Carlos Meixide: “Hai que buscar públicos diferentes, máis alá do que xa milita na literatura galega”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Carlos Meixide en Praza:
“Foron moitos e moitas as persoas que este mes de agosto seguiron as pegadas de Paula nas rúas da cidade do Porto. Durante varias semanas a última novela de Carlos Meixide, A memoria dos meus pasos, publicouse por entregas en Praza.gal. Meixide vén de iniciar agora unha campaña de micromecenado en Verkami para editar o libro en papel. Non é a primeira vez que o autor se lanza á autoedición, un camiño que xa explorou en Ons, Cans ou Inge e Robbie. Tampouco era a primeira vez que botaba man da rede como espazo de experimentación e difusión literaria: hai xa unha década publicou O Home Inédito, primeira novela en galego editada directamente na rede (e máis tarde en papel por Edicións da Rotonda). Falamos con el sobre o recibimento que tivo a publicación por entregas do seu último libro e sobre o funcionamento da campaña de crowdfunding que vén de iniciar.
– Praza: Quedaches satisfeito coa experiencia? Que feedback recibiches dos lectores e lectoras?
– Carlos Meixide: Quedei bastante contento porque teño a impresión de que a novela responde ao que basicamente se lle pide a unha novela por entregas: foi capaz de xerar cada día unha certa expectación por saber o que ía ocorrer no capítulo seguinte. Atopei xente que me preguntaba cunha certa ansia que carallo ía pasar con Paula e isto é moi satisfactorio como autor. Mesmo algunha persoa chegou a comentarme que pasara por unha historia semellante, que coñecera unha persoa semellante a Paula e que por iso tivera tamén que ir a Porto. Creo que avivou tamén ese gusto que temos os galegos polo Porto. Mesmo cheguei a coincidir alí este mes de agosto con algunha persoa que estaba a ler a novela en Praza, e que estaba a seguir un pouco os pasos dos protagonistas. Anécdotas curiosas e divertidas que che suceden como autor cando expós directamente o traballo e recibes o feedback dos lectores. (…)”