Comunicado da AELG sobre diversas publicacións producidas nos últimos días relacionadas coa actividade desta Asociación

En relación coas diversas informacións e opinións aparecidas nos últimos días en varias publicacións nas redes sociais, referidas a feitos nos que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) actuou, cumprindo cos seus obxectivos, a AELG desexa expresar a cronoloxía na que tales feitos se produciron. Esta é a seguinte:

– O 24 de outubro de 2022 recíbese por correo electrónico unha solicitude de Alberto Ramos, escritor e socio da AELG, na que explica que ante a ausencia dun contrato sobre o seu libro recentemente premiado, mais non publicado aínda nese momento, desexa facer unha consulta á asesoría xurídica da AELG.
– Esta solicitude recibe resposta xurídica por parte da persoa que se encarga dese asesoramento o 28 de outubro de 2022. O 8 de novembro de 2022 o autor solicita, mediante correo electrónico, unha aclaración a unha dúbida relacionada coa consulta, que é respondida por parte da asesoría xurídica no mesmo día.
– Na Asemblea Xeral da AELG, realizada presencialmente o 18 de marzo de 2023 en Santiago de Compostela, na quenda de rogos e preguntas, trátase este tema co propio autor, presente na citada asemblea, quen agradece o asesoramento prestado. Estando sen solucionar nesa altura a cuestión contractual que motivou a consulta, e solicitando da AELG o autor interesado que se procure unha solución, o presidente da AELG indica que considera que a mellor maneira de facelo neste caso é poñéndolle de manifesto esta situación á Asociación Galega de Editoras (AGE), como entidade á cal está asociada a editorial da que se solicita o contrato.
– Nas seguintes semanas prodúcese o contacto telefónico entre as presidencias das dúas entidades (AELG e AGE), tendo constancia o presidente da AELG do interese por parte de AGE en buscar unha solución acaída ao caso.
– O 20 de xullo de 2023 a AELG recibe un correo electrónico de Alberto Ramos, onde este solicita facer uso novamente do servizo de asesoría xurídica que lle corresponde como escritor asociado á AELG para que se proceda a unha revisión desde o punto de vista xurídico do contrato que lle achegou a editorial, unha vez estaba xa publicada a obra, despois das xestións realizadas. O 1 de agosto de 2023 ten lugar a resposta da asesoría xurídica ao autor en relación á consulta feita sobre o seu contrato.

Até aquí a cronoloxía dos feitos nos que interveu a AELG en relación con este asunto.

Desde a AELG aproveitamos a ocasión para lembrar que o servizo de asesoría xurídica para temas relacionados coa súa actividade no mundo da escrita está a disposición de todas as escritoras e escritores que forman parte da Asociación. Igualmente, manifestamos o noso firme compromiso coa creación escrita e a súa fundamental achega para a nosa cultura e sociedade, ao tempo que entendemos que debe ser sempre prioritaria a busca das mellores solucións posíbeis en todos os casos que poidan darse, partindo do ineludíbel respecto aos dereitos correspondentes ás escritoras e escritores polo seu traballo.

Finalmente, a AELG quere manifestar o seu compromiso inquebrantábel coas nosas creadoras e creadores, tamén na súa relación cos diferentes axentes do sistema literario galego, promovendo o entendemento entre os mesmos, establecendo canles de comunicación, facilitando a resolución de posíbeis conflitos e contribuíndo ao ben común da nosa lingua e a nosa literatura.

Compostela: XX Simposio O Libro e a lectura. 40 anos da Asociación Galega de Editoras, o 27 de setembro

O Concello de Vilalba fixo entrega dos premios aos gañadores da V Edición do Concurso de #Microrrelatos

O Concello de Vilalba fixo entrega dos premios aos gañadores da V Edición do Concurso de Microrrelatos. Un certame, que organizamos en colaboración con Culturalia GZ co obxectivo de conmemorar o Día do Libro 2023 e fomentar na poboación o achegamento á lectura literaria.
Así, en categoría infantil, o gañador é Duarte Mariño Torrado co seu texto Historias da semente. O segundo premio é para Paula Pérez Cendán, por Unha noite no Cemiterio e o terceiro para Arwen Fernández García, por O libro.
En categoría xuvenil, Berta Comesaña Alonso logrou o primeiro premio coa obra Cifras. A segunda praza é para Noa Domínguez Moreda, por Memorábel, mentres que o terceiro premio recíbeo Óscar Linares González, por O neno e a cidade.
Na categoría de adultos, o mellor microrrelato foi A Vaca de Raquel Fernández Fernández. A segunda praza é para Isabel Vázquez Rodríguez, por Paralelas Diverxentes, mentres que a terceira posición é para Enrique Manuel Neira, por Naufraxio dobre.
Os tres mellores microrrelatos na ultima categoría mencionada recibiron os premios recollidos nas bases que, no caso dos adultos, son, respectivamente, de 300, 200 e 100 euros. Así mesmo, os galardoados na categoría infantil e xuvenil recibirán libros e material escolar.
Os gañadores leron as obras premiadas mentres que os músicos Baruk Domínguez e Esteban Cabana amenizaron a sesión, na que a concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez, e a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, agradeceron a implicación de todos os que contribuíron a sacar adiante a convocatoria.
O próximo ano a editorial Alvarellos publicará a obra que recolle as nove creacións nas tres categorías de infantil, xuvenil e persoas adultas, xunto coas gañadoras do 2024. Será o terceiro volume deste galardón que xa consolida o seu futuro e que cada ano recibe máis orixinais.

Luísa Villalta a través das poetas: “Cando escribía buscaba que as lectoras pensásemos o mundo”

Artigo de Ana G. Liste en Praza:
“Dramaturga, narradora, ensaísta, filóloga, violinista, profesora e poeta. Os vindeiros meses permitirán unha achega profunda á figura de Luísa Villalta (A Coruña 1957-2004) con motivo da escolla da Real Academia Galega da celebración en 2024 do Día das Letras Galegas na súa honra. A coruñesa é a sexta muller na listaxe de figuras homenaxeadas desde que esta festividade –na que tivo moito que ver o actual homenaxeado, Francisco Fernández del Riego– comezou con Rosalía de Castro (1963). Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018) e Xela Arias (2021) son as únicas mulleres que foron destacas nos seguintes 59 anos.
Imos mirar cara a Luísa Villalta desde as perspectivas de quen escribe poesía hoxe. Isto é un primeiro achegamento, dos outros moitos que virán nos vindeiros meses, a unha artista que vai lograr levar de volta a celebración das Letras á rúa, como xa conseguiron Lois Pereiro en 2011 e, máis recentemente, Xela Arias. Achegámonos á faceta como poeta da que xa foi ‘Señora das Letras’ o ano pasado da man de Antía Otero, Silvia Penas, Oriana Méndez, Nuria Vil, Arancha Nogueira e Antón Blanco. Miramos e escoitamos, pois este texto vai acompañado de varios poemas da autora recitados para as lectoras e lectores de Praza.gal. (…)”

Alberto Ramos gaña o XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais convocado pola Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña xa ten gañador: o xornalista e escritor Alberto Ramos coa obra Conxo, non restraint, unha peza de texto documento sobre a violencia psiquiátrica no Hospital de Conxo.
O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, estivo composto por autoras e autores cunha recoñecida traxectoria na creación literaria en lingua galega no campo teatral como Teresa Moure, Avelina Pérez, Lois Blanco, Sabela Hermida e o gañador da última edición, Roberto Pascual; e, como secretaria, a xefa da sección de Cultura, Mercedes Fernández Albalat.
O xurado salientou da obra premiada a concreción da denuncia baseada nun afinado proceso de investigación, a linguaxe limpa e estilizada moi acorde co tema que aborda o texto. Tamén valorou positivamente a ousadía á hora de retratar un asunto moi delicado.
Alberto Ramos é xornalista e escritor, dedícase á comunicación cultural e durante seis anos traballou na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra por parte da Deputación da Coruña que, ademais, desenvolverá un procedemento para a selección de propostas e garantir a montaxe e a representación da obra premiada por parte dunha compañía teatral galega.”