IX Certame literario de relato de aventuras “Antón Avilés de Taramancos”

Bases do IX Certame literario de relato de aventuras “Antón Avilés de Taramancos”.

1.- Poderán concorrer ao Certame de Relato de Aventuras todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre que sexa inédito, encadrado no relato de aventuras

2.- A obra, cunha extensión entre 70.000 e 100.000 caracteres, presentarase por cuadriplicado en mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados sen sinatura e
cun lema, utilizando o sistema de plica.

3.- O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 30 de abril de 2010

4.- Os traballos serán remitidos a:

Concello de Noia
Rosalía de Castro, 2
15200 Noia (A Coruña)

5.- Estabelécese un único premio de 3000 €, ademáis dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa, e a publicación da obra gañadora por parte do Excmo.Concello de Noia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.

6.- O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que poderá quedar deserto, e para interpretar as bases. Estará composto por persoas de recoñecido prestixio no eido das letras galegas e emitirá públicamente o seu veredicto o día 28 de maio de 2010.

7.- Os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes destruídos transcorridos vinte días desde a data do veredicto do Certame. Non poderán participar neste certame os autores premiados en edicións anteriores.

8.- O feito de concorrer ao Certame implica a aceptación das devanditas bases.

A Coruña: conferencia de Carlos Quiroga

O vindeiro martes 23 de febreiro o doutor e profesor da USC Carlos Quiroga Díaz falará dentro do Ciclo, Literatura e Naçom organizado pola Agrupaçom O Facho. A sua charla versará sobre Encontros e desencontros da Literatura Galega com as Lusófonas. Será a partir das oito do serán no local da Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, 21-24).

Festival de poesía “Sopa de alg-as”

Esta fin de semana a asociación de artistas galegos alg-a organiza un festival de poesía. As actividades desenvolveranse no laboratorio que a asociación ten en Valadares (Camiño da Igrexa, 254) e a entrada será libre. A programación ábrese o venres día 19, ás 18:00 horas cun taller de poesía
impartido por María Lado. A inscrición é de balde.

Os actos continúan o sábado 20, a partir das 17:30, coas seguintes intervencións:
17:30 colectivo a porta verde do sétimo andar
18:30 Elvira Riveiro (poeta)
19:00 Silvia Penas (poeta)
19:30 Ledicia Costas (poeta)
20:30 Mr Caracter acústico (rock)
21:30 Leo i Arremecaghona (poeta e músico
22:30 AID (rapeira)
Micro aberto para todos os que desexan participar!

Durante a xornada do sábado tamén participarán as artistas Antía Sánchez e Lucía Romaní cunha intervención de poesía visual, a artista nelaque cunha instalación titulada “escritos no vento” e o artista mig seoane coa videoinstalación “autopoema colectivo”.

Santiago: presentación do Manual de lexislación educativa

O vindeiro martes preséntase en Santiago Manual de lexislación educativa: Da LOXSE á LOE de Manuel Lama Grande. No acto intervirán Senén Barro Ameneiro –reitor da Universidade de Santiago de Compostela–, Isabel Serna Masiá –inspectora de Educación–, Antonio Puentes Chao –director editorial de 3C3– e o propio autor. Será na Librería Follas Novas a partir das 20 horas.

O PEN Clube concede os VIII Premios Rosalía de Castro

O PEN Clube de Galicia escolleu o pasado venres os gañadores do VIII Premio Rosalía de Castro: o brasileiro Lêdo Ivo, a vasca Itxaro Borda, o catalán Francesc Parcerisas e o leonés Antonio Gamoneda. O xurado do premios estivo formado por Miro Villar, Anxo Angueira, Manuel Outeiriño, Luciano Rodríguez, Román Raña, Luis González Tosar, Bieito Iglesias, Miguel Anxo Fernán-Vello, Carlos Mella, Gonzalo Navaza e Úrsula Heinze. A organización non fixou aínda a data de entrega dos galardóns.

A Coruña: presentación do libro-disco Tic-Tac

O músico Pablo Díaz presenta este venres 19 de febreiro a partir das 18:00 horas, no Fórum na FNAC (A Coruña), un concerto para todos os públicos con algúns temas deste traballo. No espectáculo van participar, entre outros artistas, Carmen Rey e Xabier Díaz.

Editado por Kalandraka, Tic-Tac contén cancións do músico coruñés Pablo Díaz e ilustracións de Marc Taeger, deseñador suizo afincado en Galicia, e conta con numerosas colaboracións musicais: Xabier Díaz, Guadi Galego, Carmen Rey, Ruote… así como as achegas de Santiago Auserón e de Xurxo Souto no prólogo e no epílogo da obra, respectivamente.

Barcelona: presentación do poemario galego-català El rostre de la terra, de Cesáreo Sánchez Iglesias

Este mércores 17 de febreiro, ás 20 h. na Galería Sargadelos de Barcelona ( R/ Provença, 274-276), terá lugar a presentación do poemario bilíngüe galego-català El rostre de la terra, de Cesáreo Sánchez Iglesias (Ed. Periferic Poesia). A tradución do galego é de Xulio Ricardo Trigo; intervirán xunto co autor o tradutor e Pura Salceda.

Manuel Rivas e Suso de Toro, protagonistas dunhas xornadas na Sorbona

O Centre de Recherches Interdisciplinaires sur les Mondes Ibériques Contemporains que dirixe o hispanista Sadi Lakhdari, organiza os vindeiros días 11 e 12 de marzo na Maison de la Recherche (Paris 4, 28 rue Serpente) un seminario internacional sobre os escritores galegos Manuel Rivas e Suso de Toro: Manuel Rivas et Suso de Toro: deux voix de la littérature galicienne contemporaine. Os dous autores estarán presentes na capital francesa para participar nas xornadas, nas que colabora o Centro de Estudos Galegos de París, a cargo de Eric Beaumatin.

Catro autores optan ao Premio Max ao mellor autor teatral en galego

Catro autores optan ao Premio Max al Mejor Autor Teatral en Gallego: Ánxeles Cuña Bóveda por Dame veleno, eu tamén soñar; Cándido Pazó por A piragua; Jorge Rey por Fidra; e Roberto Salgueiro por Valentino Rufini e âkil pillabán de viaxe a Milán (a van sen un can). O 22 de febreiro comeza a segunda rolda de votacións da que sairá o gañador nesa categoría. Máis información: sitio web dos Premios Max.