Entrevista de César Lorenzo Gil a Ramón Caride en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Leva vostede un diario ou un dietario?
– Ramón Caride (RC): Non, a vida xa é complicada abondo para cargarse por riba con semellante obriga. E por outro lado, non sendo un home dos que naceron para estatua, segundo expresión de Castelao, non lle vexo moito sentido ao esforzo de depurar versións contraditorias dun mesmo para facer un auto-retrato favorecedor. Que o fagan outros, se lles peta.
– B: Escribirá as súas memorias?
– RC: Sempre tiven claro que xamais cometería tal desatino. Por iso mesmo acabo de rematar algo semellante. Un libro titulado Nada do outro mundo, onde me someto ao escrutinio desapiadado de Darío Gancedo, un dos meus personaxes favoritos. É unha clara autoficción; e como tal un puro artificio, aínda que, coma todas as películas de moda, “baseada en feitos reais”. É o que máis se lle pode achegar a unhas memorias, miñas e alleas a un tempo. Un xogo de espellos, engaiolante, que sairá en Aira nos próximos meses.
– B: Que autor/a considera responsable de que vostede se dedique á literatura?
– RC: Creo que mais que un autor concreto foi a miña primeira mestra, María Esther Cortés, na escola da aldea. Ela animoume a ler os meus primeiros libros. Non só me ensinou a ler, que tamén, senón que me meteu no corpo a ansia de ler. E así comezou todo. Descubríume un mundo novo. Estouche a falar dos anos sesenta, daquela os libros non abondaban, e fóra do ámbito urbano inda menos… (…)”
Marilar Aleixandre: “O relato é un rexistro de escrito moi galego e grandes da nosa literatura xa o trataron”
Entrevista de Antón Escuredo a Marilar Aleixandre en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que lle pareceu participar na colección Relatan… Nós?
– Marilar Aleixandre (MA): Estou feliz. Xa o estaba cando me propuxeron facelo, sen saber que outros autores escribirían nesta colección. E agora, ao ver quen me acompaña, estou moito máis feliz. Son grandes nomes da literatura galega e é unha ledicia participar. Considero que os relatos son un rexistro de escrito moi galego que grandes autoras e autores da nosa literatura, Castelao por exemplo, trataron. Tamén Rafael Dieste, que ten relatos impresionantes, e a mesma Rosalía.
Hai que recoñecer que o relato é un pouco a cincenta, na Galiza a poesía ten un status moi alto. Noteino por comezar escribindo narrativa e entrar na poesía bastante despois, nun proceso diferente ao que fai outra xente. Había quen me considerou escritora de certa categoría a partir da publicación de Catálogo de velenos, o meu primeiro libro de poemas.
Teño que dicir, como narradora, que é moito máis difícil armar e escribir unha novela. Nisto, seguramente, coincidirá máis xente. Gústame escribir relatos, é un rexistro no que me sinto especialmente feliz. Á hora de publicar e a consideración que se ten é diferente. Na literatura anglosaxoa anuncian onde se publicaron e teñen moita tradición.
– ND: No seu relato interpreta de maneira literaria a nosa realidade tomando como espazo temporal algo acontecido nos últimos dez anos. Foi complicado escoller o tema do relato?
– MA: A literatura é sempre outra forma de ver a realidade, distinta á que pode ser a opinión. Levo facendo un artigo de opinión en Nós Diario desde que comezou o xornal. Todas as persoas temos unhas teimas e cousas que nos preocupan especialmente. No meu caso pode ser o feminismo e todo o que ten que ver cos dereitos das mulleres.
O título da miña rúbrica, Desescribindo, é moi habitual en min. Tento desescribir moitas cousas da historia, entre elas o que foi escrito sobre as mulleres. Unha cousa é como iso se formula en opinión e outra cousa é como se formula literariamente. Poden ser algunhas situacións semellantes mais están tratadas doutro modo. No meu caso, penso que teño un estilo bastante oblicuo, indirecto, e na narrativa tamén. Hai moitas cousas que non digo explicitamente nas miñas obras.
Cando é un encargo hai un marco ao que tes que “asaldarte“. Neste caso había que cinguirse á extensión, moi curta, e eu mesmo pensei na maqueta no que iría. Neste aspecto sempre me gustou seguir na medida do posíbel ese encargo. Despois o marco temporal.
Entendo que nós vivimos na Galiza mais a nosa realidade está atravesada por moitas situacións que ocorren noutros lugares. Hai tempo que quería escribir sobre a situación das maquías, a situación das empresas que traballan noutros lugares do mundo e fan produtos que nós utilizamos. Quería falar de algo que é unha situación descoñecida. Moitas veces fixámonos nos dereitos e nas situacións das persoas que están próximas e ignoramos, ao non contalo ninguén, situacións que afectan en realidade a nosa vida.
– ND: Ese tema parte da actualidade máis recente?
– MA: Agora, a guerra e a pandemia puxeron de manifesto que o sistema capitalista non é funcional. A globalización e situacións que se daban por supostas en realidade distorsionan a vida da xente. Estámolo vendo nestes momentos que faltan algúns produtos. Xa era un tema que me preocupaba por ter oportunidade de escoitar algunhas historias desde dentro e quería contalas. Creo que as mesmas reivindicacións que temos aquí deberiamos telas para outros lugares.”
Manuel Gago: “A identidade de Galicia séguese construíndo exclusivamente a partir do rural e do mundo agrario, esquecendo a Galicia urbana”
Entrevista de Marcos Pérez Pena a Manuel Gago en Praza:
“(…) Presentouse o proxecto expositivo ‘Cidades do Tempo’, un conxunto de sete mostras sucesivas, organizadas pola Xunta e por Afundación e comisariadas por Manuel Gago, que nos dous vindeiros anos buscarán poñer en valor a identidade urbana de Galicia. A primeira desas exposicións, dedidaca á cidade de Santiago, inaugurouse este sábado en Compostela, na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19), onde se poderá ver ata o 10 de setembro. Despois, ata mediados do ano 2024, será a quenda de Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ourense. (…)
“Todos os datos económicos e demográficos revelan que o presente e o futuro de Galicia é urbano. Porén, por incrible que pareza, a identidade de Galicia séguese construíndo exclusivamente a partir do rural e do mundo agrario, esquecendo a Galicia urbana, pero tamén o mundo mariñeiro”, destaca Manuel Gago en conversa con Praza.gal.
“A exposición intenta situar Galicia nun esquema que é normal en calquera sociedade europea, é dicir, unha sociedade complexa, con múltiples factores e identidades. A un francés ou a un británico non se lle ocorre pensar que o seu país é só dunha única maneira. Galicia é unha sociedade complexa e diversa e non é real pensar que hai unhas supostas esencias que corresponden unicamente ao espazo rural. O factor urbano está presente e configura todo o que somos”, subliña.
Galicia non conta cunha Barcelona, unha gran cidade que nuclea ao seu redor o conxunto do país, senón con sete cidades de mediano e pequeno tamaño, fortemente conectadas e que funcionan en rede. E que, ademais, son moi permeables coa contorna rural que as rodea e coa que establecen continuas relacións. “Cando pensabamos na cidades ás veces tiñamos un concepto de cidade moi pechado e máis propio doutros territorios, cunhas fronteiras moi nidias entre o rural e o urbano. En Galicia, en cambio, o modelo das cidades é híbrido, moi adaptado ao territorio, no que rural e urbano están moi entrecruzados, para o bo e para o malo”, explica Gago. “Galicia non ten grandes cidades, pero esta realidade deriva dunha determinada xeografía e estrutura do medio, que acabou configurando un modelo propio”, engade.
“As fronteiras entre o rural e o urbano non son tales. Esa idea quixemos reflectila na imaxe gráfica do proxecto expositivo, realizada por Desoños, construída a partir do límite dos termos municipais das cidades, máis amplos ou máis reducidos, amosando que eses límites sempre están en negociación co espazo do redor. Cando fixamos de forma moi estrita esta fronteira, o que facemos é limitar o que queremos contar sobre nós mesmos”, comenta.”
A Coruña: presentación de No día do seu enterro, de Cristina Pato
Compostela: presentación de As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega
Ferrol: inauguración da exposición Siro López e Xavier Alcalá. 50 anos con Galaxia
Desde Afundación:
“Arrinca a exposición Siro López e Xavier Alcalá. 50 anos con Galaxia, unha homenaxe aos dous artistas ferroláns que se anoan neste proxecto a través da novela de Alcalá Alén da desventura. O acto inaugural terá lugar o 27 de xuño, ás 19:00 horas, en Afundación Ferrol (Praza da Constitución s/n.), coa participación de Xavier Alcalá, Siro López, Ángel Mato (alcalde de Ferrol), Antón Vidal (presidente de Galaxia) e Marité Cores (coordinadora de Cultura Afundación). As persoas interesadas poden inscribirse aquí.”
A Coruña: presentación de O negociador, de Miguel Sande
A Coruña: presentación de O Camiño das estrelas
A Coruña: presentación de Palmeiras, piueiros, de Anxo Angueira
O 27 de xuño, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Olmos, 16-18, 1º), preséntase o libro Palmeiras, piueiros, de Anxo Angueira, editado por Chan da Pólvora. Acompañan ao autor nesta presentación Xosé Luís Axeitos e Dores Tembrás. As persoas interesadas poden inscribirse no correo electrónico acab@mundo-r.com.