Pazo de San Roque (Santiago): IX Xornada do Día das Letras Galegas. Francisco Fernández del Riego
A Coruña: palestra “Pancho Pillado na lembranza: unha vida dedicada ao teatro”, por Manuel Lourenzo
Comezan as votacións para escoller a Mellor Poesía do Ano 2022 na Galiza e en Portugal no Proxecto aRi[t]mar
“O xurado de aRi[t]mar vén de preseleccionar as poesías galegas e portuguesas que loitarán por ser recoñecidas como as mellores do pasado 2022. Son 10 poesías de cada país as que optan a ser elixidas polo público como Mellor Poesía do Ano na Galiza e Mellor Poesía do Ano en Portugal. Ditas votacións comezaron o 17 de abril, ás 9.00 horas segundo o fuso horario galego, e poderanse acometer a través da páxina web aritmar.gal. O proceso permanecerá aberto ata o día 14 de maio.
As pezas finalistas para o premio a Mellor Poesía do 2022 na Galiza, son: Fiadeiro do Lupamar, de Ana Pillado; Vanitas #1, de Antía Otero; FORXÁRONME CON PALABRAS, de Ánxela Gracián; MAMÁ fala en linguaxes, de Arancha Nogueira; N e u r a l x i a, de Clara Martín; Se algunha cousa queren comigo, de Lorena Conde; Ser mar, de María Álvarez Landesa; Tarefas, de Mercedes Martínez Modroño; DESPOIS de lermos, de Nieves Neira Roca; e As amigas, de Yolanda Castaño.
Por outra banda, as pezas finalistas para o premio a Mellor Poesía do 2022 en Portugal, son: ONDE ME ARDE, de Andreia Faria; Podia-te chamar Lisrio, de Fernando Machado Antunes; PONTO E VÍRGULA, de Joaquim Gouveia; Ao lusco-fusco, a indecisão das cores, de Licínia Quitério; punhos, de Maria do Rosário Pedreira; Se de repente perto fosse um verbo, de Maria Isabel Fidalgo; Faço uma curta viagem, de Maria Teresa Dias Furtado; Aqui estão as minhas chaves, de Pedro Eiras; Insignificante criatura me chamaram, de Ricardo Gil Soeiro; e THE BIG FREEZE, de Rui Lage.
Premios aRi[t]mar: Un recoñecemento elixido polo público
aRi[t]mar é un proxecto didáctico cultural desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela pertencente á Xunta de Galicia, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.
Tanto nesta, a súa vertente poética, coma na musical, son as persoas seguidoras de aRi[t]mar as que deciden cal son as mellores obras do ano. Calquera usuario da web pode acceder a aritmar.gal e, alí, ler as 20 pezas galegas e portuguesas pre-seleccionadas polo xurado e decidir cal cren que son as merecedoras do premio a Mellor Poesía do Ano na Galiza e Mellor Poesía do Ano en Portugal.”
María Lado: “Bailar poesía é algo moi bonito e ver as persoas bailando os poemas que facemos é emocionante”
Entrevista de Laura Veiga a María Lado en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xurdiu Forestal?
– María Lado (ML): Lucía Aldao e eu levabamos moitos anos recitando sen ter rexistro das cancións, por iso decidiramos sacar Casa!, o primeiro disco, para que a xente o puidese desfrutar tamén na casa. O produtor, Mig Seoane, fixera daquela un traballo moi chulo, axudándonos a darlle un pouco de corpo a esas cancións que nós adoitamos defender en directo só con dúas voces e unha guitarra.
Con Forestal pensamos que era unha boa maneira de facer temas novos para logo levar aos directos soas, mais durante o proceso xurdiu a oportunidade de tocalos tamén en directo en formato banda.
Así, montamos a banda Aldaolado, con nós as dúas, Macarena Montesinos tocando o baixo, Violeta Mosquera na batería e Rubén Abad como guitarrista. Con todo, hai algúns temas que só tocamos coa banda e outros que ás veces adaptamos ao noso formato dúo.
Ao final foi seguir un pouco esa idea: que a xente tivese a oportunidade de escoitar as cancións de Aldaolado aínda que non viñese a un directo, porque os nosos temas se estaban perdendo aí neses directos. Un disco que estivera dispoñíbel en todas as plataformas parecíanos a mellor maneira de rexistralos, de feito non ten un formato físico.
– ND: É un traballo que ten moi presente o amor nas súas cancións e precisamente foi lanzado o 14 de febreiro. Por que quixeron facelo así?
– ML: O día do lanzamento foi o típico chiste de Aldaolado que acaba tendo algún significado. Tiñamos que escoller un día de febreiro, tamén pondo unha data a nós mesmas e como xa é un día que ten un significado escollemos ese. Tamén é certo que para nós, dedicarnos á vida de poetas é un xesto de amor, porque desde logo de negocio non o é, aínda que nós vivimos só de poetas e isto é moi difícil e estraño.
É un tema moi recorrente nas nosas vidas individuais e xuntas porque nos gusta ver a forma que toma o amor. Aldao e eu entendemos que, de todas as formas de amor que existen e que nós mesmas practicamos ou que existen aínda que non as practiquemos, a amizade é unha gran mostra de amor. (…)”
Exposición sobre Afonso X, o Sabio e Galicia en Roma
O 18 de abril inaugúrase en Roma a exposición “Afonso X e Galicia. O monarca que de tanto mirar as estrelas esqueceu da terra”. A mostra, organizada por Attilio Castellucci, en representación do Centro de Estudos Galegos de Roma que dirixe, xunto con Paolo Canettieri, en representación do Departamento de Estudos Europeos, Americanos e Interculturais, poderase visitar ata o 17 de maio no Edificio Marco Polo (Circonvallazione Tiburtina 4). O día da inauguración participarán varios especialistas na cultura galega e na obra de Afonso X como Rosario Álvarez, M. Luisa Cerrón Puga, Ana Ces Ares, Iolanda Galanes, Ignacio Peyró, Arianna Punzi, Antoni Rossell e Isabella Tomassetti, ademais dos organizadores, Attilio Castellucci e Paolo Canettieri.
Padrón: “Rosalía nas pantallas”, conferencia de Martin Pawley
Maurizio Polsinelli: “Díaz Castro colocou Galiza no meu mapa conceptual inoculando a necesidade da beleza”
Entrevista de Laura Veiga a Maurizio Polsinelli en Nós Diario:
“Maurizio Polsinelli, músico de orixe italiana, vén de dar un empuxón á súa vocación poética coa publicación de O deber do lume (Medulia). Polsinelli repasa as lembranzas que compoñen esta obra e a inspiración que atopou entre algúns poetas en lingua galega: “Podo dicir con seguridade que Díaz Castro colocou Galiza no meu mapa conceptual porque é quen de inocularte na forte necesidade de beleza”, salienta.
– Nós Diario (ND): Como comezou a escribir O deber do lume?
Naceu desde unha memoria allea. Carmen Penim, a miña compañeira, ten moita paixón á hora de contar as cousas e de revivir o seu pasado. Isto, co tempo, lévache a experimentar a súa propia nenez como se fose a túa. Cheguei a un punto no que as mesmas lembranzas do seu pasado acababan mesturadas e entretecidas co meu, no que xa non podía distinguir con total seguridade o que vin e o que vivín eu dos feitos que me contou ela. Esta confusión dalgún modo levoume a procurar unha orde, unha claridade. Puntualizar o que é seu e o que é meu.
O bo da poesía é que despois de escribir xa non es o mesmo que se non o escribiras. Ese pasado que me contou Carmiña, que me é alleo, co proceso de escrita pasa a facer parte da miña vida. Xa non é importante distinguir a miña infancia totalmente distinta en Roma, da que viviu ela en Meaus. Non é preciso colocar cancelas na memoria que distingan a fontiña de Meaus das fontes monumentais de Roma. A escrita o que ten que facer é buscar o universal e é nese punto onde nace este poemario.
Dalgún modo tiven que liberarme e pór por escrito relatos de Carmiña, na súa infancia e no Couto Mixto. O deber do lume é unha especie de biografía lírica que está claramente contaminada polo eu poético, pola miña infancia na Roma máis urbana e pola miña memoria e experiencia persoal dos lugares onde ela se criou. (…)
Inspiraciencia: “Narrativas do carbono. Obradoiro para humanos sobre literatura e ciencia”, impartido por Estíbaliz Espinosa
Para conmemorar Sant Jordi, desde Inspiraciencia, proxecto coordinado pola Delegación do CSIC en Cataluña e financiado pola FECYT, ofrécese este obradoiro de escritura creativa científica gratuíto en liña.
A profesora será Estíbaliz Espinosa, escritora galega de poesía, ensaio e tradución, cantante, comunicadora de ciencia e astrónoma amadora. A actividade realizarase grazas á colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
O obradoiro repetirase en dúas sesións diferentes. As prazas son limitadas!
NARRATIVAS DO CARBONO. OBRADOIRO PARA HUMANOS SOBRE LITERATURA E CIENCIA
Formato: en liña – Zoom. A ligazón enviarase o día da sesión
Prazas: 10 por sesión
Data sesión A: martes 25 de abril | 18:30-20:30
Data sesión B: mércores 26 de abril | 18:30-20:30
Inscrición sesión A (25/4/23): https://www.eventbrite.com/e/617010413757
Inscrición sesión B (26/4/23): https://www.eventbrite.com/e/617013904197
Podes atopar máis información sobre os obradoiros nesta noticia.
Contacto: info@inspiraciencia.es / ana.yeste@dicat.csic.es