A Coruña: representación de A noite vai como un río, de Álvaro Cunqueiro, o venres 3 e sábado 4 de xuño

A noite vai como un río A Coruña 2016As representacións terán lugar o venres 3 e sábado 4 de xuño, ás 20:30 horas, no Centro Ágora. A entrada é gratuíta, con invitación, que se poderá recoller desde o luns 23 de maio na conserxería do Centro Ágora da Coruña, a partir das 09:00 horas, até que se esgoten.

Cuestionario Proust: Afonso Becerra de Becerreá

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Afonso Becerra de Becerreá:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Constancia e lume.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O compromiso e a honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Agarimo e tolerancia.
4.– A súa principal eiva?
– Aceptar a impermanencia e a finitude de todo o que vive: persoas, animais, cousas e, incluso, sentimentos.
5.– A súa ocupación favorita?
– As artes escénicas en todas as súas extensións.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Facer e dicir o que che pete sen ferir a ninguén.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a memoria e o amor.
8.– Que lle gustaría ser?
– Vaca. Pero aínda sou Becerra.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza independente, libre e emancipada. Nun país de persoas sen complexos que estimasen a súa lingua e a súa cultura.
10.– A súa cor favorita?
– O gris.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A primula vulgaris.
12.– O paxaro que prefire?
– O cuco.
13.– A súa devoción na prosa?
– Son devoto da literatura dramática de Esquilo, William Shakespeare, Oscar Wilde, Henrik Ibsen, August Strindberg, Antón Chékhov, Valle-Inclán, Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Thomas Bernhard, Heiner Müller…
14.– E na poesía?
– Son devoto da poesía posdramática de Gertrude Stein, Antonin Artaud, Samuel Beckett, Pina Bausch, Tadeusz Kantor, Sarah Kane, Jon Fosse, Jan Fabre, Romeo Castellucci, Ana Vallés… Fóra da dramaturxia, adoro as Cantigas d’Amigo medievais galegas, William Blake, Rosalía de Castro, Fernando Pessoa, W. H. Auden, Luís Pimentel, Eugénio de Andrade, Uxío Novoneyra
15.– Un libro?
Os Eidos de Uxío Novoneyra.
16.– Un heroe de ficción?
– Woyzeck.
17.– Unha heroína?
– Dona Inés, de A noite vai como un río, de Álvaro Cunqueiro.
18.– A súa música favorita?
– O Requiem de Mozart.
19.– Na pintura?
– Urbano Lugrís.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As persoas anónimas que teñen ideais, alén do poder, e loitan por eles. Meu pai Alfonso, un home xeneroso e humilde, un idealista, un outsider.
21.– O seu nome favorito?
– Ti.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Depende. Quizais a abulia. Tamén o auto-odio e a represión. A diglosia. A impostura.
23.– O que máis odia?
– Nada. Odiar vai contra os meus principios básicos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Toda a récua de ditadores dos que sei e que nin vou nomear para non lixarche o blog.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Natural??? Mellor un don sobrenatural como a ubicuidade ou a teletransportación, ir aló onde quixese nun abrir e pechar de ollos. Ou máis acó o don da oportunidade. O de mirar aos ollos a beleza sen ficar petrificado.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor propia e sen causar dor allea.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A curiosidade e a análise do que me rodea. O gozo de pensar e actuar. A emoción estética.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os causados pola cegueira do amor.
30.– Un lema na súa vida?
– Liberdade e compromiso.”