Cesáreo Sánchez Iglesias le dous poemas seus

Desde a AELG recollemos a lectura que fai Cesáreo Sánchez Iglesias de dous textos seus, un aquí e outro, do seu libro As bolboretas do Mekong, no seu perfil en Twitter.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.

A Deputación da Coruña diríxese ás asociacións profesionais da cultura para poñer en común medidas para a reactivación do sector

Desde a Deputación da Coruña:
“A área de Cultura da Deputación da Coruña está a promover a modificación de liñas de traballo para adaptalas á situación actual e novas iniciativas encamiñadas a paliar os efectos negativos que o Covid19 vai ocasionar no mundo da cultura. Neste sentido, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, púxose en contacto coas asociacións profesionais do sector para traballar man a man na recuperación despois de rematar o estado de alarma.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, dirixiuse ás asociacións profesionais do sector para transmitir a preocupación pola crise provocada polo Covid19 e ofrecer a colaboración da institución á hora de activar novas medidas que contribúan a paliar os efectos negativos que o confinamento, a crise económica e as medidas que limitan os actos públicos están a provocar nos distintos ámbitos da cultura.
Na carta, Xurxo Couto transmite a “vontade de, na medida do posíbel, axustar as nosas liñas de actuación á crise sanitaria e económica que estamos a vivir co fin de contribuír a paliar as graves consecuencias que está a producir nun sector que depende, en boa medida, da súa difusión en salas e espazos que tiveron que pechar pola pandemia”.
Anuncia tamén á representación dos distintos ámbitos da industria cultural que a Deputación da Coruña está a traballar “na creación de novas iniciativas e na modificación dalgúns programas existentes co fin de responder a unha situación que varía día a día e así continuaremos, co fin de flexibilizar a nosa acción de goberno para ser o máis eficaz e responder da maneira máis acaída ás necesidades e posibilidades dos distintos sectores”.
Entre as primeiras medidas que traslada ás distintas asociacións, destaca a flexibilización das bases da Rede Cultural coa ampliación do prazo de programación por parte dos concellos que se alongará até o primeiro trimestre do 2021 para así manter o orzamento e as actividades da edición anterior. A modificación sae publicada xa no BOP deste 31 de marzo.
Ademais, Xurxo Couto informa de que a área de Cultura da Deputación priorizará a realización dos pagamentos pendentes, garantirá as programacións propias con axustes á situación sanitaria no calendario previsto, e prorrogará o prazo para o desenvolvemento e xustificación das actividades subvencionadas. Campaña de apoio á cultura galega.
Finalmente, o deputado de Cultura ponse a disposición das asociacións para que acheguen propostas e indicacións para que “como sempre fixemos e agora de maneira máis intensa, traballar man a man coas entidades sectoriais para facer fronte a unha pandemia que ten efectos claros na cultura galega”.
Na súa carta, Xurxo Couto anuncia tamén que a Deputación desenvolverá no momento en que sexa máis indicado segundo a situación sanitaria e cando se poida volver á normalidade dos espectáculos ao vivo unha campaña de apoio á cultura galega.”

Imma António, dramaturga: “Nós xa eramos feministas sen sabelo”

Entrevista de Montse Dopico a Imma António Souto en Nós Diario:
“O teatro porfía en saber que hai nas entrañas da nosa humanidade”, dicía ao ler o seu Manifesto do Día do Teatro nos Premios María Casares. Por que?
– Imma António Souto (IAS): Nese manifesto falaba da pregunta que lanza o teatro sobre quen hai aí?, sobre a busca da comunicación, sobre esa procura que o teatro propón arredor das grandes preguntas da humanidade. Non deixamos de preguntarnos quen somos individual e socialmente. E neste confinamento que estamos vivindo agora aínda se fai máis evidente que precisamos desa comunicación porque somos animais sociais. Unha vez a min caeume unha bágoa enriba dunha muller que estaba en primeira fila e ela quedou encantada… Pois este tipo de comunicación tan, digamos, escatolóxica, é moi poderosa.
– ND: Que pensou cando soubo que ía ser a homenaxeada polo Día das Galegas nas Letras?
– IAS: Pois quedei abraiada. E sentín un fondo agradecemento. Considero moi importante o que fai A Sega para dar visibilidade ao traballo das mulleres, e ademais sentín que estaban recoñecéndome non só a min, senón ao teatro deste país. Porque a literatura dramática, dentro das letras, é considerada un pouco como o restroballo… Agora hai, ademais, dramaturgas moi interesantes. Non é como cando comecei eu, que era case a única…
– ND: Iso foi nos 80, cando se publicaban obras súas nos Cadernos da Escola Dramática Galega. A crítica encadrouna na xeración dos 80, que identificou cunha vocación culturalista e un ronsel lírico e simbólico e, dentro diso, cunha tendencia a ocuparse da identidade e da cuestión de xénero no seu caso. Está de acordo?
– IAS: A verdade é que non. Primeiro, que nesa “xeración” eramos moi diversos e eu era moi nova. O que pasa tamén é que non é o mesmo o que se escribe que o que se publica. Algúns textos meus desa época si poden ser líricos. Pero sempre me chocou que me identificasen cun interese pola “temática feminina” porque, por que o dicían? Porque eu escribía personaxes femininas. Entón, o problema non é que eu teña ese nesgo: é que outros non o teñen, é dicir, que as personaxes femininas son moito máis escasas. Eu era nova, rebelde, e escribía de forma intuitiva. Quero dicir, era feminista sen sabelo. Escribía desde a igualdade, desde o reflexo da sociedade que eu quería, porque o teatro tamén transforma a sociedade.
– ND: A directora da Escola de Narón, Flor Maceiras, fala diso e lembra experiencias coma a de Malbarate… Teatro feminista que xa existía antes.
– IAS: Si, o que pasa é que se cadra non tiñamos un discurso moi elaborado. Era unha reacción máis visceral, diante da maneira en que eramos tratadas na vida e na profesión, por iso dicía que eramos feministas sen sabelo. Malbarate, precisamente, montaron unha compañía para poder escoller textos que lles interesasen e personaxes que as enchesen.
– ND: Máis recentemente publicou vostede Os cárceres do esquenzo, que ten algo apocalíptico, sobre violencia e sobre unha praga… Parece que fala de hoxe.
– IAS: Eu empecei a facer teatro na escola, aos 9 anos. Despois, no instituto, non parei até que se formou un grupo de teatro en galego…
Os cárceres do esquenzo e Aforro ordinario foron os únicos textos que escribín porque mos encargaron, e as encargas son algo que quizais debería ser máis habitual no noso país… Aforro ordinario foi para a Escola de Narón e Os cárceres do esquenzo para a compañía Librescena. Na segunda o que quixen foi dar voz a quen non ten: as vítimas da fame, das guerras… Os atentados de Madrid estaban moi recentes e a resposta do público foi impactante. En Portugal, parte do público ergueuse para rezar… (…)”

Entrar aos Vilares

“O documental Entrar aos Vilares, producido pola Lareira de soños e dirixido por Cibrán Tenreiro para acompañar o libro que está a rematar Pastora Veres sobre a parroquia chairega de Xosé María Díaz Castro, foi posto en aberto en Youtube para colaborar na corentena do coronavirus e facer máis levadeiro o encerro. En só dous días, o fil.e acadou na plataforma videográfica 1.000 entradas, o que supón un éxito para un fime modesto que foi finalista da #12MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico.
Desde a Lareira de soños non só nos alegra o éxito do filme entre o público senón tamén porque supón unha axuda para matar o tempo a máis de 1.000 persoas nesta situación. A Lareira de soños atópase neste intre coa montaxe do segundo documental, que será estreado este ano, dirixido por Antón de Guizán e a Factoría Nini sobre a vida de José Lobeiras Gómez co título provisional de O Armeiro de Berulfe, A Memória Retratada.”

Libro de actas do Congreso de Poesía Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega

Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega foi o título do Congreso de Poesía organizado pola AELG, que tivo lugar en 2017 co apoio do Concello de Pontevedra, co que se pretendeu facer unha revisión da poesía galega nos últimos catro decenios, un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.

Xa está dispoñíbel o libro de actas.

Milagre é crer, de Suso Díaz

Desde a AELG agradecemos enormemente a Suso Díaz o envío deste libro de poemas inédito, Milagre é crer, que pode lerse e descargarse no seu espazo na web da AELG, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.

Claudia Castro le un texto de Galicia, o país das marabillas

Desde a AELG recollemos a lectura que fai Claudia Castro dun fragmento de Galicia, o país das marabillas, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.