Adeus ao programa Libro aberto da TVG

Reproducimos polo seu interese a carta de despedida que acaba de enviarnos o responsábel do programa, Luís Rei Núñez:

Amigos do programa Libro aberto:

Nestes días estase completando o proceso de renovación do equipo directivo da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, e os novos responsables da Galega tomaron a decisión de suprimir o Servizo de Cultura, creado en outubro de 2005.

Está por ver a continuidade de programas que nestes anos foron consolidándose na grella, como Miraxes, Planeta cine, Alalá, Onda curta ou Ben falado!. De momento, o primeiro que desaparece é Libro aberto, cuxa última emisión será a da noite do 24 de xuño.

Dado que ese programa de Libro aberto xa está gravado e non hai nel ningunha despedida dos seus seguidores e amigos, xa que a decisión nos foi comunicada con posterioridade, quero aproveitar o medio polo que habitualmente nos comunicamos para despedirme e agradecervos a vosa atención e interese.

Se en anos anteriores a pausa era só durante o tempo de verán, sabendo que volveriamos en setembro, esta vez, lamentablemente, descoñecemos se será un adeus para sempre, perdendo esta canle pública o espazo que durante catro anos acudiu puntualmente á súa cita semanal cos amantes dos libros e da literatura.

Foron 127 emisións, con máis de duascentas entrevistas a autores galegos (como Fernández Paz, Manuel Rivas, Marina Mayoral ou Luz Pozo Garza), e de fóra (como Bernardo Atxaga, Ferreira Gullar, Eduardo Galeano ou Luis Sepúlveda); con presenza en feiras como as de Guadalajara (México) ou Bolonia; con monográficos como os de Brais Pinto, Xosé María Castroviejo ou Ramiro Fonte; e, por que non dicilo, con recoñecementos como o Premio Fernández del Riego dos editores galegos e cunha audiencia que (sempre que a emisión foi os mércores ás doce e media da noite) triplicou a dos programas similares doutras canles públicas.

Lonxe de calquera sectarismo, prestando atención ás novidades da nosa ampla oferta editorial, e achegándonos a clubes de lectores e librerías de toda Galicia, Libro aberto acolleu autores de todos os xéneros e xeracións, que tiveron no espazo unha ventá inmellorable para conseguir a necesaria visibilidade na sociedade para a que traballan.

Desde o convencemento de que pechar para sempre un espazo dedicado ós libros sería un gravísimo paso atrás, despídome de vós formulando o desexo de que en setembro, e como á volta dos tres veráns anteriores, a Televisión de Galicia volva deixar que a literatura atope un moi necesario espazo nas súas emisións.

Un saúdo afectuoso,

Luís Rei Núñez
Director de Libro aberto

Centenario de Aquilino Iglesia Alvariño

Hai cen anos, o 12 de xuño de 1909, nunha aldea luguesa (Seivane-Graña de Vilarente) do Concello de Abadín, nacía Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961). A súa formación comezou no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, para licenciarse logo en Filosofía e Letras pola Universidade compostelana, e converterse, finalmente en catedrático de Latín de Ensino Medio (1949). Aquilino Iglesia Alvariño foi responsable desta materia no Instituto de Lugo, no de Pontevedra e finalmente no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Unha sólida formación nos autores clásicos gregos e latinos e nos autores da modernidade deron como resultado unha obra poética das máis compactas e calladas que floriron na poesía galega do século XX.

Con motivo do centenario do seu nacemento, Xerais publica a monografía O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño do profesor Luciano Rodríguez Gómez, aproximación á súa obra poética estruturada en dúas sesións: Os días, que dá conta da súa peripecia biográfica, e As palabras, que propón unha lectura dos seis poemarios galegos que organizou e publicou Aquilino Iglesia Alvariño, un autor que fixo da lingua a súa patria.

Xerais uniuse á celebración dos actos deste centenario que, organizados polo concello de Abadín e o PEN de Galicia, terán lugar en Abadín hoxe venres, 12 de xuño a partir das 19:00 horas, cunha recepción diante do concello. A seguir os participantes desprazaranse a Seivane, onde na casa natal do poeta se desvelará unha placa conmemorativa e fará uso da palabra Luís González Tosar, presidente do PEN Galicia. De regreso a Abadín, ás 20:00 horas comezará un acto literario nas instalacións do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, no que intervirán os escritores Luís González Tosar, Santiago Fernández Rocha, Xosé Miranda e Luciano Rodríguez, Anxo Lorenzo (Secretario Xeral de Política Lingüística) e Francisco López Barxas (Director Xeral de Cultura).

A Coruña: Francisco Pillado Mayor adapta a Mario Benedetti

Mañá venres 12 de xuño no Fórum Metropolitano da Coruña dentro do ciclo Espazo Aberto poderemos ver a representación da obra de Mario Benedetti Pedro e o capitán, en versión galega de Francisco Pillado Mayor. Organiza O’AR Teatro. A función comeza ás 20:30 e o prezo das entradas é de 5 € (usuarios de carné xove, maiores de 65 anos e desempregados/as, 3 €).

Lugo: Teresa Moure no Madia Leva!

Teresa Moure inaugura as xornadas feministas Saude, mulher e direitos reprodutivos no Centro Social Madia Leva! De Luego. Mañá venres a partir das 20:30 Teresa Moure impartirá a conferencia O natural é político, na que falará da saúde ambiental e da importancia de que se poñan os coñecementos técnicos e científicos ao servizo dos ecosistemas e dos seres humanos e fará unha aposta pola liberdade animal, pola desobediencia civil e pola ecoloxía como unha estratexia de liberación nacional.

A Coruña: presentación do libro de Darío Villanueva

dariovillanueva

Mañá xoves 11 de xuño ás oito da tarde no Centro Social Caixanova (Avenida da Mariña, A Coruña). O acto contará coa participación do autor, Darío Villanueva, e de José María Barja, Xavier Seoane e Miguel Anxo Fernán-Vello.