Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2015

NaFestigal 2015 Galería das Letras do Festigal 2015, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o sábado 25 de xullo:

– 16:00 h. Presentación do libro: Guía para o descenso enerxético, Manuel Casal, Véspera de Nada.
– 16:30 h. Presentación dos libros: O bigote de Mimí e Sonetos á Casa de Hortas, de Manuel María, Fundación Manuel María.
– 17:00 h. Presentación do libro A galera de Xelmírez, de Xabier Paz, publicado en Xerais.
– 18:00 h. Na Banca de Livros da Através Editora, Helena Miguélez-Carballeira e Valentim Fagim asinarán exemplares das súas obras Galiza, um povo sentimental? e a novidade O galego (im)possível. Ainda mais.
– 19:30 h. Presentación do libro A República das Palavras, de Séchu Sende, publicado por Através Editora.
– 20:00 h. Presentación de Historia de Galicia, de David Pérez, publicado en Edicións do Cumio.
– 20:30 h. Presentación de Nacionalismo galego aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975), de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, publicado por Laiovento. No acto acompañan ao autor Afonso Ribas e Xavier Vence.
– 21:00 h. Presentación do libro Indecencias e corruptelas, de Manuel Monge, publicado por Corsárias.
– 21:30 h. Presentación do proxecto artístico-literario Libros para Mirar, de Luz Darriba.

Laiovento, “proxecto de compromiso e de dignidade”

Reportaxe de Marcos Pérez Pena en Praza:
“En 1991 Xosé Manuel Beiras, Pepe Carreiro, Xesús Couceiro, Manolo González Millares, Francisco Pillado e Afonso Ribas botan a andar Laiovento (tomando o nome dun texto dramático de Otero Pedrayo) “coa pretensión de contribuír desde unha óptica progresista e aberta á normalización cultural e política de Galicia”. Outro dos compromisos adoptados inicialmente foi que, mentres non se acadase unha normativa “de consenso” para a lingua galega, “en todos os nosos libros respectaríase a opción ortográfica de cada autor ou autora”.
“Laiovento fixo e segue facendo un labor encomiable en tempos verdadeiramente duros, sobre todo ese labor de especialización no mundo do ensaio, que non existía nas editoriais galegas. E ensaio, ademais, non só de temática galega, senón ensaio de alcance universal. Coa visión que tivo sempre o galeguismo histórico: mirando o mundo dende Galicia. Ese diálogo nacionalismo-internacionalismo é algo permanentemente de manifesto”, destaca Xosé María Álvarez Cáccamo, unha opinión compartida por David Otero, que salienta que Laiovento “foi símbolo de liberdade en canto a normativas, en canto a temas, foi unha plataforma non acoutada senón aberta, unha plataforma de liberdade. Tanto na tradución de obras do pensamento e da literatura universal coma na publicación de obras de pensamento e de creación feitas en Galiza”.
“Laiovento é unha casa amiga, á que volves sempre” -subliña Mercedes Queixas– “É unha casa editora que acolleu sempre, dende o respecto escrupuloso, as escritoras e os escritores noveis, e que acolleu, moitas veces de xeito arriscado, temáticas que non tiñan cabida noutros selos editoriais. Laiovento cumpriu un papel histórico de ser un proxecto de compromiso e de dignidade. É unha editora que apostou, como algo nuclear, como eixo vertebrador, pola potenciación do ensaio e do teatro, xéneros algo máis deficitarios á hora da visualización editorial”. Queixas sinala igualmente a importancia do “achegamento máximo e sincero ao mundo da lusofonía, tanto a través do acollemento das e dos autores que escriben os seus textos de acordo coa normativa integradora, coma da investigación sobre o ámbito lusófono”.
“É unha editorial case case enciclopédica, porque trata practicamente todos os xéneros da escrita e todos os temas” -engade Manuel Lourenzo– “É unha editorial digna de Francia ou Alemaña, de países ricos que potencien os seus saberes e a súa cultura”. Un proxecto que ten moito de Pancho Pillado, pero que por suposto é froito do traballo colectivo de moitas persoas, como lembra Pepe Carreiro: “Xosé Manuel Beiras, Xesús Couceiro, Sandra Vilaseco, Afonso Ribas, Paco Souto, Mercedes Queixas, Manolo Millares… A editorial apoiouse desde o principio na experiencia que cada unha destas persoas tiña en áreas diversas: edición, comercialización, impresión, administración ou deseño gráfico. E este é, coido, un dos piares que a sustentan”. (…)”

Santiago: presentación de A crise económica na época presente e a descentralización rexional, de Alfredo Brañas

O mércores 16 de marzo, a partir das 20:00 h., presentación de A crise económica na época presente e a descentralización rexional, de Alfredo Brañas, publicado en Toxosoutos. Intervirán no acto Xosé Manuel Beiras, autor do limiar, Afonso Ribas e David González Couso. Crónica posterior en Galicia Hoxe.