Arquivos da etiqueta: Alfredo Ferreiro
Crónica da entrega do XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
Desde o blogue de Alfredo Ferreiro, O levantador de minas:
“Onte, sábado 14, ás 19:30 estabamos en Sarria para a entrega do premio a Eva Veiga polo seu libro A distancia do tambor. A velada deu para moito, e porén non foi máis que o memorábel colofón dun evento organizado con primor polos amigos da Asociación Cultural Ergueitos, que neste ano atinxía a décimo terceira edición. O acto foi conducido por Rosa Enríquez, quen ofreceu unha atinada reflexión sobre a importancia dos premios literarios para os autores e para os lectores, ademais de describir o esforzo sobradamente recompensado que desde o xuri tivemos que realizar para escoller un traballo entre os 82 presentados, cando eran polo menos media ducia os que sen dúbida podería ser galardoados. A continuación, o outro xurado, Xerardo Quintiá, vencedor dunha edición pasada, debullou con perspicacia e sentimento as liñas mestras da obra premiada anticipando para o público as virtudes dun poemario que sen dúbida será visto como unha obra maior. (…) Como última intervención, Eva Veiga agradeceu o premio e ofreceu un recitado maxistral sobre os versos do poemario, facendo gala das dotes para a dicción poética que tantos aplausos lle reporta nas actuacións do Grupo Ouriol. Quero lembrar, entre os argumentos esgrimidos pola autora no seu discurso, un que me resultou especialmente esclarecedor. Eva Veiga defende que a poesía constrúe unha utopía que transforma a nosa visión da realidade. Por que? Porque a partir da visualización da utopía ou dun mundo posíbel novas hipóteses enriquecen a nosa interpretación do mundo, xa que a realidade non existe para alén da nosa interpretación da mesma.
O acto foi completado coa interpretación de varios temas musicais interpretados a piano por Antonio Queija. Aquí ofrecemos os vídeos que Tati Mancebo puido facer cun Ipad.”
Sarria: entrega do XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño a Eva Veiga
O sábado 14 de setembro, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria, entregarase o XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño a Eva Veiga. No acto, organizado pola A. C. Ergueitos, participarán os membros do xuri Rosa Enríquez, Xerardo Quintiá, Alfredo Ferreiro, Francisco Pérez e María Casar, xunto ao artista plástico Miguel Ángel Macía.
Arteixo: recital-presentación de Esplendor Arcano, de Ramiro Torres
O venres 10 de maio, ás 21:00 horas, na Libraría Á lus do candil de Arteixo (Rúa Historiador Vedía, 3), preséntase Esplendor Arcano, de Ramiro Torres, publicado polo Grupo Surrealista Galego. No acto haberá un recital coa participación, xunto ao autor, de François Davo, Alfredo Ferreiro, Modesto Fraga, Xosé Iglesias, Begoña Paz, Tati Mancebo e Sapoconcho.
Eva Veiga gaña o XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
“En Sarria, a 20 de abril de 2013.
Reuniuse o xuri do XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, composto por Rosa Enríquez, Xerardo Quintiá e Alfredo Ferreiro, actuando con voz e sen voto como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco Pérez e como Secretaria a Presidenta da A. C. Ergueitos, María Casar.
Logo dunha intensa deliberación motivada pola cantidade e calidade dos poemarios presentados o ditame final realizouse sobre catro obras, as presentadas baixo os lemas: Viaxe circular, Sen fin, Verán e a que acordamos por unanimidade é a gañadora desta edición do Fiz Vergara Vilariño, presentada baixo o lema A distancia do tambor e seudónimo Baruch Sanarai. Destacamos desta obra o uso novidoso e minimalista da linguaxe poética a través dunha marcada e contida intensidade expresiva e que propón unha reflexión sobre o espazo como un lugar vivo.
Aberta a plica en acto público ás 13:30 horas a obra presentada baixo o lema A distancia do tambor resultou ser da autoría de Eva Veiga Torre.”
A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval
Desde O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro:
“No pasado decembro acudimos á presentación n’ Á lus do candil do último romance de Chisco Fernández Naval [A noite branca], unha obra de base histórica que se converteu en poucas semanas nun éxito editorial. Estas imaxes mostran parte do evento así como as palabras que o autor concedeu a OLM sobre certos aspectos da obra.”
O Temple-Cambre, e Arteixo: recitais de A porta verde do sétimo andar
Ferrol: presentación de Verde oliva, de Xavier Alcalá
O mércores 9 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32), preséntase Verde oliva, de Xavier Alcalá, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Víctor F. Freixanes e Alfredo Ferreiro, quen manterá unha conversa co autor.
Arteixo: recital dos compoñentes do Colectivo Hedral
Fene: tertulia de Xavier Alcalá con Alfredo Ferreiro, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor
O xoves 11 de outubro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, continúan os faladoiros do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Xavier Alcalá, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Culleredo en 1998, coa novela Alén da desventura, falará sobre esta obra nun acto conducido por Alfredo Ferreiro.