David Pobra gañou o certame de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira de 2013

Desde Certo:
“(…) David Pérez González -coñecido literariamente como David Pobra en alusión ao concello no que naceu- é o gañador da cuarta edición do Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.
Así o deu a coñecer o secretario do xurado, José Antonio Otero, nun acto celebrado no salón de plenos da Casa Consistorial hai uns días, na que o escritor foi agasallado co diploma conmemorativo e o cheque de 3.000 euros con que se distingue este concurso literario, ademais da próxima publicación da obra na editorial Xerais. O título da novela, A liña azul. (…)
O alcalde Manuel Ruiz expresou a súa satisfacción por que o vencedor desta cuarta edición procedese da comarca e tivese vínculos co municipio de Ribeira, e animou ao autor a proseguir polo camiño de literatura, habida conta da calidade demostrada ao ser escollido por un prestixioso seleccionado entre un alto número de obras presentadas (23). Entre as persoas presentes neste acto (que tamén contou coas notas musicais da alumna de piano do Conservatorio Profesional de Ribeira Michelle Pena) figuraban dous dos membros do xurado: María Goretti Fariña, gañadora do último premio de novela curta con Orlando Pendurado, e Cipriano Fernández, escritor e profesor. O xurado tamén estivo composto por Manuel Bragado, editor de Xerais, e Alicia Padín, responsable do Servizo de Normalización Lingüística de Ribeira. Actuou como secretario o arquiveiro municipal José Antonio Otero, quen ao dar lectura da acta destacou non só a cantidade senón tamén a calidade das obras presentadas, que ían dende a prosa poética ata a tradición oral, relatos de intriga, policía ou xuvenil. (…)”
Aquí pode descargase a acta do xurado: Acta do Xurado do IV Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.

María Goretti Fariña, gañadora do premio Cidade de Ribeira, por Orlando pendurado

“O salón de plenos do con­sistorio de Ribeira acolleu a entrega do premio da terceira edición do concurso de relato curto Ci­dade Centenaria de Ribeira, de carácter bienal, ó que se presentaron 11 obras. A gañadora foi María Goretti Fariña Caamaño, de Vilanova, pola obra Or­lando pendurado. O xurado estivo forma­do por Manuel Bragado, director da Editorial Xerais; polos escritores Antonio Piñeiro e Xabier López Marqués, e pola profesora María Ángela Rodríguez. Alicia Padín, do servizo de Nor­malización Lingüística do Concello, actuou como se­cretaria, con voz e sen voto. A gañadora recibiu o premio de 3.000 euros e o diploma acreditativo.” Vía Galicia Hoxe.