Entrevistas a Agustín Fernández Paz en Faro e Xornal

Entrevistas ao escritor Agustín Fernández Paz na prensa galega con motivo da publicación do seu libro Valados:

Faro de Vigo: “Agora hai máis muros ca nunca, uns 8.000 quilómetros no mundo”

Xornal de Galicia: “Cando alguén ergue unha muralla, sempre é para manter os seus privilexios”

A Coruña: Gala XXV aniversario da Xeración de amor e desamor

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que este xoves 17 de decembro terá lugar a celebración da Gala XXV aniversario da Xeración de amor e desamor. Na mesma terá lugar a intervención poética de diversos integrantes desta xeración como Lino Braxe, Manuel Rivas, Miguel Mato, José Devesa, Miguel Anxo Fernán Vello, Xulio L. Valcarcel ou Xavier Seoane. O acto será presentado por Consuelo Bautista e durante o mesmo presentarase un libro e cd homenaxe a esta xeración poética. Será no teatro Rosalía de Castro, ás 20:30 h. con entrada gratuíta.

Vigo: presentación de Valados, o novo libro de Agustín Fernández Paz

Hoxe martes, 15 de decembro, ás 20:00 horas nas instalacións da Casa do Libro de Vigo presentarase Valados, o novo libro de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Xan López Domínguez. No acto acompañarán ao autor Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional en Vigo e o editor Manuel Bragado.

A Coruña: mesa redonda Editar en Galicia hoxe

A Biblioteca Pública da Coruña “Miguel González Garcés” (Rúa Miguel González Garcés, 1) celebra unha mesa redonda co título Editar en Galicia hoxe. Terá lugar no salón de actos o xoves 17 de decembro ás 20:30 h. Intervirán Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes e Miguel Anxo Fernán-Vello. O acto serve ademais para presentar a exposición Editar en galego baixo a censura franquista, organizada pola Fundación Penzol e Editorial Galaxia.

Contidos do programa Libro aberto

Esta semana visita o programa Libro aberto o escritor e guionista Emilio Alonso, que presentará Mercurio, a obra coa que gañou o Premio Novela por entregas de La Voz de Galicia.

O espazo da TVG analizará a evolución do humor gráfico en Galicia. Xaquín Marín e Xosé Lois González (O Carrabouxo) abordarán o tema comentando as súas últimas publicacións. Tamén falarán da nova proposta da editorial Galaxia: a colección infantil “Audiocontos”. Unha selección de obras infantís clásicas que se presentan como versións dramatizadas nun CD que contén música e narración oral.

Na sección de “Libros na Rede”, visitarán a páxina web de Biblos, a través da cal podemos, entre outras cousas, seguir a información relacionada co Premio Biblos Pazos de Galicia, descargar os diferentes números da publicación bimestral do club ou consultar un catálogo de títulos de recente aparición.

Todo isto hoxe 15 de decembro á noite despois da película na Televisión de Galicia. Tamén podemos ver o programa na G-2 (TDT) o mércores ás 20:00 horas.