A Coruña: Rober Bass&Leo no ciclo Escrita(s)

Mañá xoves 11 de xuño ás 20 horas haberá unha nova sesión do ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56), a cargo de Rober Bass & Leo. Esta é a sinopse do acto de mañá:

Rober Bass e Leo atópanse nunha autovía -os dous están abandonados- e deciden comezar unha nova vida xuntos mais para elo deberán escribir o seu currículo para atopar traballo. Eles non saben vender a súa forza de traballo, son inútiles, superfluos e proletarios. Soamente pretenden conseguir cartos para facer o único, bailar. Bailar como lobas. Neste croquis vital (en plano secuencia) sobre un mesmo, -neste caso sobre elas mesmas, pois xa superaron o xénero e o número desde a súa desmateiralización-, farán un percorrido visual pola videodanza contemporanea, sen axiomas… porque lles peta, porque son proletarias e soamente lles queda eso da conciencia de clase.

Gondomar: María Lado na Casa da Lectura

Este mércores 10 de xuño ás 18:30 horas a Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, 36388, Gondomar) acollerá unha sesión de contacontos a cargo da poeta e presentadora María Lado, que se caracteriza por elevar as súas propostas creativas á categoría de espectáculo. María Lado, que conduciu como presentadora e narradora o programa Planeta Fantasía, de Lúa Films, baseado en contos da literatura infantil galega e emitido pola TVG, poñerá á disposición das nenas e nenos de Gondomar toda a súa capacidade para contar historias diante do público. Deste xeito, a Casa da Lectura pon en marcha a primeira das sesións da súa programación especial no ámbito do fomento da lectura.

Mondoñedo: presentación de libro de Ramón Loureiro e homenaxe a Iglesia Alvariño

Mañá mércores 10 de xuño en Mondoñedo ás 19 horas preséntase no Concello de Mondoñedo o libro de Ramón Loureiro Principes de Bretaña, Estrelas de Compostela, ilustrado por Gonzalo Pernas. Un hora despois no Seminario de Mondoñedo, moi próximo ao Concello, terá lugar un acto en lembranza de Aquilino Iglesia Alvariño polo seu centenario. Os interesados en asistir deben confirmar a súa asistencia escribindo a este correo electrónico.

Rosa Aneiros, Premio Xerais 2009 (vídeo)

O xurado da 26ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros e formado Ana Bande Bande (bibliotecaria), César Lorenzo Gil (xornalista), Paz Raña Lama (profesora), Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e Fran Alonso, secretario do xurado en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema O retorno das aves, presentada baixo o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Sol de Inverno. Máis información, no blog de Xerais.