O Concello de Arteixo, a través da Concellaría de Muller, convoca o VIII Certame Xornalístico Dora Vázquez. Máis información: Concellaría de Muller, Centro de Información ás Mulleres, teléfono: 981 601415. Bases: PDF, 718 KB.
A Coruña: presentación dun poemario de Xosé Carlos Caneiro
O escritor verinés Xosé Carlos Caneiro presentará Camiños de amor e lúa, a súa última obra, hoxe xoves 3 de decembro ás 20 horas no salón de Ámbito Cultural de El Corte Inglés da Coruña. Estará acompañado pola escritora Inma López Silva. Camiños de amor e lúa é un libro de libros que ofrece a oportunidade de achegarse ao mundo literario particular de Caneiro, esta vez desde a poesía. O autor compilou máis de cento cincuenta poemas unidos pola mesma temática: o amor, que é, sen dúbida, unha das liñas fulcrais da súa obra.
Moaña: recital poético-musical

A Coruña: poesía inédita de Jenaro Marinhas del Valle
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que este xoves 3 de decembro terá lugar a presentación en primicia do caderno de poemas inéditos de Jenaro Marinhas del Valle, Cancións para Manuela. O acto será presentado por Lino Braxe, e nel participarán a profesora e recopiladora dos poemas Alexandrina Fernández e Pablo G. Mariñas. Durante a sesión poderemos escoitar os poemas na voz de actrices novas. Será ás 20:30 h no salón de actos da agrupación (Olmos 16-18, 1º) con entrada libre até completar o aforo.
Sarria: presentación da obra gañadora do IX Premio Fiz Vergara Vilariño
O próximo xoves 3 de decembro, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria preséntase o libro gañador da novena edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño: Palabras para un baleiro de Baldo Ramos. Participarán na presentación o propio Baldo Ramos, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello, o Concelleiro de Cultura Xermán Arias e a Presidenta de Ergueitos María Casar. Pechará o acto coa actuación dun dúo de violinistas.
Cangas do Morrazo: recital de Ledicia Costas
O vindeiro domingo 6 de decembro ás 21:00 da noite Ledicia Costas vai dar un recital acompañada da bailarina Raquel Herrero, na Sala Son (Rúa Lirio, 30 baixo) de Cangas do Morrazo. O acto leva por título Xardín de Inverno e trátase dun espectáculo multidisciplinar onde se funden a poesía, a danza contemporánea, a fotografía e o audiovisual, e inclúe a proxección do videopoemaOutras augas.
Vigo: preséntase a Fotobiografía sonora de Álvaro Cunqueiro
A Fotobiografía Sonora de Álvaro Cunqueiro será presentada no Verbum de Vigo hoxe mércores día 2 de decembro ás 20.30 horas. Intervirán neste acto de presentación o fillo do escritor mindoniense, César Cunqueiro, e mais os autores da fotobiografía, Rexina R. Vega e César Morán.
A Fotobiografía Sonora de Álvaro Cunqueiro (libro + 2 CD’s) presenta dunha forma novidosa a vida e a obra literaria do escritor a través de perto de 200 páxinas, máis de 100 fotografías do seu álbum persoal e dous CD’s que recollen a propia voz de Cunqueiro así como unha selección dos seus poemas musicados.
Lugo: presentación das Cartas de republicanos… de Xesús Alonso Montero
O libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero será presentado en Lugo o vindeiro venres 4 de decembro nun acto que contará coa participación do autor acompañado polo editor Manuel Bragado. Será a partir das 20,00 horas na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo.
Ourense: presentación de Sete palabras
A novela de Suso de Toro Sete palabras será presentada o xoves 3 de decembro ás 20,15 horas, no Liceo de Ourense (rúa Lamas Carvajal, 5 de Ourense). O acto contará coa participación de Suso de Toro e Manuel Bragado.
Santiago: presentación dun poemario de Xoán Carlos Domínguez Alberte

Este mércores 2 de decembro preséntase en Santiago o poemario Incivil de Xoán Carlos Domínguez Alberte, editado por Toxosoutos. Participarán no acto o poeta Miro Villar e David González Couso, director de publicacións da editorial. Será a partir das 20 horas na Libraría Couceiro.