Susana Arins: “A família é um dos piares dos regimes fascistas”

Entrevista a Susana Sanches Arins en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Que queres dizer quando afirmas que “Manuel García Sampayo é exemplo de como a família, em quanto instituição, é a primeira célula de controlo e repressão no sistema franquista”?
– Susana Sanches Arins (SA): Pois exatamente isso. A família um dos piares dos regimes fascistas (família, deus, pátria). Reproduz no doméstico a estrutura do estado, com um patriarca que acusa, julga, premia e condena. Em muitas ocasiões, como no da minha família, não é preciso que intervenha a autoridade civil ou militar, porque já o senhor da casa se encarrega de tomar as medidas que sejam precisas. É especial o controlo sobre mulheres e sobre qualquer desvio da norma que se dê. Numa situação como a da pós-guerra, de pobreza sobrevida, ser expulsa da família era um risco que muitas não podiam correr, por simples supervivência.
– ND: Quando falas de que “O tio Manuel era falangista, dos maus, e nisso a família diferenciava-o do tio Ramón (García Sampayo), que era falangista dos bons”. Como se explica essa diferenciação e em que se fundamenta. Até que ponto o “falangista bom” não legitima um fascismo que em si não será mau nem bom, mas que dependeria do uso que se fizese dele?
– SA: A justificação familiar é clara: ao tio Manuel se lhe apõem mortes (assassinatos) e torturas. Ao tio Ramón não. Mas é justificação familiar, não minha. Na minha obra questiono essa diferenciação. Há um trecho, que pessoalmente adoro, em que levo a comparação com o regime escravagista, onde havia grandes proprietários que não maltratavam a sua servidume. Dão a ver que não é mau o sistema mas os elementos que abusam dele e do seu poder. E a realidade não é essa. O tio Ramóm ajudou alguma gente. Mas a outra não. E essa arbitrariedade, o não saber se vás ser beneficiário ou prejudicado, faz parte do sistema de terror imposto trás o golpe. As pessoas ignoravam se iam ser atacadas por um ou salvadas por outro. Um precisava do outro para manter a sua autoridade. (…)
– ND: O relato literário permitiu-che contar cousas que não permite o ensaio histórico [seique]? Como vês as diferentes linguages?
– SA: Acho que a estrutura narrativa permite dar entrada a emoções e reflexões que ficariam fora de um ensaio histórico. Acho que a voz narrativa, neste caso a da geração das netas, coloca uma distância emocional necessária para construir um discurso respeitoso com as vítimas ao tempo que introduz a reflexão sobre a transmissão da memória da guerra e como isso marcou as famílias. Eu achava de menos, noutras narrativas sobre o golpe e a repressão, dar espaço ao silêncios, aos tabus, às reviravoltas na construção da memória para manter a respeitabilidade das famílias e ocultar feitos indignos. Contar desde dentro complementa a visão ensaística, que é um contar desde fora, também essencial. (…)
– ND: Analisa uma dimensão difícil de quantificar e visibilizar que é a repressão das mulheres coa sua dimensão específica. Como vês estas dificuldades por tirar luz destes casos?
– SA: Há um problema básico: o silêncio já irremediável sobre esse tipo de repressão. As agressões sexuais não foram habitualmente verbalizadas. Estende-se sobre elas o tabu e mesmo um sentido respeito pela dignidade das vítimas. Não contar por não marcá-las mais. Conto com uma gravação de uma senhora de Meis, Mercedes Abal, que quando narra as agressões a uma vizinha, Manuela Abal “A Facheira”, só acerta a pronunciar a frase “ai, o que lhe fizeram!” repetidamente. A nós só nos fica essa pista. E agora é tarde. Quem podia contar morreu. Só podemos intuir, deduzir, supor. Saber o que aconteceu em verdade já não é possível. Mas conhecendo o uso das agressões sexuais como arma de guerra noutros conflitos bélicos, não é difícil imaginar que terão feito com esta e outras mulheres.”

A AELG ante a ampliación da compatibilidade de pensións e dereitos de autoría ás persoas xubiladas de clases pasivas

O Goberno do Estado incorporou, no marco orzamentario de 2021, a ampliación da compatibilidade de pensións e ingresos derivados da Propiedade Intelectual ás persoas xubiladas procedentes do réxime de clases pasivas.

Desde a AELG consideramos un paso adiante esta nova, sempre desde o horizonte de conseguir a compatibilidade entre as pensións de xubilación e a actividade de creación artística para todos os colectivos, nomeadamente os que continúan sen ter resolta a súa situación:

– As persoas perceptoras de pensións de Seguridade Social non contributivas.
– Titulares dunha pensión por incapacidade absoluta permanente.

Ao tempo, agradecemos ao BNG que teña transmitido, a través da acción parlamentaria no Congreso, ao Goberno do Estado a demanda da AELG para a resolución desta problemática.

Anxo Angueira: “A presenza social de Rosalía, na rúa e na escola, medrou exponencialmente”

Entrevista a Anxo Angueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Desde 2010 é vogal da Fundación. Como e por que chega a integrarse nela?
– Anxo Angueira (AA): Fun proposto pola executiva existente daquela e elixido polo plenario en substitución de Avelino Abuín de Tembra, chorado veciño, artífice entre outras cousas da Ruta Rosaliana.
– ND: Desde o seu acceso á presidencia en 2012 a Fundación pasou dunha taxa de autofinanciamento de 20% a 45% en 2019. Como foi isto posíbel?
– AA: Fixemos un traballo de dinamización, modernización e apertura en múltiples aspectos e aproveitamos o 150 aniversario de Cantares gallegos para darlle pulo a Rosalía e á súa Casa. A renovación a fondo que se fixo incrementou tamén o número de entradas e de vendas.
– ND: Por que é importante ter esta independencia económica?
– AA: Pois por cousas como a pandemia deste ano. Sobrevivimos grazas á colaboración conseguida co proxecto Amigos da Casa de Rosalía. A independencia económica faite evidentemente máis libre. Pero neste sentido quero recalcar tamén que iso está na xenética da Casa de Rosalía.
O proceso de compra ou de conversión en Casa-Museo fíxose como un proceso colaborativo, como unha causa nacional. Queremos volver a iso e, ademais, darlle a canle necesaria a moitas persoas para poderen participar do proxecto e implicárense na protección do que é un dos grandes emblemas que nos une.
– ND: Tamén entre 2012 e 2019 as visitas á Casa-Museo medraron 260%. Como valora este dato?
– AA: Hai que valoralo moi positivamente, claro. Agora ben, o mérito non é exclusivamente da Fundación. Cómpre ter en conta a forza extraordinaria que nos últimos anos Rosalía adquiriu, non só na Galiza. A súa presenza social, na rúa e na escola, medrou exponencialmente.
E ese é un éxito de todos, pero especialmente dela, do vivos que están os seus grandes perfís como intelectual e escritora. E a Fundación ten que estar á beira deste fervedoiro e aberta á promoción e dinámica das súas enerxías.
– ND: Cales son os obxectivos de cara aos próximos anos?
– AA: Un dos máis importantes obxectivos que temos agora mesmo diante é o da proxección internacional de Rosalía e da súa Casa. Xa levamos unha edición do programa Rosalía en Camiño, que trae a Padrón e á Galiza escritores de diferentes linguas e culturas, pero queremos tamén traballar nas traducións da súa obra e integrarnos nos programas europeos. Cómpre en todo caso estar no posíbel á altura da muller que temos a obriga de representar.”

Conversa con Xavier Queipo arredor de Corazón de manteiga

Desde Radiofusión:
“O nome xa nos derrete mesmo o pronunciamos. Corazón de manteiga é a nova novela de Xavier Queipo editada por Galaxia. O autor é galego, de 63 anos e residente en Bélxica. “Non é doado saber de onde ven unha novela. Pode vir dun soño, dunha experiencia ou da nova dun xornal” responde o autor á primeira cuestión que lle lanzan no club de lectura, Esther Val, Andrés C. M. Riveira e Henrique Sanfiz.
Corazón de manteiga vén seguramente da infancia e da experiencia de Xavier Queipo como médico en prácticas no manicomio de Conxo no ano 1981. Di que foi cara atrás para reconstruír a historia dunha persoa que recibiu electrochoques. Daí saltan ao dilema de patria. É a lingua ou a infancia? Queipo ponas a nivel. Na infancia están as raíces pero a lingua ten o seu aquel. Na infancia e adolescencia do autor, había dúas linguas, a da escola, o castelán e a do verán na aldea, o galego. “As miñas dúas patrias coinciden nun lugar, unha aldea da Maía ao lado de Padrón” afirma Queipo, para quen o pasado é moi relevante. Hoxe non vive en Galicia e leva máis tempo fora que dentro. En Bélxica fala galego e conseguiu que xente que non o falaba o fale agora que está lonxe. “Hai moitas maneiras de amar o país”, asegura o escritor convidado.
Falamos tamén de recendos e sabores da infancia que non volvemos experimentar despois, como o recendo a pan saído do forno, que son moi evocadores para a literatura. Confesa Xavier Queipo que entrou na literatura a través de Cunqueiro ou de Cortázar. Tamén de Thomas Mann e Proust.
Falamos de enfermidade mental e da incapacidade das sociedades por admitir o diferente. E de como os desequilibrios poden sortearse de tres maneiras; tendo unha dobre vida, emigrando ou pechándonos en nós mesmos. E falamos da Igrexa. “Daquela altura os curas eran os orientadores… daquelas facíanse plans para os fillos e eu estaba predestinado a ser cura” afirma Xavier Queipo. E da culpa. “ A culpa era o mecanismo de control. Se pecaba de pensamento e de omisión. O demo e a maldade estaban por todas partes” A historia que conta na novela está chea de dor pero a dor pode chegar a ser unha ferramenta útil. “Hai que coñecer a dor para valorar a felicidade” conclúe.
Acabamos falando da dicotomía realidade – ficción. Para Queipo, a ficción é realidade na mente de quen a escrebe”.”

A conversa completa pode escoitarse aquí.

Víctor Freixanes di que o Día das Letras non se dedica a Carvalho Calero por escoitar “ao conxunto da sociedade”

Desde Nós Diario:
“A Real Academia Galega (RAG) estudou ampliar o Día das Letras dedicado ao autor ferrolán Ricardo Carvalho Calero pero finalmente decidiu que “estaba ben mirar cara a adiante” e non deixarse “derrotar pola propia situación” da Covid-19, que desluciu e recortou o número de actividades de homenaxe ao escritor e mesmo creou certas polémicas. A pesar da defensa da decisión que fixo este sábado o presidente da RAG, Víctor Freixanes, nunha entrevista concedida a Radio Nacional moitas entidades xa viñeron anunciando nas últimas semanas que seguirán a lembrar a Carvalho Calero.
Se ben é certo que ninguén se opón a que a poeta Xela Arias teña o seu protagonismo e un Día das Letras na súa honra, o que agardaban moitos colectivos é que se adiara calquera mudanza no homenaxeado para que este ano puidesen decorrer máis accións reivindicando a figura do ferrolán. Neste sentido, Freixanes asegurou que esa medida de ampliar a dous anos a dedicatoria estivo sobre a mesa.
“A RAG non está cega e tamén escoita”, dixo, mais puntualizou: “Pero escoita ao conxunto da sociedade, non a un sector da sociedade”. Aliás, ao seu parecer, “ningunha figura recibiu tanta atención como este ano Ricardo Carvalho Calero” porque se fixeron estudos, publicacións e outras iniciativas.
“Non sei que máis podíamos dicir del desde a Academia”, defendeu, se ben afirmou que “non enterra a unha persoa, senón que pon enriba da mesa o canon de figuras que constrúen entre todas capas sucesivas”. Polo tanto, a escritora Xela Arias será a homenaxeada nun ano no que tamén haberá que “botarlle traballo, imaxinación, entusiasmo e mesmo compresión”.
Na súa intervención radiofónica, Freixanes tamén opinou sobre o destino que se lle debe dar ao recentemente recuperado pazo de Meirás. A institución que preside é partidaria de que se compatibilice a mirada á historia apegada a Emilia Pardo Bazán coa parte da memoria histórica.
“Creo que as Torres de Meirás deben ser, por unha banda, a memoria de Emilia Pardo Bazán, porque foi a súa familia quen as construíu e, ao mesmo tempo, non podemos mirar cara a outro lado, porque aí hai un capítulo da historia da Galicia contemporánea que foi a ditadura”, explicou na entrevista recollida por Europa Press.
Respecto do debate sobre o modelo lusista do galego, do que precisamente Carvalho Calero era máximo ideólogo, Freixanes vinculou a postura reintegracionista á teoría de que “a lingua galega é un dialecto do portugués” .
“O tema do debate ortográfico está aí, encima da mesa. Segue vivo e debe seguir vivo, porque o que hoxe é, mañá pode sufrir transformacións”, engadiu. Mais “a lingua galega é a lingua galega, non é un dialecto de ninguén. Nin do portugués, nin do castelán, nin do inglés”.”