O xurado da 4ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil dotado con 10.000 euros, formado por: Verónica Rego (en representación da Fundación Caixagalicia), Mónica Góñez (profesora e escritora), Pilar Ponte Patiño (profesora), Alba González Méndez (estudante de 4ª da ESO, IES Os Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa, secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema Ás de bolboreta que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros Díaz e corresponde ao título Ás de bolboreta. O xurado aconsella á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema Dragal. Máis información, no blog de Xerais.
Jacobo Fernández Serrano, premio Merlín 2009 (vídeo)
O xurado da 24 ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros formado por: Rosana Estévez Pereira (contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador), Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e profesora), Xan Guillén Vázquez (profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández, secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou despois da súa última deliberación declarar por maioría como gañadora a presentada baixo o lema Papude que, despois de aberta a plica, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título Mil cousas poden pasar. Libro I. Máis información, no blog de Xerais.
O escritor na súa terra: Agustín Fernández Paz. Vilalba 2009

Máis información na web da AELG. Descargas: programa en PDF, cartaz en PDF.
Os Premios Xerais 2009 poderán ser seguidos por Internet
A cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2009, que se celebrará o vindeiro sábado 6 de xuño a partir das 19:00 horas na illa de San Simón poderá ser seguida en directo por Internet dende a páxina Blogaliza TV. Xerais conta coa colaboración de Blogaliza para poñer en marcha por vez primeira nun acto literario galego unha iniciativa coma esta. Para seguir a retransmisión Blogaliza dispuxo dunha páxina de axuda. A partir do domingo no blog de Xerais e no seu perfil de Facebook publicaranse unha selección das gravacións da cerimonia.
A Coruña: presentación de Metal central, de Alfredo Ferreiro

Hoxe venres 5 de xuño na galería Sargadelos da Coruña (Real, 56), ás 20:00, terá lugar a presentación do poemario Metal central (Espiral Maior), de Alfredo Ferreiro. O autor contará coa presenza de Xosé María Álvarez Cáccamo (autor do prólogo) e Miguel Anxo Fernán Vello (editor).
Traducido ao éuscaro un libro de Francisco Fernández Naval
A novela Suso Espada. Istambul e o cabaliño de ouro (Everest Galicia), do escritor Francisco X. Fernández Naval e ilustrada pola pintora Beatriz García Trillo, vén de ser publicada en éuscaro pola editorial Aizkorri, co título Suso Espada. Istambul eta urrezko zalditxoa. Destinada ao público xuvenil, a novela foi publicada simultaneamente en galego e castelán no ano 2008. Este libro é unha das obras recomendadas pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez para lectores de entre 14 e 15 anos.
O caboverdiano Arménio Vieira, Premio Camões 2009
O xurado do Premio Camões decidiu atribuir o galardón deste ano ao poeta caboverdiano Arménio Vieira. “A título pessoal, eu esperava o prémio”, afirmou o escritor despois de coñecer a noticia, “mas por causa de ser Cabo Verde, admiti que fosse ainda um bocado cedo. É pequeno em relação à imensidão do Brasil, que tem centenas de escritores óptimos. E Portugal também”.
Arménio Vieira, o primeiro cabo-verdiano en recibir o Prémio Camões, naceu na cidade da Praia, na Ilha de Santiago, Cabo Verde, o 24 de xaneiro de 1941. Alén de escritor é xornalista e ten colaborado en publicacións coma o Boletim de Cabo Verde, a revista Vértice de Coimbra, Raízes, Ponto & Vírgula, Fragmentos e Sopinha de Alfabeto. O Premio Camões, creado en 1988 polos governos português e brasileiro, distingue todos os anos escritores dos países lusófonos.
Máis información: xornal Público.
VIII Premio de Poesía Caixanova
Até o 31 de outubro hai tempo para participar no VIII Premio de Poesía Caixanova, dotado con doce mil euros. Podedes descargar as bases neste enderezo.
A Coruña: presentación da novela O país das bestas de Eva Moreda
Mañá xoves 4 de xuño preséntase a novela O país das bestas de Eva Moreda, no salón do Ámbito Cultural de El Corte Inglés da Coruña, ás 20 horas. A escritora estará acompañada pola profesora da UDC Olivia Rodríguez González. O libro presentarase dous días despois en Ribadeo, na Casa das Letras, o sábado 6 de xuño ás 20:30, coa participación de Eva Moreda e Tucho Calvo, director literario de Biblos.
Santiago: mesa redonda sobre novela histórica xuvenil
O club de lectura Gálix Tendendo Redes organiza mañá xoves día 4 de xuño de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega unha mesa redonda que leva por título Narrar a historia, sobre as claves da novela histórica xuvenil e o seu tratamento na literatura para adultos. Participarán Marilar Aleixandre, Xosé A. Neira Cruz e Marcos S. Calveiro, todos eles autores de obras seleccionadas para a súa lectura polo club, así como a crítica literaria e doutora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra. A entrada é libre.