsia de viver plenamente).

Venres 23 de abril, ás 19 horas, na Casa da Cultura de Neda.
-Mesa-coloquio:
José Manuel Sande, do CGAI: “Pessoa e o cinema”; profesor Carlos Quiroga, da USC; Carlos G. Figueiras, Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC.

-Ao remate de cada día haberá actividades culturais relacionadas: cine, música, mostra bibliográfica, etc.

El azor en el páramo, a tradución de Ted Hughes que publica Xoán Abeleira

Xoán Abeleira presenta iste xoves 8 de abril, ás 20.00 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, enfronte da Libraría Colón), El azor en el páramo, a súa escolma de Ted Hughes, un dos poetas ingleses máis importantes de tódolos tempos. O acto consistirá nunha lectura comentada das versións en galego dos poemas de Hughes. As persoas que merquen ise día o volume serán agasalladas cunha ilustración orixinal realizada polo tradutor.

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Hoxe 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, en lembranza do nacemento de Hans Christian Andersen. A autora do cartaz conmemorativo é Noemí Villamuza; Eliacer Cansino fixo a mensaxe oficial, que podedes ler nas catro linguas oficiais do estado neste documento (PDF, 1,2 MB).

Dúas semanas para presentar obras aos premios da Deputación da Coruña

Lembrámosvos que o vindeiro 15 de abril remata o prazo para presentar textos orixinais a varios dos premios literarios da Deputación da Coruña: o Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, o Manuel Murguía de ensaio e o Miguel González Garcés de poesía. O prazo para o premio Torrente Ballester de narrativa está aberto até o 1 de xullo.

Culleredo: coloquio Os nosos apelidos, resumo da nosa cultura

O vindeiro mércores 7 de abril na Biblioteca da Poesía “Uxío Novoneyra” de Vilaboa terá lugar o relatorio Os nosos apelidos, resumo da nosa cultura, coa participación de Pilar García Negro, Xosé Ramón Freixeiro e Xavier Alcalá, dentro do programa Primavera das letras. A entrada é libre. O acto comezará ás oito da tarde.

Premio Internacional para un libro de Kalandraka

O león Kandinga de Boni Ofogo e Elisa Arguilé, editado por KALANDRAKA, foi un dos gañadores da segunda edición do concurso internacional CJ Picture Awards na categoría de Novas Publicacións. Neste apartado competían 635 libros de 39 países. A organización do certame vén de participar na Feria Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, cun stand no que amosou as obras premiadas.

A Fundación CJ de Cultura (CJ Culture Foundation) de Corea organiza o certame, co patrocinio do Ministerio de Cultura, Deportes e Turismo dese país, a Fundación Centro Cultural de Corea e a Asociación de Editores Coreanos.

A Coruña: conferencia de José Luis Gómez

O martes 6 de Abril dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom o xornalista e ensaísta José Luís Gómez impartirá a conferencia Galego e Médios de Comunicaçom, na que analizará o uso que fan da lingua os medios de Galicia en prensa escrita, radio e televisión. Será a partir das oito do serán, no local da Fundación Caixa Galicia no Cantón Grande, na Coruña.

Día Mundial do Teatro: Mensaxe 2010

O Día Mundial do Teatro é unha oportunidade para celebrar o teatro en todas as súas múltiples manifestacións. O teatro é fonte de entretemento e inspiración e ten a capacidade de unificar as diversas culturas e pobos que existen no mundo. Pero o teatro vai aínda máis aló e ofrece tamén oportunidades para ensinar e informar.

O teatro represéntase en todo o mundo e non sempre no escenario tradicional dun teatro. As representacións poden ter lugar nunha pequena aldea de África, a carón dunha montaña en Armenia, ou nunha diminuta illa do Pacífico. O único que se precisa é un espazo e un público. O teatro ten a capacidade de facernos rir, de facernos chorar, pero tamén nos debería facer pensar e reflexionar.

O teatro é produto do traballo en equipo. Os actores son a xente que se ve, pero hai un grupo marabilloso de xente que non se ve. Son tan importantes coma os actores, e as súas habilidades, diversas e especializadas, fan posible a produción. Tamén eles deben compartir os triunfos e os éxitos que se poidan acadar.

O 27 de marzo sempre é oficialmente o Día Mundial do Teatro. Por moitos motivos, todos os días se deberían considerar o día do teatro, pois temos a responsabilidade de continuar a tradición de entreter, ensinar e ilustrar o noso público, sen o cal non poderiamos existir.

Judi Dench
Tradución: Sandra Sanmiguel