Declaración dos dereitos do libro

Artigo 1
Os libros, todos os libros, teñen dereito a existir.

Artigo 2
Os libros son iguais entre eles, sen distinción da súa orixe, fortuna, nacemento, opinión ou editor.

Artigo 3
Todo libro ten dereito á vida, á súa comercialización, á sorte de ser exposto ao lector e ofrecer ao seu autor a posibilidade de ser escoitado e remunerado con xustiza.

Artigo 4
Todos son iguais ante a lei que os somete a igualdade de prezo en calquera lugar onde sexan expostos.

Artigo 5
Todos teñen dereito a que en todos os lugares se recoñeza a súa personalidade, a personalidade do autor e do editor.

Artigo 6
O libro, obra de imaxinación coma de investigación, diríxese á imaxinación coma ás necesidades do ser humano. Así que non debe ser tratado na súa comercialización como un produto simplemente de consumo.

Artigo 7
O libro é e será garante das nosas liberdades. Non pode en ningún caso ser sometido a aversión sexa polo plantexamento das súas ideas como pola súa misión fundamental de promover o libre intercambio das culturas, as mentalidades e os saberes.

Artigo 8
O libro, portavoz do espírito, da ciencia, de praceres, rexistro do saber, así como obra de creación, debe ser tratado coma un ben indispensable para a cultura, a promoción social e espiritual e a información, e non pode ser tratado como un vulgar obxecto de proveito.

(Declaración promovida pola Asociación de Editores da Rexión Centro de Francia. Fonte: blog Trafegando ronseis).

Lugo: presentación de O Globo de Shakespeare

O venres, 6 de marzo, ás 20:00 horas na Libraría Trama de Lugo presentarase a novela de Santiago Jaureguizar O Globo de Shakespeare. Con este acto Jaureguizar remata a súa xira de presentacións do libro premiado en 2008 co Terra de Melide, iniciada no mes de xuño en Melide, e que proseguiu por Ribadeo, A Coruña, Santiago e Vigo. Esta será, tamén, a derradeira oportunidade de probar as reputadas galletas da novela. O acto consistirá nunha conversa de Jaureguizar co editor Manuel Bragado. (Fonte: Xerais Blog)

XVIII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) convoca o XVIII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, segundo as bases publicadas no DOG nº 41, do 27 de febreiro de 2009. A súa dotación económica é de 6.000 euros. Así mesmo, a AGADIC poderá editar o texto galardoado nas súas coleccións, reservando para si os dereitos de edición ou coedición durante un período de dous anos desde a comunicación do ditame. O período de admisión remata o 2 de xuño de 2009. A decisión do xurado producirase antes do 26 de outubro (descargar bases en PDF).

O certame vai dirixido a persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias. Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo. Quedan excluídas as obras de teatro breve e os textos para teatro de monicreques e os orixinais que resultasen ser obra de autores premiados nas dúas convocatorias inmediatamente anteriores.

Os orixinais deben remitirse dentro do prazo establecido á sede da AGADIC en Santiago (Rúa da Vesada, s/n, San Lázaro, 15703) por sextuplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A-4, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara, paxinados e grampados ou encadernados. Na portada de cada unha das copias indicarase unicamente o título e/ou lema e o premio a que optan. Non poderá figurar ningún dato que poida identificar o participante e romper o anonimato.

Xunto cos textos, os participantes nesta convocatoria deberán entregar un sobre pechado que reflicta no exterior os mesmos datos que na portada dos textos presentados (título e/ou lema e premio a que optan. No interior deste sobre pechado deberá incluírse:
-solicitude de participación debidamente cuberta e asinada segundo o anexo que figura ao final das bases.
-fotocopia do DNI, NIF, NIE, pasaporte ou documento equivalente.
-declaración asinada polo autor de que o texto presentado non foi publicado nin premiado en ningún momento anterior.

Para a avaliación dos textos constituirase un xurado formado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un membro do cadro de persoal da AGADIC proposto pola Dirección da Axencia. O xurado puntuará os orixinais atendendo aos seguintes criterios de avaliación:
-Calidade literaria: 30 puntos
-Calidade dramática: 30 puntos
-Viabilidade escénica: 20 puntos
-Adecuación á especificidade de cada premio: 10 puntos
-Coidado da lingua: 10 puntos.

IV Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) convoca o IV Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, segundo as bases publicadas no DOG nº 41, do 27 de febreiro de 2009. A súa dotación económica é de 6.000 euros. Así mesmo, a AGADIC poderá editar o texto galardoado nas súas coleccións, reservando para si os dereitos de edición ou coedición durante un período de dous anos desde a comunicación do ditame. O período de admisión remata o 2 de xuño de 2009. A decisión do xurado producirase antes do 26 de outubro (descargar bases en PDF).

O certame está dirixido a persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias. Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo. Quedan excluídas as obras de teatro breve e os textos para teatro de monicreques. Quedarán excluídos os orixinais que resultasen ser obra de autores premiados nas dúas convocatorias inmediatamente anteriores.

Os orixinais deben remitirse dentro do prazo establecido á sede da AGADIC en Santiago (Rúa da Vesada, s/n, San Lázaro, 15703) por sextuplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A-4, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara, paxinados e grampados ou encadernados. Na portada de cada unha das copias indicarase unicamente o título e/ou lema e o premio a que optan. Non poderá figurar ningún dato que poida identificar o participante e romper o anonimato.

Xunto cos textos, os participantes nesta convocatoria deberán entregar un sobre pechado que reflicta no exterior os mesmos datos que na portada dos textos presentados (título e/ou lema e premio a que optan. No interior deste sobre pechado deberá incluírse:
-solicitude de participación debidamente cuberta e asinada segundo o anexo que figura ao final das bases.
-fotocopia do DNI, NIF, NIE, pasaporte ou documento equivalente.
-declaración asinada polo autor de que o texto presentado non foi publicado nin premiado en ningún momento anterior.

Para a avaliación dos textos constituirase un xurado formado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un membro do cadro de persoal da AGADIC proposto pola Dirección da Axencia. O xurado puntuará as obras de acordo aos seguintes criterios de valoración:
-Calidade literaria: 30 puntos
-Calidade dramática: 30 puntos
-Viabilidade escénica: 20 puntos
-Adecuación á especificidade de cada premio: 10 puntos
-Coidado da lingua: 10 puntos.

VII Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) convoca o VII Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques, segundo as bases publicadas no DOG nº 41, do 27 de febreiro de 2009. A súa dotación económica é de 6.000 euros para cada unha das súas modalidades: teatro infantil e teatro para adultos. Así mesmo, a AGADIC poderá editar os textos galardoados nas súas coleccións, reservando para si os dereitos de edición ou coedición durante un período de dous anos desde a comunicación do ditame. O período de admisión remata o 2 de xuño de 2009. A decisión do xurado producirase antes do 26 de outubro (Descargar bases en PDF)

O certame está dirixido a persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias. Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo. Quedan excluídas as obras de teatro breve e os orixinais que resultasen ser obra de autores premiados nas dúas convocatorias inmediatamente anteriores.

Os orixinais deben remitirse dentro do prazo establecido á sede da AGADIC en Santiago (Rúa da Vesada, s/n, San Lázaro, 15703) por sextuplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A-4, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara, paxinados e grampados ou encadernados. Na portada de cada unha das copias indicarase unicamente o título e/ou lema e o premio e modalidade a que optan. Non poderá figurar ningún dato que poida identificar o participante e romper o anonimato.

Xunto cos textos, os participantes nesta convocatoria deberán entregar un sobre pechado que reflicta no exterior os mesmos datos que na portada dos textos presentados (título e/ou lema e premio e modalidade a que optan). No interior deste sobre pechado deberá incluírse:
-solicitude de participación debidamente cuberta e asinada segundo o anexo que figura ao final das bases.
-fotocopia do DNI, NIF, NIE, pasaporte ou documento equivalente.
-declaración asinada polo autor de que o texto presentado non foi publicado nin premiado en ningún momento anterior.

Para a avaliación dos textos constituirase un xurado formado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un membro do cadro de persoal da AGADIC proposto pola Dirección da Axencia. O xurado puntuará as obras de acordo aos seguintes criterios de valoración:
-Calidade literaria: 30 puntos
-Calidade dramática: 30 puntos
-Viabilidade escénica: 20 puntos
-Adecuación á especificidade de cada premio: 10 puntos
-Coidado da lingua: 10 puntos.

Xira poética de Yolanda Castaño por España e Francia

A poeta santiaguesa-coruñesa inicia mañá toda unha xeira de citas literarias que a desprazarán pola xeografía de España e Francia ao longo do que resta do mes de marzo. Este venres día 6, Yolanda Castaño participará no IV Festival Internacional de Poesía de Lleida “Mahalta 2009”, ao longo dun programa que culminará no espectáculo poético conxunto que terá lugar no Auditori Enric Granados da cidade ás 21h dese día. Cunha presenza especial de autores e autoras dos Países Cataláns, o Festival Mahalta de Poesía enriquecerase coa presenza doutros poetas europeos estranxeiros, así coma do único convidado chegado da literatura en español, Antonio Cabrera, o autor de poesía en asturiano Antón García e a propia Yolanda, en galego.

A semana próxima Yolanda Castaño será tamén a única autora galega que tome parte no “IV Festival de la Palabra. VERSÁTIL.ES-09” en Valladolid, un evento anual vencellado á Universidade desta capital castelán-leonesa que se estenderá do día 10 ao 12. Obradoiros, presentacións de libros, mesas redondas, recitais e concertos terán lugar en Valladolid cunha atención especial aos aspectos máis prácticos da escrita, coa presenza de nomes coma os de Jordi Doce, María Eloy-García, Alberto Santamarina, Sofía Rhei ou Nacho Vegas.

Xusto a continuación, Yolanda participará no ciclo que dende o ano 1992 desenvolve a Aula de Poesía Díez-Canedo en Badaxoz cunha lectura individual de poemas propios para o público xeral e outra nun Centro de Ensino Secundario da cidade extremeña. Na seguinte semana cidade acudirá á cidade de Elche para tomar parte no I Festival de Poesía “Nosomostanraros” organizado polo Instituto Municipal de Cultura cun espectáculo poético multimedia que terá lugar o día 18 no Centro de Cultura Contemporánea l’Escorxador. Un despregue de videopoesía, performance, música, efectos de luz e son a cargo da poeta galega.

Rematará o mes en Francia cunha conferencia sobre poesía galega dos últimos anos na Universidade da Sorbona en París o día 27, que repetirá na Universidade de Rennes o 30 e o 31 en Lorient, citas organizadas polos lectorados de galego na capital francesa e na rexión bretoa.

Yolanda Castaño está a piques de ver publicada a edición bilingüe galego-castelán do seu último poemario,“Profundidade de Campo, que fora gañador do XV Premio de Poesía Espiral Maior e que verá agora a luz no selo madrileño de Visor para o resto de España e Latinoamérica.

Santiago: encontro con Xosé A. Neira Cruz

O primeiro encontro do Club de Lectura Galix Tendendo Redes terá lugar os días 4 e 5 de marzo na Biblioteca do Consello da Cultura Galega de 17 a 19 horas e contará coa presenza do escritor Xosé A. Neira Cruz, que reflexionará sobre as relacións entre literatura e arte que subxacen na obra O armiño dorme, novela seleccionada como unha das máis representativas e mellor resoltas dentro do subxénero da novela histórica xuvenil galega. A Editorial Galaxia puxo á disposición dos asistentes exemplares gratuítos da novela para abordar esta primeira sesión dun ciclo que amosará unha escolla selecta de libros e unha panorámica teórica respecto do corpus, temáticas e liñas da literatura xuvenil galega dos últimos 30 anos.

XIV edición do Premio Literario “Anxel Casal”

O Concello de Santiago, atendendo á proposta expresada polo IES Arcebispo Xelmírez I con motivo da celebración do 150º Aniversario da súa fundación, creou no ano 1996 o Premio Literario Ánxel Casal, nas modalidades de poesía, teatro e conto. O prazo de presentación remata o 23 de abril. Poden descargar o tríptico coas bases en PDF neste enderezo.

Bases XIV edición do Premio Literario “Anxel Casal”

I
Convócase a XIV Edición do Premio Literario “Ánxel Casal”. O Concello de Santiago, atendendo á proposta expresada polo IES Arcebispo Xelmírez I con motivo da celebración do 150º Aniversario da súa fundación, creou no ano 1996 o Premio Literario Ánxel Casal, nas modalidades de poesía, teatro e conto.

II
A denominación de “Ánxel Casal” para este certame literario provén do recoñecemento a este insigne galeguista, que foi tamén alcalde da cidade de Santiago. Esta iniciativa quere expresar o desexo de que os estudantes coñezan e valoren a súa achega á cultura galega e quere ser unha actividade de promoción da lingua galega no constante e necesario proceso de normalización lingüística.

III
O Concello de Santiago convoca este premio e comparte a súa organización cada ano cun centro de ensino secundario da cidade, atendendo a un desexo de itinerancia na coorganización do mesmo.

IV
Poderán concorrer a este premio literario, alumnos e alumnas de ensino non universitario a partir dos 14 anos.

V
As obras, escritas en lingua galega, serán inéditas e o tema libre.

VI
Os traballos terán un mínimo de 100 versos, na modalidade de poesía e un mínimo de 10 páxinas a dobre espazo, na modalidae de conto e na de teatro.

VII
A dotación total do premio é de 5.100 euros. Os premios están suxeitos a retención fiscal. Na modalidade de conto establécese un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo premio de 700 euros. Na modalidade de poesía establécese un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo premio de 700 euros.
Na modalidade de teatro establécese un primeiro premio de 1.000
euros e un segundo premio de 700 euros.

VIII
Os traballos presentados ao premio non levarán nome do autor ou autora, senón que serán asinados con pseudónimo. Cada traballo presentado levará adxunto un sobre pechado no que, por fóra, deberá figurar o título do conto, da poesía, ou da peza teatral e por dentro o nome completo do autor/a, enderezo, idade, teléfono, centro no que estuda, título do conto, poesía ou texto teatral e pseudónimo utilizado. Achegarase unha copia do traballo nun CD, formato RTF, acompañando á copia do traballo en papel.

IX
Os traballos presentaranse por correo certificado, polo que toda a documentación citada na base anterior deberá remitirse ao Concello de Santiago, en sobre pechado, facendo constar no seu exterior:
“XIV PREMIO LITERARIO ÁNXEL CASAL”
CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Departamento de Educación
Praza do Obradoiro, 1
15.705 Santiago de Compostela

X
A presidencia do xurado será asumida polo Alcalde do Concello de Santiago ou persoa en quen delegue. A composición do xurado, que non se fará pública ata o día do veredicto, contará cunha representación dos institutos da cidade, unha representación dos creadores de poesía, conto ou teatro e unha representación do Concello de Santiago. Nesta décimo cuarta convocatoria, o IES Pontepedriña forma parte do xurado en calidade de coorganizador do Certame, de acordo coa base terceira do mesmo.

XI
A decisión do xurado, que será inapelable, adoptarase por maioría simple de entre os seus membros. A participación no certame supón a plena aceptación destas bases, sobre as que diante de calquera dúbida prevalecerá única e exclusivamente a opinión do xurado.

XII
O Concello de Santiago resérvase, durante un ano, os dereitos de publicar as obras premiadas. Neste sentido, os autores renuncian, a favor do Concello de Santiago de Compostela, na primeira edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor.

XIII
Non se devolverán os traballos non premiados, que serán destruidos cando finalice o certame.

XIV
O prazo de admisión dos traballos finalizará o 23 de abril de 2009.

XV
A decisión do xurado e a entrega de premios daranse a coñecer no mes das Letras Galegas de 2009.

A Coruña: conferencia de Xosé María Bello

Mañá mércores 4 de marzo na Coruña ofrecerá unha conferencia Xosé María Bello, arqueólogo e director do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, dentro do ciclo A Torre de Hércules: Faro romano, paradigma da arquitectura da ilustración e ¿Patrimonio da humanidade?. O título da conferencia de Xosé María Bello é A Torre de Hércules, faro romano. O acto comeza ás 20:30 na Fundación Biblioteca de la Casa Consulado (Panaderas, 58 – baixo). A entrada é libre até completar aforo.

A Coruña: conferencia de Alfredo Erias

Mañá mércores na Fundación Caixa Galicia da Coruña (no Cantón Grande) Alfredo Erias Martínez impartirá unha conferencia co tema Imaxe do galego na Baixa Idade Media. Alfredo Erias Martínez é arquiveiro-bibliotecario do Concello de Betanzos, director do Museo das Mariñas e do Anuario Brigantino. De carácter polifacético, é autor de diversos libros e numerosos traballos de investigación, pintor, debuxante e gravador, ademais de editor, posto que fundou con Mª Teresa Garea no 1997 Briga Edicións. O acto comezará ás 20 horas e a entrada é libre até completar capacidade.