O 14 de agosto presentarase en Buenos Aires a novela El sastre de Lugo, de Stella Maris Latorre (Gárgola Ediciones/Ed. Cuatro Vientos). A presentación correrá a cargo do escritor e Secretario de Actas da Sociedad Argentina de Escritores Rubén Darío Gasparini e contará coa presenza da autora. Será ás 17:30 no Salón de Actos Maruxa Boga 25 de Mayo, 555, PB. CA Buenos Aires.
Farruco Graña na Feira do libro da Coruña
O 10 de agosto Farruco Graña presentará na Feira do libro da Coruña o libro O bosque de Nadgor (Asociación Cultural Francisco Lanza). Xunto co autor participará no acto o escritor Xan Fraga.
Henrique Rabuñal publica Poemas coruñeses
O libro de Henrique Rabuñal que, con portada de Urbano Lugrís, se subtitula “Antoloxía de textos poéticos dos séculos XIX e XX sobre A Coruña”, leva un prólogo do alcalde da Coruña Javier Losada e contén poemas de temática coruñesa de 24 autores contemporáneos; entre eles Rosalía, Curros, Pondal, González Garcés, Luz Pozo, Uxío Novoneyra, César Antonio Molina, Xavier Seoane e Manuel Rivas. Henrique Rabuñal ademais de seleccionar os poemas presenta a biografía dos autores incluídos e mantén na súa obra que nela é cantada “A Coruña burguesa e a obreira, a Coruña das liberdades, a Coruña democrática, todas esas Coruñas que son unha illa núa, unha lingua azul, unha baía e unha patria”. A publicación encádrase dentro das actividades do programa “A Coruña 1208-2008”.
Galiza nom se vende: XXII Festival da Poesia do Condado
Coa lexenda “Galiza nom se vende”, desde 4 de setembro Salvaterra acollerá unha nova edición do «Festival da Poesia no Condado». Ofrecerá, como acostuma, un amplo programa que inclúe pintura, fotografía, poesía visual, música e poesía. Entre os poetas do programa figuran Marica Campo, O Leo, Kiko Neves, Carlos Figueiras, Valentina Carro, María Lado, Xiana Arias, Pedro Casteleiro, Paco Souto, Concha Rousia, Cruz Martínez, Alberto Lema, Igor Lugrís, Lino Braxe, Chus Pato, Pilar Beiro, Núria Martínez Vernís (Països Cataláns), Limam Boicha (Saara) e Isaque Ferreira (Portugal). Vexa o programa na páxina da SCD Condado.
Obra literaria de Urbano Lugrís na Feira do libro da Coruña
O día 10 de agosto, na Feira do Libro da Coruña (xardíns de Méndez Núñez) ás 13 horas, terá lugar a presentación do libro Balada de los mares del norte. Poesía, cuentos y ensayos, 1942-1973, de Urbano Lugrís (Alvarellos Editora). No acto participarán o xornalista e escritor Manuel Rivas, a autora da edición anotada do texto e profesora da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez e o editor Henrique Alvarellos. A actriz María Inés Cuadrado lerá fragmentos da obra.
Crean a Axencia Literaria Galega para apoiar os escritores
Antón Riveiro Coello na Feira do libro da Coruña
O 9 de agosto, na Feira do libro da Coruña (xardíns de Méndez Núñez) ás 19 horas, o escritor Antón Riveiro Coello asinará na Coruña exemplares da súa última novela Os ollos de K (Editorial Galaxia).
Xosé Carlos Caneiro e Manuel Rivas na Feira do libro da Coruña
O día 8 de agosto ás 20 horas o escritor Xosé Carlos Caneiro ofrecerá un recital literario-musical sobre o seu libro A vida nova de madame Bovary (Edicións Xerais), acompañado á guitarra por Xosé Manuel Salgado.
Ás 21 horas terá lugar a conferencia de Manuel Rivas “A odisea coruñesa”, con motivo do ciclo “Marinedas, cidades e literatura”.
Xavier Alcalá na Feira do libro da Coruña
Na Feira do libro da Coruña o xoves 7 de agosto ás 20 horas o escritor Xavier Alcalá presentará a triloxía “Evanxélica memoria”, composta polas novelas Entre fronteiras, Nas catacumbas e Unha falsa luz (Editorial Galaxia). No acto participarán xunto co autor Víctor Freixanes como editor e Alfredo Ferreiro como crítico literario.
Olga Patiño Nogueira na Feira do libro da Coruña
O 7 de xullo ás 19:00 Olga Patiño Nogueira asinará exemplares do seu libro Tempo en desuso (Edicións Espiral Maior).