Culleredo: obradoiro de poesía con Miguel Anxo Fernán-Vello

A Concellería de Cultura do Concello de Culleredo, como complemento á Programación de Primavera da “AULA DA POESÍA” da Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” de Vilamelania-Vilaboa, organiza o II Obradoiro de Poesía, dende o 5 de abril ao 10 de maio, impartido polo poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello e dirixido a persoas maiores de 16 anos, cun máximo de trinta prazas e con carácter gratuíto. Os interesados en asistir deben dirixirse á Concellería de Cultura do Concello de Culleredo, Edificio de Servicios Múltiples do Burgo, teléfono 981665597, ou ben enviar un correo electrónico.

Na presente edición do Obradoiro de Poesía levarase a cabo, procurando a novidade e a orixinalidade, a implantación dun “taller temático”, no cal a creación poética ocupará un lugar central no traballo dos participantes. Sen deixar de lado aspectos teóricos e discursivos, sempre necesarios e interesantes, o Obradoiro establecerase como “lugar de escrita”, como ámbito de exploración e fixación práctica e material do poema. A partir de liñas e propostas de acción concretas, os participantes elaborarán diferentes textos poéticos, primando en todo momento a aprendizaxe e a máxima esixencia formal no que se prefigura como un laboratorio vivo de poesía.

O taller terá unha duración total de 12 horas. As clases impartiranse todos os luns, en horario de 20:00 a 22:00 h. A inauguración terá lugar o luns 5 de abril, e continuará, nese mesmo mes, os días 12, 19 e 26, pasando logo aos días 3 e 10 de maio, data final esta última do Obradoiro. Unha vez rematado o Obradoiro procederase á edición dun caderno/libro que conterá unha selección dos mellores poemas escritos polos alumnos e alumnas participantes.

Xosé Neira Vilas, Premio Laxeiro 2010

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela participou onte na reunión do padroado da Fundación Laxeiro en Vigo e logo entregoulle a Xosé Neira Vilas (Gres, 1928) o Premio Laxeiro 2010. Varela gabou a carreira do galardoado, afirmando que “é un dos grandes nomes da nosa cultura, un referente literario, intelectual e, sobre todo, humano”, e resaltou as afinidades entre o premiado e José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, “por compartir o don extraordinario de repropoñer en formas aparentemente simples, inmediatamente comunicativas, toda unha tradición cultural” así como posuír “a cualidade rara e preciosa, de creadores verdadeira e sentidamente populares”. [Ler noticia completa en Xornal de Galicia]

Ferrol: presentación dun libro de Neira Cruz

Mañá mércores 24 ás 20.00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol preséntase o libro Jan estivo alí de Xosé A. Neira Cruz. O acto contará coa participación do autor acompañado por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e membro da Real Academia Galega, e David Soler, ilustrador.

A AELG lembra a Rosalía cunha lectura pública da súa obra

Co gallo do Día de Rosalía, o vindeiro mércores, 24 de febreiro, a AELG organiza unha lectura pública simultánea nas seguintes cidades do país:

A Coruña, ás 18.00, Xardíns de Méndez Núñez, Monumento a Curros Enríquez

Ferrol, ás 18.00, na Praza do Himno Galego

Lugo, ás 18.00, Rúa Nóreas, a carón da casa que fai esquina con Rúa San Pedro, onde viviu ROSALÍA DE CASTRO entre 1864 e 1868 (hai unha placa indicativa).

Pontevedra, ás 18.00, onde a estatua de Castelao

Santiago, ás 17.30, onde a estatua de Rosalía, no Paseo da Ferradura

Vigo, ás 19.00, no nº 12 da Rúa Real, onde a tipografía de Juan Compañel

Podedes consultar neste mapa a ubicación exacta dos diferentes lugares.

A Coruña: José Luís Peixoto e Miguel Anxo Fernán-Vello no ciclo Poetas di(n)versos

peixotomiguelanxo

Continúa o ciclo de recitais poéticos dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña coa participación mañá martes 23 de febreiro dos escritores José Luís Peixoto e Miguel Anxo Fernán Vello. O acto comezará ás 20:30 na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, 10).

José Luís Peixoto é unha das principais revelacións literarias da última década en Portugal, cunha proxección extraordinaria que o levou a ser traducido xa a vinte idiomas e a acadar un gran recoñecemento tanto no seu propio país coma no estranxeiro. Literariamente polifacético e ambicioso, Peixoto é todo un ídolo das letras portuguesas actuais que chegou a vender quince mil exemplares dun dos seus poemarios.

Miguel Anxo Fernán Vello non precisa presentación no noso país. Dende os oitenta até a actualidade a obra poética de quen tamén é o meirande editor de poesía en galego foise convertendo nunha das máis sólidas e prolíficas do noso panorama. Finalista do Nacional e gañador do Premio da Crítica Española en varias ocasións, Miguel Anxo é un dos autores galegos máis respectados fóra de Galicia.

Descargar dossier en PDF (311 KB)

Apúntate ao recital no evento en Facebook.

Finalistas dos Premios AELG 2010

Ábrese agora o prazo para a elección dos gañadores/as por parte dos Socios e Socias da Aelg, que se estende até o 12 de abril. Os gañadores/as daranse a coñecer o día 17 de abril no transcurso da Cea das Letras.

Blog Literario
A canción do náufrago, de Francisco Castro
As uvas na solaina, de Marcos Valcárcel
Axenda Cultural da AELG, de Algueirada (Acción cultural na rede)
Brétemas, de Manuel Bragado
Cabaret Voltaire, de Santiago Jaureguízar
O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro

Ensaio
A mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro, de Manuel Forcadela
As razóns do galego. Apelo á cidadanía, de Henrique Monteagudo
Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), de Xesús Alonso Montero
Soñadores e Familia. Os personaxes na narrativa de Álvaro Cunqueiro, de María Xesús Nogueira Pereira

Literatura Infanto-xuvenil (AELG-Gálix)
Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros
Lúa do Senegal, de Agustín Fernández Paz
O Brindo de Ouro II. A táboa da Hospitalidade, de Xesús Manuel Marcos
Valados, de Agustín Fernández Paz

Mellor traxectoria xornalística (AELG-Colexio de Xornalistas)
Belén Regueira
Ana Romaní
Xosé Manuel Pereiro
Bieito Iglesias
Manuel Rivas
Fran P. Lorenzo
Lino Braxe
Anxo Tarrío

Narrativa
Monte Louro, de Luís Rei Núñez
O cabo do mundo,de Xabier Quiroga
Unha historia que non vou contar, de Cid Cabido

Poesía
Deter o día cunha flor, de Luz Pozo Garza
O pouso do fume, de Dores Tembrás
[O paraíso das sombras, de Cesáreo Sánchez Iglesias, que resultou tamén finalista, foi retirado a petición do autor]

Teatro
Delimvois, de Rubén Ruibal
Medea dos fuxidos e outras pezas, de Manuel Lourenzo
Sempre quixen bailar un tango, de Teresa González Costa

Tradución
Flanagan. Flash-Back, de Jaume Ribera e Andreu Martín, en tradución de Isabel Soto
O museo da inocencia, de Orhan Pamuk, en tradución de Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos
Obra dramática completa, de Sarah Kane, en tradución de Manuel F. Vieites
Residente privilexiada, de María Casares, en tradución de Ana Belén Martínez Delgado

Presentación en Oxford de Books burn badly de Manuel Rivas


O Centre for Galician Studies e The Queen’s College organizan a presentación de Books Burn Badly, tradución ao inglés de Os libros arden mal de Manuel Rivas.

O acto terá lugar en Oxford no Ashmolean Museum o venres 26 de febreiro ás 5 da tarde. A presentación irá seguida dunha mesa redonda con Manuel Rivas, Jonathan Dunne, tradutor incansábel de literatura galega ao inglés, e John Rutherford, responsábel do Centre for Galician Studies e tradutor. No acto servirase un viño galego.