Libro aberto, programa do 3 de xuño

Esta semana Libro Aberto entrevistará a Bernardo Atxaga, o escritor vasco de máis sona na actualidade. Falarán con el da súa novela máis recente, Sete casas en Francia, un texto que nos leva á África colonial de principios do século XX.

A primeira reportaxe do programa fará un repaso pola literatura vasca desde as xeracións da posguerra ata a actualidade. Despois abordarán a actividade dos contacontos, figuras que recuperan historias populares e que mesturan a oralidade con recursos propios do teatro. Trátase dun grupo heteroxéneo, o que contribúe a unha crecente mestura de xéneros. O vigués Cándido Pazó falará deste ámbito da narración oral.

O programa conversou tamén coa mexicana Elena Poniatowska na súa primeira visita a Galicia. A autora, recentemente galardoada como escritora galega universal, explicará a relación entre a súa vida e a súa literatura.

Na sección de crítica, Armando Requeixo fará un repaso dos autores que pese a pertencer ao ámbito das pequenas literaturas nacionais conseguiron triunfar internacionalmente. Despois Carlos Quiroga, experto en letras portuguesas, analizará a obra As tres vidas do autor Joao Tordo, un dos escritores de máis sona no romance portugués.

Pecha o programa todo un clásico do cómic: Tintín. Este reporteiro de papel, levado posteriormente á pequena pantalla, tivo tamén as súas sombras. As viñetas de Tintín no Congo levantaron gran polémica, acusada de ter contidos racistas e de facer apoloxía do colonialismo.

Libro aberto emítese hoxe mércores 3 de xuño á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.

A Coruña: presentación d’A crise irredutible, de Alberte Momán

O próximo sábado 6 de xuño ás 20:30 preséntase no Centro Social Gómes Gaioso (Rúa Marconi, 9, Montealto, A Coruña) o libro A crise irredutible de Alberte Momán. Este é o texto de presentación do libro, que se distribúe baixo licenza Creative Commons:

Tres formas de achegarse a unha crise moito máis fonda do que unha falta puntual de efectivo nas entidades de creto. Unha crise que afecta aos valores, sempre cuestionables, de conduta social. A ética do traballo e do respecto polos/as que traballan, polos dereitos fundamentais dos pobos a xestionárense de xeito autónomo, da separación dos intereses económicos dos intereses xerais e unha longa lista que se abre paso entre as páxinas desta outra crise, A crise irredutible. A escrita que describe tres épocas distintas. Unha primeira, aló polo ano 2004, Un agora que non quer saír. A verdade, nunca absoluta, sobre un país que creamos como unha cincenta marcada por unha feromonía que a corrompe, sempre dende a inocencia dos máis novos, integrada aínda nunha matriz coa que o tempo, nós mesmos a fomos arroupando. Unha cobertura que leva o noso mesmo ADN, aportándolle os nosos mesmos defectos con nome de sempreadeus. A eterna renuncia dun pobo sen estela propia. A mediados dun 2008 convulso, buscando unha maneira de expresar a dor por uns acontecementos que superaban toda a racionalidade e coherencia política da presuposta esquerda galega, xorde dun conflito laboral o Síndrome de Estocolmo, a segunda parte d’A crise. Outro tipo de renuncia, desta volta, a toda unha clase. As relacións imposibles como atrainte dun magnetismo insospeitado entre traballador e empresario. Un cambio de visión, por parte do primeiro, recalcitrante, máis burgués que a propia burguesía, menos fillo de labrego que o máis asfáltico urbanita. Un traballador que adopta os canons de comportamento daquel que o mantén debaixo dun sempre hipotético xugo. Da miña cornamenta roma/ sobresae o teu xugo/ alicerce que noutrora nutrira as miñas virtudes. Os comezos deste ano 2009, deron pé ao que eu mesmo considerei unha culminación. As palabras saían das xemas dos meus dedos, evitando a autocensura, para chegar máis alá, para finalizar co traballo comezado anos atrás. Xorde A crise irredutible, última das partes desta crise, e fracción que lle dá nome ao libro. Nela, recóllese un compendio de todo o antedito, mais sen o intimismo propio doutras épocas, para recuncar na crise, nesa crise de anos que nos detivo no tempo, na involución subxacente ás nosas propias decisións como pobo, como traballadores e traballadoras, inmersos nunha globalización que serve de escusa para a eterna derrota, cun desexo asumido de ser como a xente.
A crise irredutible, Alberte Momán

Rianxo: presentación do libro de Xosé Manuel Lobato

Este venres 5 de xuño ás 20:30 preséntase o libro Retorno a Natura de Xosé Manuel Lobato no Salón de Actos do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo. Participan na presentación Pedro Piñeiro Hermida, Xesús Costa (historiador), Henrique Alvarellos (editor), Alfonso Martínez (ilustrador) e o propio autor. Para rematar o acto plantarase unha árbore no Parque Galicia. Previamente, as 18:00 h desenvolverase un obradoiro de comic a cargo do ilustrador Alfonso Martínez destinado principalmente a nenos/as e mozos/as.

Lugo: conferencia de Celso Álvarez Cáccamo

No Centro Social Madia Leva! continuan os actos do Mês da Língua. Este xoves 4 de xuño Celso Álvarez Cáccamo pronunciará a conferencia A crise da língua e a lógica do Capital, na que falará sobre o conflito lingüístico, o significado do uso do galego como extracción de clase e o seu significado de resistencia cultural e política, aplicando para o caso galego os conceptos ‘capital cultural’, ‘mercado’ e ‘submercado’ de Bourdieu.

Celso Álvarez Cáccamo (Vigo, 1958) é escritor, sociolingüista e profesor titular de Linguística Xeral na Universidade da Coruña. Entre 1975 e 1990 estudou e morou em Compostela, Barcelona, Buffalo (EUA) e Berkeley (EUA). Doutor en Filoloxía Hispánica, a sua tese de doutoramento, The Institutionalization of Galician: Linguistic Practices, Power, and Ideology in Public Discourse, foi presentada na UC Berkeley. É administrador da páxina Versão Original e da revista çopyright: pensamento, crítica e criação.

A Coruña: Sabela Pato no ciclo Escrita(s)

Este xoves 4 de xuño ás 20 horas o ciclo Escrita(s) organizado pola Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) acollerá á escritora Sabela Pato. A súa sesión leva por título A domadora:

Imos partir dun elemento central na escrita da arte contemporánea,o artefacto. Polo camiño, perderemos a noción de obra en tanto que unidade ou complexo de sentido e caeremos no disparatado. Presentareivos á domadora e descenderemos das peanas da arte ao lugar dos obxectos comúns: alí onde nós habitamos, alí onde sempre acabamos por constatar o paradoxo, pois alén dos reclamos de claridade e de facilidade, as nosas vidas abísmanse en múltiples intersticios. Acompañarannos Alicia e a eiruga, a voz de Duras e mesmo pode que Quintana.

 

Ourense: conferencia de Basilio Losada

Maná martes 2 de xuño as oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da Sociedade do Liceo de Ourense o profesor Basilio Losada Castro pronunciará unha Conferencia co título Diálogos con Ramón Piñeiro. Basilio Losada (Láncara, Lugo, 1930), é un tradutor galego, crítico literario, catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Barcelona desde 1986 e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa. Traduce ao castelán e ao galego e é autor de numerosos estudos críticos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira.

Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística

Desde hoxe 1 de xuño está aberto o prazo de preinscrición no V Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística Traballando en Lingua que este ano leva por subtítulo Do compromiso individual aos argumentos. O curso, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración co Concello de Carballo e mais coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, terá lugar os días 15, 16 e 17 de xullo e está dirixido a aquelas persoas interesadas na dinamización lingüística e no proceso de normalización da lingua galega, nomeadamente, aquelas que traballen nestes ámbitos (técnicos/as de normalización lingüística, técnicos/as de cultura, docentes…). Entre outras, abordaranse as seguintes liñas temáticas: reflexionar sobre a realidade da lingua galega na universidade; introducir casos prácticos de compromiso individual co idioma; escoitar as razóns para o mantemento lingüístico e para as mudanzas de idioma no caso galego; avaliar as posibilidades de éxito das políticas lingüísticas institucionais; ofrecer argumentos a prol do uso da(s) lingua(s), e recoñecer o pasado inmediato como un espazo para confluír na modificación das actitudes. Máis información, na páxina web do curso