Faladoiro con Victorino Pérez Prieto e representación do Grupo de teatro Alexandre Bóveda

«A AC Alexandre Bóveda informa que xa está aberto o prazo de inscripción para o vindeiro Faladoiro e Farra que organiza a nosa entidade. Terá lugar o venres nove de abril no Club do Mar de Santo Amaro, a partir das 22:00 h, e nesta ocasión contará coa presenza de Victorino Pérez Prieto para falar sobre “O Movemento Cristián Galego. Unha Igrexa que existe e resiste”. É necesaria a inscrición previa no local da asociación ou no tlf: 981 200 869 en horario de tarde.

Os “faladoiros e farra”, son reunións que xuntan unha tertulia amena e cordial, introducida por algún experto na materia que se aborda, e que se celebra durante unha cea a base de petiscos e que normalmente ten como colofón algunha actuación musical espontánea. Como xa sabedes é necesario inscribirse previamente para participar na cea dos faladoiros que ten un custe de quince euros por persoa, podedes inscribirvos por tlf: 981 200 869, ou no local da asociación no horario habitual.

Por outra banda e tamén este venres 9 de abril terá lugar a representación do Grupo de teatro Alexandre Bóveda da obra Tres, tres, tres de Xoán Carlos Mexuto. Será no Forum Metropolitano do Parque Europa, ás 20:00h, con entrada de 2 € para socios, xubilados, carnet xovén e 4 € en xeral.»

Secretaría da ACAB

4º Premio Meiga Moira 2010

Baía Edicións convoca o 4º premio Meiga Moira de creación literaria infantil-xuvenil, que se rexe polas seguintes bases (PDF). O premio, que poderá quedar deserto, considerará un único galardón, ao que se lle asigna unha dotación económica de 2.500 euros. A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira. O prazo de recepción de orixinais remata o 17 de Maio e a súa resolución darase a coñecer o 1 de outubro de 2010.

Mais información aquí: 981 174 296; comercialarrobabaiaedicions.net

Inmunda escoria, de Ricardo Gurriarán

Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968, de Ricardo Gurriarán será presentado mañá, mércores 7 de abril, ás 19:30 horas no Salón Nobre de Fonseca en Santiago. O acto contará coa participación dos prologuistas da obra, Vicente Álvarez Areces (Presidente do Principado de Asturias) e Senén Barro (Reitor Magnífico da USC), ademais de Víctor Santidrián (Director da Área de Historia da Fundación 10 de marzo), Manuel Bragado (Director de Xerais) e do propio autor.

Publícase o texto de Pressing Catch

«A editorial Positivas leva ao papel o texto orixinal de Pressing Catch, o espectáculo que a compañía Berrobambán estreou o pasado 11 de marzo na sala Nasa de Santiago baixo a dirección de Quico Cadaval, quen aquí oficia como prologuista. Obra de Paula Carballeira, o texto reelabora o imaxinario do wrestling para evidenciar a violencia cotiá, as tensións e os medos cos que se convive a diario. […]» (Xornal.com)

Ánxeles Penas, escritora do mes

«Ánxeles Penas naceu en Teixeiro (A Coruña). É licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago e en Belas Artes pola Facultade de San Fernando en Madrid; ademais, fixo estudios de música no Conservatorio da Coruña e de Maxisterio.

No ámbito plástico ten a dobre faceta de escultora e pintora e leva feitas máis de cincuenta exposicións.

Ten no seu haber nove premios literarios, entre eles o Premio Abrente de Teatro de Ribadavia (1974), o primeiro Premio Nacional Jorge Manrique (1971), o primeiro Premio das Festas Minervais da Universidade de Santiago (1970), o primeiro Premio Festa da Cantiga da Coruña (1971) e o primeiro Premio Cidade da Coruña (1981)[…]» (Ler máis no Centro de Documentación)

O galego, terceira lingua editorial por detrás do catalán e castelán

«Aínda que o 2009 foi un ano de desaceleración da produción editorial estatal, en Galicia o descenso foi un punto superior á media nacional (un 15%) no número de volumes editados na comunidade, que pasaron dos 3.747 do 2008 aos 3.180 do pasado ano. A edición de obras en galego, pola súa banda, baixou un 11,9% (de 2.070 libros a 1.823).» (Asociación Galega de Editores)