Compostela: obradoiro de poesía experimental

O obradoiro abordará a historia e a evolución da poesía experimental desde os seus inicios ata a actualidade así como a evolución dos soportes. Os participantes realizarán poemas visuais que poderán exhibir ao remate do mesmo cando terá lugar, tamén, unha lectura pública de poesía experimental incluíndo traballos duns quince poetas experimentais e un xogo poético de participación popular. Máis información aquí.

Noia: IV Encontro de Creadores no Barbanza

A Asociación Cultural Barbantia, a Colección Bourel e o Concello de Noia convídanvos á celebración do IV Encontro de Creadores no Barbanza, que terá lugar o xoves 30 de abril no Coliseo Noela de Noia ás 21:00 horas.

PROGRAMA

21:00 horas: Intervención de Antón Riveiro Coello, presidente da Asociación Cultural Barbantia, coa que abrirá o IV Encontro de Creadores no Barbanza.
21:05 horas: Intervención de Antonio Piñeiro, director da Colección Bourel, responsable da edición artesá d´As voces da Musa.
21:10 horas: Recital cos poemas que aparecen no libro As voces da Musa, froito do Encontro, cuxos autores son: Eva Veiga, Ana Romaní, Antonio Piñeiro, Xabier L. Marqués, Xesús Rábade Paredes, Íria Gestoso, María do Cebreiro, Anxo Angueira e Helena Villar Janeiro.

*Durante o recital, iranse intercalando as actuacións de Xosé Luís Miranda, PePe Romero e Sonia Lebedynski, coas súas respectivas aportacións musicais, elaboradas ex profeso para o Encontro.

22:00 horas: Inauguración da exposición dos gravados que forman parte do proxecto, realizados polos seguintes pintores vinculados coa comarca: Alfonso Costa, Xoán Fernández, Manuel Ayaso, Paola García, Nacho C. Beiro, Baldo Ramos, Julio Catalán, Fran Blanco Alcaide e Manolo Figueiras.
22:15 horas: Peche institucional a cargo do alcalde de Noia, Rafael García Guerrero.

I Certame Galego de Cómic sobre Teatro

Bases

1)A Asociación Cultural Entre Bambalinas, editora da Revista Galega de Teatro (RGT), convoca este certame co obxectivo de contribuír, por medio do cómic, á divulgación do teatro galego.

2) Neste certame poderán participar tódalas persoas físicas ou xurídicas, e poderán presentar,cada unha delas, cantas obras desexen.

3) O tema deberá estar baseado en “Doentes” de Roberto Vidal Bolaño. Este texto foi Premio de Teatro Rafael Dieste en 1997 e está convocado pola Deputación de A Coruña. O texto poderá atoparse nas bibliotecas, solicitarse no Departamento de Publicacións da Deputación de A Coruña ou adquirirse nas librerías.

4) O texto do cómic será en lingua galega.

5) A extensión será de 32 páxinas (cor ou branco e negro) máis portada en cor. O formato será DIN A-4 ( 210 mm x 297 mm).

6) Os traballos non poderán levar o nome da autora ou autor de xeito visible. Presentaranse en sobre, sen sinatura nin nome, baixo un título ou lema. No seu interior incluirase outro sobre co mesmo título ou lema, e os datos persoais: nome e apelidos, fotocopia do DNI, enderezo postal, teléfono de contacto e enderezo de correo electrónico.

7) A recepción de traballos rematará o día 3 de xullo de 2009, este incluído. Deberán remitirse a: Revista Galega de Teatro. Apartado de Correos nº 210. 36940 Cangas do Morrazo. Pontevedra.

8) A organización non se responsabiliza de posibles roturas ou extravíos das obras.

9) O fallo inapelable do xurado será o día 10 de xullo de 2009.

10) A organización resérvase o dereito de realizar exposicións públicas con todos os orixinais presentados ao certame na XXVI Mostra Internacional de Teatro Cómico Festivo de Cangas, na XXV Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) e noutros locais e datas por determinar.

11) Os exemplares poderán ser reclamados a partir do 15 de agosto de 2009. Os gastos de devolución correrán por conta dos concursantes. O orixinal premiado e os orixinais non solicitados, pasarán a formar parte do Fondo Teatral María Casares da Biblioteca Pública de Cangas.

12) Establécese un único premio de 1.000 euros e a publicación da obra gañadora.

13) Un xurado cualificado determinará a mellor obra. O premio poderá ser declarado deserto.

15) A participación neste concurso implica a aceptación de todas as súas bases. A organización poderá introducir, se o cre preciso, as modificacións que estime pertinentes para o bo funcionamento do certame. De igual xeito, coidará das obras presentadas pero non se fai responsable da súa integridade. Para calquera información sobre o concurso as persoas interesadas poderán dirixirse a este enderezo.

A Coruña: II Encontros Cidade da Coruña

Hoxe comezan os II Encontros, a se desenvolveren na Sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), ás 20.00, baixo o lema “Mulleres na Literatura”. Comezarán esta tarde coa presenza da escritora María Reimóndez, e continuarán con Elena Poniatowska (8 de maio), Marilar Aleixandre (15 de maio) e Teresa Moure (22 de maio). Co patrocinio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

V Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración con dez medios de comunicación escrita, convoca o V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009, cos obxectivos de promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e de crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do galego.

Os artigos xornalísticos de opinión presentados deberán ser inéditos, ter entre 2.500 e 3.500 caracteres e tratar algún tema relacionado coa defensa e promoción da lingua galega. O premio está dotado con 1.200 euros e a publicación do artigo nos dez medios colaboradores.O prazo de admisión de artigos está aberto até o 8 de maio de 2009. Poden descargar as bases neste enderezo (PDF, 1,16 MB)