Ribeira: actividades destacadas na Feira do Libro o sábado 24 e domingo 25

O domingo 25 de xuño finaliza a Feira do Libro de Ribeira (na Praza do Concello), con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para estes dous últimos días:

Sábado 24
20:00 h. Os premios literarios, chave da porta da literatura, encontro das persoas gañadoras do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade de Ribeira. Participan Goretti Fariña (Orlando pendurado), David Pobra (Liña azul), Amadeo Cobas (A cacería) e Antonio Tizón (Un home estraño), nun acto coordinado por Pilar Ponte Patiño.
21:00 h. Presentación de Corredora, de María Reimóndez, publicado por Xerais.

Domingo 25
20:30 h. Lectura dramatizada de Xosé Neira Vilas, a cargo de Palabra Viva.

A biografía do Orlando namorado, furioso e pendurado, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na revista A Sega:
“Goretti Fariña, na novela Orlando pendurado, debulla a historia de Orlando, un ex-seminarista que traballa no naval. No estaleiro, un día, ten un acidente e queda pendurado dun arnés a nove metros de altura. Mentres agarda que cheguen os bombeiros reflexiona sobre o que foi a súa vida e o que espera do futuro.
Cunha prosa amena, a autora restaura un modelo lingüístico de calidade no que a linguaxe sexista reforza a dominación simbólica contra as mulleres ao tempo que debulla os temas da novela: a crítica ao sistema económico, á Igrexa, aos sindicatos, ás condicións laborais, ás supersticións, etc Iso si: sempre desde o burlesco, desde o ridículo e desde a ironía máis fina porque, este texto, toma o relevo de grandes obras europeas, con altas doses de sátira, como Orlando innamorato (1486) de Matteo Maria Boiardo, Orlando furioso (1532) de Ludovico Ariosto e Orlando: A Biography (1928) de Virginia Woolf. (…)”

María Goretti Fariña, gañadora do premio Cidade de Ribeira, por Orlando pendurado

“O salón de plenos do con­sistorio de Ribeira acolleu a entrega do premio da terceira edición do concurso de relato curto Ci­dade Centenaria de Ribeira, de carácter bienal, ó que se presentaron 11 obras. A gañadora foi María Goretti Fariña Caamaño, de Vilanova, pola obra Or­lando pendurado. O xurado estivo forma­do por Manuel Bragado, director da Editorial Xerais; polos escritores Antonio Piñeiro e Xabier López Marqués, e pola profesora María Ángela Rodríguez. Alicia Padín, do servizo de Nor­malización Lingüística do Concello, actuou como se­cretaria, con voz e sen voto. A gañadora recibiu o premio de 3.000 euros e o diploma acreditativo.” Vía Galicia Hoxe.