Vigo: inauguración da exposición NEUSTON. Experimento 1. Explorando a interface

O próximo venres 13 de marzo inaugúrase no Museo do Mar de Vigo a exposición NEUSTON. Experimento 1. Explorando a interface, que conta coa contribución de artistas coma Manuel Vilariño, Vítor Vaqueiro ou Manuel Sendón e dos escritores Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rosa Aneiros, Miguel Anxo Murado, Gonzalo Navaza e Xavier Queipo, entre outros. O acto comezará ás 20 horas e contará coa asistencia da Conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e da directora do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, Aída Fernández Ríos.

Ferve a rede, concurso de microrrelatos eróticos

Vieiros convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a segunda edición de Ferve a Rede, un certame de textos de temática erótica, en galego e cunha extensión máxima de 690 caracteres, con espazos. Os relatos poderán enviarse dende o 10 de marzo até o 24 de abril, e o gañador será decidido e anunciado o 4 de maio por un xurado escollido polo xornal. Os textos poden enviarse dende a propia páxina do concurso e cada autor pode presentar un máximo de tres orixinais. Para facelo só ten que rexistrarse como usuario de Vieiros. O premio para o autor ou autora do microrrelato gañador será unha viaxe e estadía de tres noite a Bruxas (Bélxica) para dúas persoas nun céntrico hotel de catro estrelas, gozando do seu ‘paquete romántico’. Ademais, todas as persoas que participen no certame entrarán nun sorteo para facerse cunha estadía dunha fin de semana nun hotel en Amarante (Portugal), tamén con ‘paquete romántico’ e tratamento VIP.

A Coruña: recital de Lino Braxe e Rivadulla Corcón

Hoxe luns 9 de marzo ás 20:30 ten lugar unha nova sesión do ciclo Poetas coruñeses coa participación de Lino Braxe e X. Henrique Rivadulla Corcón no Salón de actos da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Olmos, 16-18, 1º, A Coruña). A entrada é libre até completar aforo.

A Coruña: conferencia de Jorge Wagensberg

Os Museos Científicos inician o ciclo de divulgación científica Os luns con ciencia. A primeira actividade terá como protagonista a Jorge Wagensberg, director da Área de Medio e Ciencia da Fundación “La Caixa”. Este cientifico abrirá o ciclo hoxe luns 9 de marzo ás 20:00 cunha charla titualada El gozo intelectual. A súa intervención tratará sobre o afán de saber e o pracer que este procura, expoñendo historias e reflexións do quefacer diario dun científico nos que xorden o estímulo, a conversa, a comprensión e a intuición nunha gran variedade de situacións. Presentará a Jorge Wagensberg o escritor Xavier Seoane. A cita é na Domus e a entrada é libre, até completar aforo.

Pontevedra: presentación do libro Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas

O Grupo de Estudos Etnográficos “Serpe Bichoca” anuncia a próxima presentación en Pontevedra do libro Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas de Carlos Solla. O acto terá lugar na galería Sargadelos o vindeiro venres, día 13, ás 20:30 h. Amais da presentación do libro proxectarase un adianto do documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica que o Grupo Serpe Bichoca prevé estrear cara ao verán do presente ano.

A Coruña: presentación do libro Antonio Fernández Pita. Un alcalde fusilado por el franquismo

O próximo mércores 11 de marzo ás 19:30 horas na Aula de Caixa Galicia (r/ Médico Rodríguez, na Coruña) preséntase o libro Antonio Fernández Pita. Un alcalde fusilado por el franquismo, unha monografía sobre o alcalde republicano de Sada (A Coruña) fusilado en 1.936 escrita por Luis Lamela e editada polo Ateneo Republicano de Galicia. O acto é de entrada libre.

Ferrol: conferencia de Alfredo Martín e Eduardo Pardo de Guevara

Este xoves, 12 de marzo, preséntase en Ferrol o libro Auge y decadencia. Desarrollo económico, cultural y educación en Ferrolterra durante el Antiguo Régimen de Alfredo Martín García, que impartirá para a ocasión unha conferencia acompañado por Eduardo Pardo de Guevara, director do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento. Será no Ateneo Ferrolán a partir das 20 horas.

A Coruña: os Museos Científicos reparten unha Guía do Ceo en galego

Mañá sábado 7 de marzo os Museos Científicos Coruñeses sumaránse a celebración do Ano Internacional da Astronomía entregando gratuitamente a cada visitante da Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae un exemplar da Guía do Ceo 2009, editada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

A guía recolle, entre outras cousas, algúns consellos para iniciarse na observación do firmamento, a orientación, as ferramentas a empregar, así como mapas do ceo mes a mes.

As dunas xunta por primeira vez a Manuel Lourenzo e Quico Cadaval

Hoxe venres 6 de marzo estréase no Salón Teatro de Santiago de Compostela a obra As dunas, produción do Centro Dramático Galego que supón a primeira colaboración do dramaturgo Manuel Lourenzo co director Quico Cadaval. Compoñen o elenco da obra Paula Buján López, Evaristo Calvo, Paulo Oliveira, Manolo Cortés, Susana Dans, Christian Escuredo, “Mos”, Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado. As dunas poderá verse en Santiago ao longo do mes de marzo e logo iniciará unha xira que a levará por O Barco, A Coruña, Vigo, Tui, Vilagarcía, Ourense, Narón e Ferrol.

Sinopse: Nunha nave industrial en desuso, na Mariña luguesa, son convocados polo construtor Florencio Pardo, a gobernanta Lola, o intendente Serapio, o empregado Calí Caiate e unha tropa estrafalaria de músicos, bailaríns e cantantes para animar a inauguración do free spa “As dunas”, un moderno balneario musical que terá como destinatarios a “amantes de praceres prolongados” e integrará actividades que van dende o relax ao goce musical pasando por “todo tipo de refinados praceres do corpo”. Para rexentar este gran complexo turístico-musical, o empresario contrata unha antiga noiva da xuventude, Lola, muller entrada en carnes, disposta e realista, que ademais lle segue querendo. A moza é moi hábil para controlar a Pardo, para rexentar o local e para se entender cos músicos. Coa chegada destes á nave, asistimos á presentación das súas vidas, das súas esperanzas, frustracións, soños e angustias. Así, sabemos dos amores homosexuais entre Serapio (home xa maduro e descrido) e Milo (mozo depresivo, pusilánime e torturado); das dotes musicais e amatorias do inmigrante Cali Caiate (caboverdiano residente en Burela, ou burelao con orixes caboverdianas); e das relacións de amor e celos entre Cristian, Eva, Melo, Lucinda e Helio, personaxes que se moven entre a esperanza nun futuro incerto e a prosaica realidade.