Crónica videográfica da IV Xornada de Literatura Dramática (I)

A IV Xornada da Sección de Literatura Dramática. Cartografías da palabra en acción foi unha actividade organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe os seguintes vídeos:

Inauguración. Javier Celemín, Concelleiro de Cultura da Coruña, Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Cilha Lourenço, coordinadora da Xornada:

Mesa redonda A literatura dramática nas aulas. Moderada por Olivia Pena. Con María Vilariño e Manuel F. Vieites:

Antía Yáñez: “Non ten que vir ninguén salvarme, porque o que realmente me pode salvar é aprender a loitar eu as miñas batallas”

Entrevista de Montse Dopico a Antía Yáñez en Praza:
“Iolanda e a súa filla habitan un mundo hostil. Cruel, desigual, devorado por un poder que tenta amputar os afectos e converter os humanos en súbditos sempre dispostos á submisión. Mais hai algo que á cúpula que o domina todo –comandada por unha muller, nunha sociedade fondamente patriarcal- se lle escapa. Un xeito de rebeldía que, non sendo nun principio colectiva, permite albiscar a fin da alienación. Disto –entre outras cousas- vai a nova novela de Antía Yáñez, Be Water. Que é un dos títulos cos que está a darse a coñecer a nova editora Cuarto de Inverno. Falamos con Antía, e máis abaixo poderedes ler tamén unha entrevista con Andrea Jamardo, a creadora –xunto con David Cortizo- de Cuarto de Inverno. (…)
– Praza (P): A novela describe unha sociedade moi desigual en canto a relacións de poder entre clases sociais, ademais de fondamente patriarcal. E poñer o acento, ademais de na desigualdade de clase, na desigualdade de xénero, é quizais unha das achegas das autoras que optan pola novela distópica (xa o fixera Margaret Atwood, por exemplo). Quixeches que fose así, ou simplemente quixeches reflectir a realidade que ves?
– Antía Yáñez (AY): Eu son unha feminista-optimista. É certo que o patriarcado está a nos atacar moi forte hoxe en día, pero é que o século XXI vai supoñer -xa o está a supoñer- un cambio moi grande para a sociedade en todo o que ten que ver co papel da muller e as novas masculinidades. Cando vou polas escolas e institutos e escoito as novas xeracións, énchome de esperanza.
Pola contra, o que non vexo é que as diferenzas entre clases sociais diminúan; máis ben ao contrario. Cada vez sóannos máis palabras coma “aporofobia”, medo e rexeitamento á pobreza, e os ataques dos partidos da extrema dereita van sempre dirixidos a este sector da poboación. Pensei en como podería ser un mundo no que o “sálvese quen poida” fose moito máis extremo do que o é hoxe en día. O capitalismo responde en gran medida (se non é a súa natureza mesma) a estra premisa, e eu en Be Water quería explorar un futuro no que as cousas que estou a ver xa hoxe en día estivesen ao límite. (…)
– P: Canto á maneira en que está contada a historia, é unha estrutura bastante lineal, con algún flashback (como cando se conta a historia de Aquiles), cunha linguaxe directa e sinxela e con capítulos curtos. Tampouco é unha novela moi longa. Pensabas nun público xuvenil cando a escribiches? Como quixeches que resultase ao lector/a o estilo?
– AY: Nunca penso no público ao que dirixir a novela agás para unha cousa: o vocabulario. Se vai ser para rapaces menores de 12 ou 13, coido moito este aspecto, ou polo menos inténtoo. Explicar o mundo dos adultos e das adultas ás crianzas é un exercicio que require moito enxeño, e creo que cando alguén critica a LIX considerándoa “arte menor” é porque non pode ou non sabe conectar coa rapazada e por iso a menospreza.
Eu escribín Be Water sabendo que podía poñer, en canto a vocabulario, o que quixese (palabras malsoantes, castelanismos, anglicismos, expresións subidas de ton…) porque os seus potenciais lectores ían estar por enriba dos 13, pero non pensei en nada máis. No relativo á linguaxe sinxela, coido que sempre escribo así. Dá igual a quen vaia dirixido o libro porque é o meu estilo. De nena sempre odiei a adxectivación e as frases longas, así que agora que creo os meus mundos fágoos como a min me gustaría ler as novelas. (…)
Falamos con Andrea Jamardo sobre este novo proxecto editorial.
– P: David Cortizo e ti traballabades en Urco e nun momento decidides crear a vosa propia editorial. Por que? Cal é voso obxectivo?
– Andrea Jamardo (AJ): Decidimos crear Cuarto de Inverno para ter a liberdade de publicar os libros que a nós nos gustan sen dar explicacións, sendo libres de facer e desfacer ao noso xeito. O noso obxectivo é poder vivir da edición e desfrutar de cada un dos procesos que rodean o mundo do libro.
– P: Non é doado diferenciarse nun sistema editorial coma o galego, cun lectorado tan pequeno. Que distinguirá a vosa liña editorial da de outras editoras pequenas coma a vosa?
– AJ: Estamos aínda a construír a nosa personalidade como editorial pero os nosos libros teñen que falar por David e por min, publicaremos o que a nós nos guste e o que nós como lectores teriamos nos andeis das nosas casas.
Como dis, o sistema editorial galego é complexo, as persoas lectoras que escollen libros publicado no noso idioma é pequeno, mais intentamos sermos positivas en todo o que facemos, poñerlle ilusión e cremos na nosa capacidade de traballo. Do contrario, non iniciariamos este proxecto e, se en Galiza só un 4% da poboación lectora le libros en galego, temos que pensar que hai 96% que aínda pode facelo. A por eles! (…)”

Alfredo Conde presenta Homes de ferro

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Alfredo Conde presenta Homes de ferro. O escritor novela o tráxico final de catro amigos irlandeses que construíron un bote para facer o Camiño por mar dende Dublín a Compostela. A obra publicada por Ézaro forma parte dun proxecto máis amplo que promoven Buxa, a Asociación Galega do Patrimonio Industrial. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Entrevista a Ramón Nicolás no Diario Cultural

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Emitiuse unha entrevista no Diario Cultural centrada tanto nos dez anos que cumprirá este blog o vindeiro mes de outubro como nos trinta de práctica ininterrompida de crítica literaria. A miña gratitude pola atención. A quen lle interese pode acceder premendo aquí.”

Vicente Araguas: “O amor é un tema que me fascina, son un romántico”

Entrevista a Vicente Araguas en Diario de Ferrol:
“Vicente Araguas (Xuvia-Neda, 1950) volta á poesía en galego con O amor non se fala soamente (Ronsel do 68), editado por Medulia.
Máis de trinta poemas dan forma a un traballo no que a épica e a lírica van da man, onde o “nós” e o “eles” deixa paso tamén ao “eu”, porque para esa primeira persoa que é Araguas o maio do 68 significou moito. Case todo.
Nesa época chegou á Universidade, a Compostela, e alí foi parte do movemento estudantil que alzou a súa voz pola liberdade e por un mundo máis xusto. Araguas fíxoo ademais con letras e música, xunto cos outros compañeiros universitarios cos que nacía Voces Ceibes, canción protesta nunha época tinguida pola escura ditadura.
O prolífico escritor nedés, afincado en Madrid –onde segue a exercer como profesor emérito, pero que regresa con asiduidade á súa vila natal–, reivindica ese maio do 68 nun libro que emerxe como unha sorte de calendario, con versos que se moven entre “Viña seembro tan cheo de vontades” ou o “Outubro, río turbo”, para facer tamén unha parada no “Novembro de ventura” ou na “Semana Santa do 68”.
Estes son só algúns dos poemas que dan vida a unha obra que, como o propio autor relata, foi cociñada a propósito dun curso monográfico que impartiu o pasado ano na Universidade Senior da Complutense de Madrid e que xiraba precisamente sobre a revolta que tivo o seu xermolo en Francia.”