Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 30 de xuño

O 30 de xuño continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Manuel Monge asina Os restos do franquismo en Galiza, publicado por Laiovento.
19:00 h. Xosé Carlos López Bernárdez asina Fronte da Arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta, publicado por Laiovento.
19:00 h. Cándido Paniagua asina 48 horas, publicado por Xerais.
20:00 h. Xabier Paz asina Galileo no espello da noite, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
20:00 h. Francisco Castro asina Tantos anos de silencio, publicado por Galaxia.

Xabier Paz: “Apenas coñecía catro tópicos sobre Galileo e, achegándome, fiquei absorbido pola súa peripecia vital e intelectual”

Entrevista de Montse Dopico a Xabier Paz en Praza:
“(…) – Praza (P): A impresión que dá a lectura é que a novela [Galileo no espello da noite] está en boa medida baseada nunha moi exhaustiva documentación: o nivel de detalle sobre os seus amigos e inimigos, sobre as polémicas que mantivo… Como preparaches esa parte de documentación? Non había aí tamén, quizais, un risco de ceder demais ante o personaxe histórico deixando de lado a ficción, a construción do personaxe como tal?
– Xabier Paz (XP): Acaso existe un hábito da miña formación profesional. Antes de escribir sobre algo, non de falar na barra dun bar, senón de escribir, procuro entender o que saben os especialistas que antes e mellor ca min dedicaron o seu tempo ao tema ou personaxe en cuestión. Fixar ben os límites da pescuda, cousa non sempre doada polo ensarillado dos temas, e ler moito, ler cando poda.
Para min é un pracer combater a propia ignorancia, no proceso de entender algo, un personaxe, un momento histórico ou un fenómeno natural é sempre unha experiencia gozosa, non sempre sinxela nin pronta, pero mesmo cos atrancos e dificultades, sempre me resulta grato e por veces engaiolante. Quixera poder transmitir algo desde pracer na escrita.
Na miña biblioteca física e, por suposto nos pdfs e arquivos do meu ordenador, a estas alturas hai seccións que se corresponden con algún dos libros escritos. Libros.
O equilibrio entre ensaio e narración é, talvez, un dos problemas que cómpre resolver cando se escribe un libro de tema histórico, sobre todo se queres escribir algo que non sexa mera descrición dunha peripecia vital, neste caso histórica. A min gústame engadir doses de ambiente, de cultura, digamos de ensaio. Sei que non a todo o mundo lle agrada iso nunha novela.
– P: En relación con iso, se cadra unha das principais achegas túas é a maneira na que afondas na relación de Galileo con distintas mulleres: a nai, as fillas -e en especial Sor Celeste, que é o seu sustento afectivo- e a compañeira, Marina. As cartas que intercambia con Sor Celeste forman unha parte importante da narración. Por que decides afondar nestas relacións?
– XP: O tópico de que detrás de todo grande home hai unha muller corresponde a unha realidade biolóxica e ideolóxica, unha evidencia natural e social. Ningunha vida, sexa de home ou de muller pode entenderse sen nai. Mesmo nas persoas orfas, o oco marca. A presenza das mulleres é unha materia que me interesa como un xeito de furar nos moldes e estereotipos de xénero. Falar das mulleres é tomar partido e eu quero tomalo, ben ou mal quero facelo, e fíxeno en case todos os meus libros, aínda que deba dicir que teño un proxecto, case rematado, no que apenas hai nin sombra feminina, é una historia de cronistas e navegantes do S. XVI.
Quixen humanizar o sabio. Tratar do home, da persoa por detrás da imaxe social e cultural do filósofo natural. As cartas da filla de Galileo están editadas por unha muller, Dava Sobel, e aproveiteinas. Estou convencido de que as relacións afectivas e en concreto a presenza de sor Celeste foi importante na súa vida. (…)
– P: Parece, de feito, que en todas as túas novelas se cuestiona a clásica oposición entre o “local” e o “universal”: a historia italiana é tamén a nosa Historia, e a galega é a europea… É un pouco parte do teu obxectivo como escritor?
– XP: Coma en moitas parellas conceptuais creo que hai unha falsa antinomía entre o particular e o universal. Sen caer en relativismos penso que a vida transcorre coma unha mestura de identidades, digamos concéntricas desde a casa, a cidade, a vila ou lugar, a parroquia, a nación, o Estado, o continente e o mundo. Niveis ou capas entendidas, tamén, coma mestura xeográfica e histórica, lugar concreto e acontecemento temporal ao tempo.
Non sei se teño un obxectivo coma autor. Desde logo escribir en galego ou non escribir é a premisa imprescindíbel aquí e agora. Despois escribir sobre o que me gusta, se pode ser me apaixona e, desde logo, está dito, facelo con todo a esforzo, diría que cariño, que poda.
Como galego hai figuras e temas “locais” que me interesan, pero como persoa cunha determinada formación e unha sensibilidade concreta hai moitas cousas, alén do noso ámbito identitario que me intrigan. Por exemplo Cartago, a cultura púnica, soterrada polo sal romano, e sei que a meirande parte desas cousas que me interesan non terei ocasión de tratalas. (…)”

O Barco: presentación de Galileo no espello da noite, de Xabier Paz

O 7 de febreiro, ás 20:00 hors, na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco de Valdeorras, preséntase Galileo no espello da noite, de Xabier Paz, publicado por Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Margarida Pizcueta Barreiro, concelleira de Cultura do Barco.

Gondomar: presentación de Galileo no espello da noite, de Xabier Paz

O 17 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13), preséntase Galileo no espello da noite, de Xabier Paz, publicado por Xerais. No acto, o autor estará acompañado por Fran Fernández Dávila.

Xabier Paz: “O que máis me apaixonou de Galileo foi a súa capacidade de dedicarse con brillantez a diferentes actividades”

Desde Xerais:
Cíes Podcast emitiu unha entrevista con Xabier Paz sobre o libro: Galileo no espello da noite, publicado por Xerais na colección: Narrativa. A súa intervención pode escoitarse nesta ligazón, a partir do minuto 29″.”

Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 6 de agosto

O 6 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Tito Pérez asina O latexar do barrio, na caseta da Libraría Nobel da Coruña.
18:00 h. Presentación de En efecto bolboreta, de Ana Pillado Vega, publicado por Fervenza. Con Sofía de Labañou e María Manseliña.
19:00 h. Presentación de Galileo no espello da noite, de Xabier Paz, publicado por Xerais. Participan Carmen Denébola Álvarez Seoane, Vicepresidenta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Fran Alonso e o autor. Ao remate sinatura de exemplares.
19:00 h. Xulio López Valcárcel asina A invención dun Deus. Xesús de Nazaret. II. A configuración do mito. De Mesías a Deus, publicado por Laiovento, na caseta do Consorcio.
19:30 h. Enrique López asina Hércules e o xigante. Unha torre de lenda, na caseta de Hércules de Edicións.
19:45 h. García Lorca en imaxes. Seis poemas galegos, publicado por Alvarellos Editora. Con Henrique Alvarellos e Diego Rodríguez.
20:30 h. Antonio Sandoval asina A Torre, publicado por Kalandraka, na caseta de Moito Conto.

Xabier Paz: “Un dos fíos importantes da vida de Galileo foi a súa relación coas mulleres”

Desde Xerais:
“O programa Con voz de, de Radiovoz, emitiu na súa sección A noite necesaria unha entrevista con Xabier Paz sobre o libro: Galileo no espello da noite, publicado por Xerais. A súa intervención pode escoitarse nesta ligazón.”